A medida que nos achegamos ao final de 2024 e á espera de que se aplique este ano o incremento adicional do 0,5 % ao noso salario, estas son as táboas que reflicten a suba salarial do profesorado galego.
É fundamental explicar polo miúdo estes incrementos retributivos, froito dos acordos asinados por CCOO Ensino:
- En 2018 asinouse, co Goberno central, o II Acordo estatal para a mellora do emprego público e de condicións de traballo para os anos 2018, 2019 e 2020, que estableceu incrementos do 1,75 %, 2,5 % e 2 % en cada ano, respectivamente.
- Tamén en 2018, en xullo, asinouse o Acordo de homologación retributiva coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que supuxo un incremento de 90 euros mensuais.
- En 2022 asinouse o Acordo marco para unha administración do século XXI co Goberno central, aplicable nos anos 2022, 2023 e 2024, que implica subas do 3,5 %, 3,5 % e 2,5 %, respectivamente.
- E, por último, en outubro de 2023 asinouse o Acordo de medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente, coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Supón un incremento do 20 % nos conceptos de sexenios, titoría e outras funcións docentes, e de 20 euros mensuais para diversos cargos unipersoais.
Nas táboas resumo aínda non estamos contabilizando un 0,5 % pendente do Acordo marco para o século XXI, ligado a unha variable que, con toda probabilidade, se vai cumprir. Ademais, no acordo de outubro de 2023, estamos considerando unicamente o incremento do 10 % nos conceptos de sexenios, titoría e outras funcións docentes correspondente a 2024. En 2025 aplicarase o 10 % restante.
Con todos estes datos, pódese comprobar nas táboas que o incremento mensual dos anos 2022, 2023 e 2024 (á espera do 0,5 % que falta por aplicar) está no intervalo de 219 a 400 euros, dependendo do corpo e da antigüidade. Isto representa un aumento anual de entre 3013 e 5475 euros. Porcentualmente, estamos moi preto do incremento do IPC no mesmo período.
Para unha análise máis rigorosa, cómpre considerar o período completo dos dous últimos acordos co Goberno central e dos dous co Goberno galego (desde 2018 ata 2024). Neste período, as cantidades son aínda máis favorables: o incremento mensual sitúase entre 462 e 739 euros, segundo o corpo e a antigüidade, o que se traduce nun aumento anual de entre 6383 e 10 139 euros. Porcentualmente, estamos por riba do incremento do IPC no mesmo período, cun aumento medio do 22 % na data de xullo de 2024, fronte ao IPC en Galicia do 21,2 % entre esas mesmas datas.
Podemos concluír, sen temor a equivocarnos, que os acordos asinados por CCOO permitiron, nos últimos anos, que o profesorado galego gañe poder adquisitivo. Cando outros sindicatos que non asinaron ningún acordo vaian polo teu centro, pregúntalles que melloras conseguiron nos últimos sete anos.
Desde CCOO non enganamos coas contas. Podes coller a túa nómina, ano a ano, e comprobar que coincide co que publicamos.