CCOO reclama que o número de prazas de profesorado axudante doutor do Programa Integra atenda as necesidades docentes que pretende atender, se garanta o seu financiamento a medio e longo prazo e a estabilización das novas prazas.
CCOO reclama abordar de forma integral as necesidades do sistema universitario público.
O luns, 4 de marzo, tivo lugar a terceira reunión do grupo de traballo para o desenvolvemento da LOSU, presidido polo secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades (MICU) e con representación de comunidades autónomas (CC. AA.), CRUE e as organizacións sindicais máis representativas.
A reunión centrouse no debate do Programa Integra, aínda que a mesa asumiu que se deberán acometer outras cuestións esenciais para o futuro das universidades, coma tal o seu fortalecemento institucional, as cuestións relativas ao PTXAS, as necesidades de infraestruturas, as estruturas docentes, investigadoras e de transferencia do coñecemento, os doutoramentos industriais, etc.
Tal e como vos informamos no anterior «CCOO Informa», ese programa considera a incorporación de 4200 novos profesores/as axudantes doutores/as (AxD), ao entender o Ministerio que esta figura facilita o rexuvenecemento e a consolidación dos cadros de persoal universitarios e permite compensar a diminución da carga docente como consecuencia das modificacións introducidas pola LOSU nas dedicacións do profesorado asociado e AxD. Con respecto a este programa:
- As prazas iríanse ofertando durante catro anos, entre os cursos 2024/2025 e 2027/2028.
- Trátase de prazas de nova creación, con independencia das prazas de AxD xa existentes ou as que se poidan vincular ás ofertas públicas de emprego anuais.
- O Ministerio propuxo asumir o financiamento de 1/3 das prazas (1364 no curso 2024/2025), mentres que as CC. AA. asumirían os 2/3 restantes nos seguintes cursos. Realmente, o único garantido sería a aplicación do primeiro ano (1364 prazas); o resto de prazas do segundo e terceiro curso estará condicionado ao acordo e vontade das CC. AA., que non é, nestes momentos, de obrigado cumprimento.
- Para a súa dotación, asinarían convenios plurianuais entre:
- O MICU e as universidades para as prazas financiadas directamente polo ministerio.
- Cada comunidade autónoma e as súas universidades para as prazas que puidese financiar cada comunidade autónoma.
- O importe deste programa estaría incluído no obxectivo de alcanzar como mínimo o 1 % do PIB nos orzamentos universitarios.
- A concreción das prazas e a temporalidade na súa convocatoria poderá adaptarse ás necesidades das universidades.
- O obxectivo destas prazas debe ser a estabilización no marco da carreira docente.
O debate centrouse en dúas cuestións:
1. O número de prazas
Fronte ás 5500 prazas estimadas pola CRUE (e asumidas polas CC. AA.), o MICU sinala que, sobre a base dos datos facilitados polas universidades relativos ás necesidades de novas contratacións de AxD para:
- Compensar os cambios nas dedicacións do profesorado asociado e o AxD como consecuencia da aplicación da LOSU, que daría como resultado a necesidade de 3877 prazas de AxD.
- Atender as necesidades das universidades, cifradas en 1159 prazas de AxD.
O número de prazas resultante ascendería a 5036. Porén, o MICU entende que as 4200 prazas reflectidas no Programa Integra atenderían de maneira suficiente as novas necesidades docentes. Fronte a este criterio, CCOO, xunto co resto de sindicatos, CRUE e CC. AA., reclamamos que sexan 5036 as prazas recollidas no programa se este é o número necesario para atender as necesidades reais das universidades.
O financiamento do programa
O MICU mantivo o criterio xa sinalado na anterior reunión de financiar 1364 prazas no curso 2024/225, 1/3 das prazas, e as CCAA deberán asumir os 2/3 restantes entre os cursos 2025/2026 e 2027/2028:
Prazas AxD financiadas por | Curso 2024/25 | Curso 2025/26 | Curso 2026/27 | Curso 2027/28 | Importe estimado |
MINECU | 1.364 | 0 | 0 | 0 | 60.169.000 € |
CC. AA. | 0 | 1.418 | 62.551.000 € | ||
709 | 709 | 31.276.000 € por curso |
Fronte a esta formulación, as CC. AA. comprometéronse a presentar por escrito unha proposta que dependería de que:
- O MICU asuma o custo de todas as novas prazas de AxD durante toda a vixencia do contrato (6 anos).
- As CC. AA. asumirían o custo durante o resto da súa vida laboral para o profesorado AxD que, ocupando estas prazas, accedesen a prazas indefinidas de contratación.
En todo caso, o MICU adiantou dúas cuestións:
- Que, haxa acordo ou non coas CC. AA., procederá á oferta e distribución das 1364 prazas cuxo financiamento asume.
- Que a distribución provisional das 4200 prazas por CC. AA. sería a seguinte:
CC. AA. | Prazas | CC. AA. | Prazas | CC. AA. | Prazas |
Andalucía | 532 | Madrid | 830 | Baleares | 31 |
Aragón | 130 | Navarra | 63 | Canarias | 130 |
Cantabria | 40 | Valencia | 589 | La Rioja | 6 |
Castilla y León | 371 | UNED | 41 | País Vasco | 102 |
Castilla La Mancha | 133 | Extremadura | 58 | Asturias | 48 |
Catalunya | 811 | Galicia | 130 | Murcia | 158 |
CCOO reclama:
- Que o número de prazas convocadas se axuste ás necesidades reais das universidades, que en ningún caso son inferiores a 5036 e que poderían chegar ás 5500.
- Debe garantirse a estabilización futura destas prazas e non xerar unha solución temporal de seis anos que, transcorrido este tempo, non supoña un incremento consolidado no tempo dos cadros de PDI. Non estamos falando simplemente de «crear» 4200 prazas de axudantes doutores. Este profesorado, xunto co que xa presta servizo con carácter temporal nas universidades públicas, ten dereito á estabilización e á carreira profesional.
- Debe garantirse o incremento consolidable das transferencias orzamentarias ás universidades para asumir o custo destas contratacións: o financiamento deste programa non pode supoñer unha minoración dos orzamentos reais das universidades públicas.
E abrir o debate do resto de cuestións que permitan responder ás necesidades reais das universidades públicas.