Hai vontade real de cumprir o financiamento da LOSU?

Nova reunión da comisión de traballo para establecer o incremento do gasto público nas universidades públicas. Reclamamos un financiamento basal finalista que garanta a estabilidade e o futuro do modelo público de universidade.

O artigo 55.2 da LOSU establece, co horizonte temporal do ano 2030, unha dobre obriga:

  1. Destinar, como mínimo, o 1% do produto interior bruto (PIB) ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado. As transferencias correntes ás universidades públicas situáronse en 2024 nun 0,55 % de media (entre o 0,26 % e o 0,86 %). O financiamento que as universidades públicas reciben das Administracións das que dependen (fundamentalmente das comunidades autónomas) caeu 14 puntos porcentuais en termos reais desde o ano 2009.
  2. A equiparación progresiva ao investimento medio dos Estados membros da Unión Europea (UE), que no ano 2024 se situou no 1,2 %.

Existe unha vontade real de garantir o financiamento que necesita a universidade pública para prestar un servizo público de calidade?

Chegar ao 1 % do PIB destinado a gasto público na universidade pública non é un obxectivo final, senón un mínimo para alcanzar non máis tarde do 2030. O obxectivo real é que o investimento na universidade pública se sitúe na media da UE. Sinalamos esta circunstancia porque o propio Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) parece renunciar de inicio a alcanzar a igualación coa media da UE. O 20 de novembro de 2024 constituíuse a comisión de traballo para «establecer o incremento do gasto público para alcanzar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento das universidades públicas». Nin rastro do obxectivo de equiparación do investimento en universidade pública coa media da UE.

Dez meses despois da anterior reunión, convócase unha terceira reunión desta comisión para o día 24 de outubro de 2025 sen orde do día nin documentación e na que se propón empezar a debater «propostas básicas sobre o modelo ou os modelos de financiamento público das universidades públicas, os seus principios e principais mecanismos e instrumentos». Consumimos dous anos e medio desde a entrada en vigor da LOSU e nun máximo de catro anos isto debería estar pechado. Pode parecer moito, pero ao ritmo actual empezamos a cuestionarnos que sexa posible.

Para as comunidades autónomas (CCAA), non parece ser unha prioridade o acordo nesta materia. Aínda que é responsabilidade súa asegurar as condicións necesarias para que as universidades públicas poidan cumprir co seu mandato de servizo, desde boa parte das CCAA poténciase un modelo universitario no que prima, en moitos casos, a universidade como oportunidade de negocio que favorece o crecemento incontrolado e inxustificado de universidades privadas. No curso 2025/2026 hai xa 46 universidades privadas fronte a 50 públicas e no curso 2026/2027 case con toda seguridade funcionarán máis universidades privadas que públicas.

Apóstase por un modelo universitario que non garante a igualdade efectiva de oportunidades e que acrecenta as desigualdades sociais. E esta estratexia pasa, necesariamente, por poñer en cuestión a universidade pública por diversas vías, a principal, o seu infrafinanciamento. Este criterio é o que se plasma, con vocación de permanencia, nos proxectos normativos en marcha. Nestes proxectos, e sobre a base dun suposto principio de corresponsabilidade, formúlase que as universidades públicas obteñan polo menos o 30 % (Madrid e Murcia) ou un 25 % (Andalucía) dos ingresos necesarios para o seu funcionamento por fontes distintas das transferencias autonómicas. E propoñen, sen rubor, un sistema de financiamento público-privado, chegando mesmo nalgún caso (Madrid) a proxectar que «as universidades públicas poderán constituír fondos de investimento ou outros mecanismos financeiros destinados á obtención de recursos para o despregamento das súas actividades». É dicir, a corresponsabilidade depende de que as universidades se “apañen” para cubrir, como boamente poidan, con financiamento privado o incumprimento das CCAA de financiar de forma suficiente non só a calidade presente, senón o crecemento e a viabilidade futura das universidades públicas baixo a súa responsabilidade.

Se nestes momentos as transferencias públicas cobren o 65 % de media dos orzamentos das universidades públicas e as CCAA expoñen nas súas propostas normativas que estas non superen nunca o 70 % (ou o 75 % no mellor dos casos), onde queda a vontade das CCAA de cumprir a obriga legal de destinar, polo menos, o 1 % do PIB ás súas universidades públicas? Poderiamos pensar que nalgún caso se pretende incluso reducir aínda máis o xa insuficiente financiamento das universidades públicas.

Que se debería acordar nesta comisión de traballo?

CCOO reclamamos que esta comisión concrete materias esenciais para o financiamento das universidades públicas como:

  1. Se o mínimo do 1 % do PIB se refire ao PIB estatal ou ao de cada comunidade autónoma. CCOO defendemos que a referencia sexa ao PIB autonómico de cada comunidade autónoma, garantindo un mecanismo de financiamento mínimo que pode tomar como referencia o importe do 1 % do PIB nacional. Dentro deste compromiso de financiamento, débese garantir que o gasto por alumno/a se sitúe na media da UE, o que suporía un incremento medio do 26 %.
  2. O procedemento e prazos para alcanzar o financiamento medio da UE. Para CCOO, o incremento do financiamento debe formularse en dúas fases: antes do 2030 debe aplicarse polo menos o 1% do PIB e a medio prazo fixar como obxectivo a media dos países máis avanzados da UE cun calendario realista.
  3. O contido e alcance do principio de suficiencia e a previsibilidade financeira.
  4. Que se entende e que engloba o financiamento estrutural basal, o financiamento estrutural por necesidades singulares e o financiamento estrutural por obxectivos. CCOO defendemos un modelo que, dentro do respecto ás competencias autonómicas, garanta un financiamento basal finalista que asegure a estabilidade presente e futura das universidades públicas españolas e o seu crecemento. Con carácter de mínimos, debería cubrir o 100 % dos capítulos I (persoal e gasto corrente), II (mantemento, mellora e desenvolvemento de infraestruturas, sostibilidade medioambiental, equipamentos e tecnoloxía) e VI (investigación estrutural).
  5. As fontes de financiamento públicas, así como os mecanismos de seguimento, control e rendición de contas do uso que se dea aos recursos públicos.
  6. As necesidades de financiamento das universidades públicas para dar cumprimento ao mandato legal de prestar un servizo público de calidade e accesible para o conxunto da sociedade.
  7. Que o financiamento público, en todas as súas modalidades, se destine á universidade pública. Débese garantir que este financiamento non poida derivarse ás universidades privadas ou a fórmulas de «concertos».

CCOO facemos un chamamento á responsabilidade de todos os actores con capacidade de decisión para afrontar de vez as serias carencias no financiamento das universidades públicas, que poñen en perigo o seu papel de servizo público e de nivelador social. Apelamos a que os distintos intereses políticos non afecten a resolución do problema do infrafinanciamento da universidade pública, que é recoñecido pola maioría dos axentes. Non nos podemos permitir seguir esperando por solucións que nunca chegan mentres asistimos á deterioración permanente do modelo público universitario.