A modificación do RD 640/2021 mellora a situación actual, pero non resolverá o problema da proliferación de universidades privadas

O 28 de outubro de 2025 entrará en vigor o RD 905/2025, que modifica o RD 640/2021 de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios.

Esta reforma debía ser das máis importantes desta lexislatura tras a entrada en vigor da LOSU, xa que se supoñía que viña endurecer os requisitos para a creación de novas universidades privadas. A realidade é que non responde a estas expectativas:

  • Mellora a redacción inicial do RD 640/2021, o cal non era difícil. Os requisitos que recollía eran tan xeneralistas e mínimos que a súa aplicación levou a recoñecer como universidades proxectos máis próximos a unha academia de estudos que a unha universidade. Xa durante a súa tramitación, CCOO sinalou que o real decreto non daba atallado o problema do aumento indiscriminado de centros de titularidade privada e a realidade corrobora esa advertencia: a súa aplicación non impediu que, nos catro anos transcorridos desde a súa entrada en vigor, se pasara de 39 a 46 universidades privadas ofertando prazas no curso 2025/2026, ás que habería que sumar outras catro que foron informadas o pasado 9 de setembro pola Conferencia Xeral de Política Universitaria (ANEXO I). Un total, ata o de agora, de dez universidades privadas novas baixo o paraugas dunha norma que, en principio, viña «xestionar, ordenar e planificar con maior capacidade as iniciativas en aumento de creación de universidades ou de centros universitarios» baixo o principio da calidade.
  • Pero tememos que non vai impedir que sigan proliferando novas universidades e centros universitarios de dubidosa calidade. Introdúcense coa reforma toda unha serie de requisitos que, aparentemente, esixirán uns criterios máis estritos nos proxectos que se presenten a partir da súa entrada en vigor. Pero a non esixencia do carácter preceptivo e vinculante de todos os informes requiridos deixará, en boa parte dos casos, a capacidade última da súa aprobación final en mans das comunidades autónomas.

O que cambia e o que debería cambiar

Sen dúbida, a reforma da norma establece novos requisitos e modifica algúns xa existentes (ANEXO II) para garantir un mínimo de calidade, o que debe considerarse positivo. Entre estes cambios destacamos:

  1. As universidades terán que ofertar tres programas de doutoramento, non dous como ata a reforma. Mantense a obriga de ofertar polo menos dez graos e seis másteres de tres das cinco áreas de coñecemento (ciencias, arte e humanidades, ciencias da saúde, enxeñerías e ciencias sociais).
  2. As universidades de nova creación deberán demostrar solvencia económica mediante un aval depositado na Caixa de Depósitos ou instrumento legal similar.
  3. O novo decreto establece un limiar de 4500 estudantes durante os primeiros seis anos de funcionamento. Ata o de agora, o decreto falaba dunha «masa crítica» suficiente. No curso 2023/24, a media de matriculas foi de 19 800 nas públicas e 11 000 nas privadas. En trece das privadas non chegaban ás 3000 inscricións na universidade. Estipúlanse diferentes prazos de cumprimento, mínimo de seis anos (no proxecto inicial eran cinco), con posibilidade de estendelo a dous máis. Tres anos se se crearon nos últimos exercicios.
  4. O decreto modificado obriga a que os proxectos de universidade conten agora con informe favorable, preceptivo e vinculante da axencia de avaliación nacional (ANECA) ou da axencia autonómica de avaliación. Os expertos contarán cun ano para elaboralo e centrarase na calidade do profesorado, a investigación e os equipamentos. Se a iniciativa non se considera apta, os promotores non poderán presentar outra proposta en dous anos. Se o informe é positivo, tócalle ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, no prazo de seis meses, elaborar un informe non vinculante que se dirixirá á Conferencia Xeral de Política Universitaria para a súa aprobación ou non. Enfocaranse na sostibilidade económica, así como na experiencia previa. Ata a entrada en vigor do RD avaliábanse tamén o cadro de persoal e os medios, que agora avaliarán as axencias.
  5. A creación de novas universidades a distancia deberá contar coa aprobación das Cortes Xerais e a avaliación da ANECA. Seguirán sendo competencia das CCAA aquelas que xa estivesen creadas na data de entrada en vigor do RD; as que estean en territorios con lingua propia cooficial e cando, polo menos, o 50 % da docencia se vaia impartir nesa lingua (porque isto limita o alcance supracomunitario da súa actividade académica); e as que teñan financiamento parcial da comunidade autónoma, cun mínimo do 20 % do orzamento da universidade. Os exemplos son claros: a UOC en Cataluña e a Internacional de Valencia na Comunidade Valenciana.
  6. Esixiranse criterios de calidade ao profesorado docente e investigador. En concreto, polo menos o 50 % deberá ser doutor para o conxunto das ensinanzas; e polo menos o 60 % debe ter experiencia acreditada en investigación.

Pero entendemos que se deixan abertas determinadas portas que non garanten o obxectivo de calidade e mellora do sistema universitario, ese que se supón que persegue esta modificación lexislativa. Así, e a título de exemplo, vemos como:

  1. Non se poderá pedir experiencia previa aos promotores dunha nova universidade, polo que calquera persoa ou empresa poderá promover unha, aínda que a súa actividade profesional nada teña que ver co ámbito universitario. Mantense esta esixencia, xa recollida no proxecto inicial de reforma, só aos xestores.
  2. Desde CCOO entendemos imprescindible que todos os informes preceptivos sexan vinculantes, o que non ocorre con esta reforma, na que só os informes das axencias de avaliación o son. É dicir, o informe da Conferencia Xeral de Política Universitaria que valorará a sostibilidade económica do proxecto non será vinculante, co que isto supón de risco para a viabilidade futura do proxecto.
  3. O informe da Conferencia Xeral de Política Universitaria que se incluía para a creación, adquisición e adscrición de centros por unha universidade privada nunha comunidade autónoma distinta daquela onde ten a súa sede social, xa non terá que ser favorable. É dicir, que, aínda que o informe sexa demoledor en contra do novo centro, as comunidades autónomas afectadas poderán autorizar o proceso se así o consideran. Isto é especialmente grave xa que esta é a fórmula que empeza a estenderse para a expansión das universidades privadas en funcionamento. E seguirá ocorrendo o que ata agora é norma: que todas as universidades con informe desfavorable da dita Conferencia ao final terminan sendo autorizadas polas comunidades autónomas. E para mostra as seguintes: nos últimos quince días aprobáronse tres novos centros adscritos: un nas Illes Balears (CEU San Pablo en Mallorca) e outros dous no Principado de Asturias (o da Universidad Alfonso X El Sabio, en Oviedo, e o da Universidad Nebrija, en Avilés). Os tres comezarán a súa actividade académica no curso 2026/2027.
  4. As universidades de nova creación deberán contar con aloxamento para, como mínimo, o 10 % do seu alumnado, garantindo mobilidade e promovendo a igualdade de oportunidades ante o encarecemento e a escaseza de vivenda. Porén, non se obriga as universidades a que a dita dotación residencial sexa prestada total ou parcialmente polas universidades e cuns prezos que garantan a igualdade de oportunidades, senón que se poderá atender mediante convenios con entidades privadas cuxo obxecto é a obtención do beneficio económico.
  5. Os informes para a creación de universidades a distancia, en lugar do previsto no proxecto de reforma que se vinculaban en todos os casos á ANECA e ao ministerio, seguirán vinculados ás axencias de calidade autonómicas se o 50 % das clases son en lingua cooficial, se o 20 % do financiamento o reciben dunha autonomía ou foron creadas antes da modificación do decreto. Non podemos esquecer que este tipo de ensino a distancia é unha parte esencial do negocio das universidades privadas.
  6. As novas titulacións deberán pasar pola Conferencia Xeral de Política Universitaria (CPU), pero o seu informe non será vinculante.

En xeral, establécense prazos máis amplos que no proxecto de real decreto de adaptación á norma: tres anos para as universidades en activo, cinco para as de recente creación, seis para alcanzar a masa crítica de 4500 estudantes e ata sete anos para cumprir algúns dos obxectivos de investigación.

E o que non deixa de ser significativo: o servizo universitario considérase como un «servizo esencial», pero non como o que é, «un servizo público básico».

CCOO reclamamos desde o primeiro momento ao Goberno a necesidade dunha maior ambición na reforma do RD 640/2021. É imprescindible que os criterios de necesidade, idoneidade e calidade primen na decisión final de creación dunha universidade por riba das consideracións políticas ou económicas, que dependen basicamente das maiorías parlamentarias e dos intereses de determinadas empresas ou persoas físicas ou xurídicas.

Para CCOO, esta modificación legal, para ser efectiva, debe harmonizar e aumentar a esixencia dos requisitos mínimos necesarios para poder falar de «universidade», así como fixar uns niveis básicos de calidade en todos os compoñentes do noso sistema universitario, no que coexisten as universidades públicas cunha boa calidade media, e as privadas, unha parte importante das cales teñen un baixo nivel académico, o que se reflicte nunha actividade de investigación residual que prexudica claramente o conxunto do sistema universitario. E tememos que a reforma agora aprobada, á vista do seu contido, non garante que isto vaia mudar.

A universidade pública de calidade é un ben de toda a sociedade e constitúe unha das principais formas de contribución ao progreso social. Non podemos deixar que a destrúan os que queren converter o dereito de todas e todos no negocio dunha minoría.