CCOO Ensino vén de solicitar unha reunión urxente á Directora Xeral de Formación Profesional á vista de todo o comentado nas xornadas FP Innova celebradas desde o mércores 24 ata o día de hoxe en Santiago de Compostela.
A escasos cinco meses do inicio do novo curso, aínda non recibimos ningunha comunicación por parte da Dirección Xeral de Formación Profesional sobre os plans que ten para implantar o novo modelo de FP derivado da Lei Orgánica 3/2022, de 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional.
Podes consultar o texto íntegro da solicitude a continuación ou descargar o ficheiro completo:
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024
Á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades:
Dirixímonos a vostede en relación coa urxente necesidade de esclarecer a situación actual e a planificación da Formación Profesional en Galicia para o vindeiro curso 2024-2025.
Tendo en conta que pasou un período demasiado longo por todo o proceso electoral vivido en Galicia desde comezos deste 2024, consideramos urxente que a maquinaria da Consellería se poña novamente a pleno rendemento.
Posto que foron moitas as ocasións nas que demandamos a súa presenza na Mesa Sectorial para que informase á representación das traballadoras e traballadores do Ensino galego, e todas esas solicitudes foron ignoradas, insistimos unha vez máis.
A escasos cinco meses do inicio do novo curso, aínda non recibimos ningunha comunicación por parte da Dirección Xeral de Formación Profesional sobre os plans que ten para implantar o novo modelo de FP derivado da Lei Orgánica 3/2022, de 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional.
O nivel de incerteza e falta de información que se percibe entre o profesorado e os equipos directivos dos centros educativos é enorme. Por non mencionar as constantes presións ás que estes últimos se ven sometidos para atopar empresas que permitan a dualización de todo o sistema de Formación Profesional.
É imperativo que a Dirección Xeral se reúna coas organizacións sindicais para explicar en detalle cales son os plans da Consellería e cal é o nivel de planificación actual e as accións que se están levando a cabo de cara a implantación desta “nova” Formación Profesional en Galicia para o curso que vén.
Por iso, solicitamos unha reunión urxente con CCOO Ensino para abordar estas cuestións e establecer as canles de comunicación necesarias para garantir unha adecuada coordinación e transparencia no proceso.
Agradeceriamos que esta reunión se celebre á maior brevidade posible, tendo en conta a inminencia do inicio do novo curso.
Sen outro particular e quedando á espera da súa pronta resposta, reciba un cordial saúdo.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024
Asdo: Luz López Pérez
Secretaria Xeral da Federación de Ensino de CCOO