Hai apenas unhas horas denunciabamos que, despois de anos de atraso nos procesos de estabilización, a Xunta pretendía conceder só tres días para realizar a elección de destino.
Agora temos que denunciar algo máis: a resolución publicada hoxe contén erros e terá que ser rectificada. Nunha elección destas características, as persoas afectadas necesitan poder confiar na información que lles facilita a Administración e afrontar o proceso con seguridade e garantías, non estar pendentes de erros, correccións e cambios de última hora.
Desde CCOO Ensino denunciamos a falta de rigor coa que a Xunta está afrontando un momento especialmente importante para as persoas afectadas. Elixir destino non é cubrir un trámite máis: significa decidir onde van traballar de maneira definitiva, unha elección que pode supoñer quedar preto da casa ou ter que desprazarse diariamente e reorganizar a vida persoal e familiar.
Resulta especialmente grave que isto aconteza nun proceso que acumula case dous anos de atraso sobre o prazo previsto para a súa finalización. Despois de todo este tempo, o mínimo que podemos esixir é que as persoas afectadas poidan facer a elección con información fiable, tempo suficiente e a tranquilidade necesaria para valorar correctamente os postos dispoñibles.
Os erros detectados na resolución obrigarán agora a Función Pública a realizar unha nova publicación o luns e, como consecuencia, tamén se atrasarán os prazos inicialmente establecidos para a elección de destino.
As persoas traballadoras merecen un procedemento claro, seguro e con garantías nunha decisión tan importante como a elección do seu destino definitivo.

