Desde CCOO Ensino denunciamos o prazo de só tres días hábiles establecido pola Xunta para que o persoal de apoio educativo (PAE) afectado polos procesos de estabilización realice electronicamente a elección de destinos. A resolución abrangue numerosas escalas e especialidades da Administración autonómica e, entre o persoal que desenvolve o seu labor nos centros educativos, afecta especialmente ao persoal de limpeza e cociña (AP), da escala de auxiliar de cociña (C2) e da especialidade de cociña (C1).
Estamos ante unha decisión de enorme importancia para as persoas participantes, que deben consultar os postos dispoñibles, valorar a súa localización e características e establecer unha orde de preferencia que pode determinar o seu destino definitivo. Non consideramos razoable que unha decisión destas características teña que adoptarse nun prazo de tempo tan reducido.
Cuestionamos que a Xunta combine a obrigatoriedade da tramitación telemática cun prazo tan curto, sen ter suficientemente en conta as dificultades de relación dixital que poden existir entre as persoas afectadas.
A Lei 4/2019, de administración dixital de Galicia, establece entre os principios que deben rexer a actuación da Administración o de facer efectiva a participación plena de toda a cidadanía, evitando a fenda tecnolóxica e a exclusión por razóns de xénero, xeográficas, xeracionais, económicas, de diversidade funcional, culturais ou sociais.
Consideramos que impoñer un prazo de tres días para realizar un trámite desta transcendencia agrava precisamente os efectos desa fenda tecnolóxica que a propia lexislación obriga a combater. A dixitalización debe servir para facilitar os procedementos administrativos, non para introducir novas barreiras.
Anos para a Administración, tres días para o persoal
Resulta especialmente difícil de xustificar esta présa tendo en conta os enormes atrasos acumulados na resolución dos procesos de estabilización.
A Lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, establecía como horizonte para a finalización destes procesos o 31 de decembro de 2024. Ademais, a Lei galega 5/2022 permitiu reducir á metade determinados prazos precisamente alegando a necesidade de cumprir ese calendario.
Estamos a finais de setembro de 2026.
Case dous anos despois de vencer aquel prazo, consideramos incomprensible que a Administración pretenda trasladar ás persoas traballadoras unha urxencia derivada dun calendario que a propia Administración incumpriu.
A Xunta dispuxo de anos para convocar, tramitar e resolver estes procesos. Agora, cando chega un dos trámites máis relevantes para as persoas afectadas, concédelles apenas tres días.
Ademais, o prazo de tres días non é unha consecuencia inevitable dos procesos de estabilización. A propia Xunta empregou prazos superiores noutros actos de elección de destino, polo que consideramos que existe marxe para establecer un procedemento máis garantista e razoable.
Reclamamos a ampliación do prazo
Desde CCOO Ensino reclamamos á Xunta que amplíe o prazo para a elección de destinos e que garanta que todas as persoas afectadas dispoñan de tempo suficiente para consultar a oferta, resolver posibles dúbidas e realizar correctamente un trámite que terá consecuencias directas sobre o seu futuro laboral.
Consideramos que a Administración non pode pretender solucionar agora, a costa das persoas traballadoras, os atrasos acumulados durante anos.
Despois de anos esperando pola estabilización, tres días para elixir destino non son unha resposta aceptable.

