Os sindicatos incorporan o conflito das rendas no marco das grandes mobilizacións pola vivenda. Os salarios non chegan para pagar a vivenda e facer fronte á inflación.
Os sindicatos CCOO e UGT acordan convocar unha folga xeral de 24 horas este outono para reivindicar salarios dignos que permitan acceder a unha vivenda digna. O acordo deberá ser ratificado polos seus máximos órganos de dirección.
As organizacións dan así o paso que avanzaran o pasado venres, cando, tras o rexeitamento do Congreso dos Deputados aos reais decretos lei sobre vivenda, anunciaron que reunirían os seus órganos de dirección para decidir como incorporar o mundo do traballo á mobilización, en unidade de acción sindical e en confluencia cos movementos sociais, veciñais e de inquilinas e inquilinos.
A data definitiva da folga analizarase coas organizacións sociais e o Sindicato de Inquilinas, co obxectivo de mobilizar as persoas traballadoras para secundar esta folga xeral de 24 horas polo dereito á vivenda e por salarios dignos para poder pagala. As manifestacións da pasada fin de semana amosaron a forza desta demanda, e a resposta debe construírse entre todas as organizacións que a sosteñen.
As propostas sindicais enmárcanse na proposta para o VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), que incluía incrementos salariais de entre o 4 % e o 7 %, cláusulas de revisión salarial e cláusulas para facilitar o acceso á vivenda; así como na Proposta Sindical Unitaria, impulsada por ambos os sindicatos. Esta recolle un decálogo polo dereito á vivenda que reclama un pacto social e político, un parque público de vivenda protexida e permanente, a limitación dos prezos dos alugueiros e a aplicación efectiva da Lei polo dereito á vivenda en todos os territorios.
A folga xeral interpela as diferentes administracións públicas con competencias en materia de vivenda e as organizacións empresariais, que deben asumir que os salarios teñen que garantir o acceso a un ben básico como é a vivenda; a renovación do AENC e o desbloqueo dos convenios colectivos son ámbitos nos que demostralo.
CCOO e UGT chaman as persoas traballadoras a sumarse a esta campaña, nos centros de traballo e na rúa, e a secundar a folga xeral. Seguiremos na mobilización e na negociación colectiva ata que a vivenda deixe de ser un privilexio e os salarios permitan vivir con dignidade.

