Transformar para educar: normativa, organización e innovación educativa en Infantil e Primaria 2026/27

O curso “Transformar para educar: normativa, organización e innovación educativa en Infantil e Primaria” está dirixido principalmente ao profesorado destas etapas que queira afondar no coñecemento do marco normativo, organizativo e pedagóxico dos centros educativos en Galicia.

Ao longo da formación analizaremos a lexislación educativa aplicable a Infantil e Primaria, a organización e funcionamento dos centros, os principais protocolos educativos, a atención á diversidade, os plans e programas da Consellería e as metodoloxías e sistemas de avaliación que poden contribuír á mellora da práctica docente. Trátase dunha formación de carácter práctico e aplicado, orientada a trasladar os coñecementos adquiridos á realidade das aulas e dos centros.

A actividade está homologada pola Consellería.

Información básica do curso

  • Modalidade: teleformación a través de Moodle
  • Duración: 50 horas
  • Datas: do 2 de novembro ao 20 de decembro de 2026
  • Prazas: 50
  • Persoa titora: Rubén Martínez García
  • Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 100 € para persoas non afiliadas

Como funciona o curso?

O curso é asíncrono, cun funcionamento similar ao dos cursos que organiza a Consellería a través de FPROFE, pero na plataforma de teleformación de CCOO Ensino. Isto significa que non tes que conectarte en días ou horas concretas para seguir o curso: en cada módulo terás dispoñibles os materiais e as actividades correspondentes, que poderás realizar organizando o tempo segundo a túa dispoñibilidade.

De cara ao recoñecemento do curso por parte da Consellería, lembra que non se pode realizar simultaneamente máis dun curso en rede, tal e como se establece no artigo 17.1.g da Orde do 14 de maio de 2013, que regula o recoñecemento e certificación das actividades de formación permanente do profesorado.

Inscrición

Para solicitar praza, enche o seguinte formulario:

👉 Formulario de inscrición

Cubrir o formulario serve para solicitar unha praza no curso. Como as prazas son limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.

Nos primeiros días de outubro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.

As comunicacións enviaranse desde formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendámosche que engadas este enderezo aos teus contactos ou que crees un filtro no teu correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam.

Guía do curso

Na guía do curso podes consultar con máis detalle a organización da formación, a distribución dos módulos, as actividades, a metodoloxía e os criterios de avaliación.

👉 Consultar a guía do curso

Obxectivos

  • Coñecer e interpretar a lexislación educativa vixente en Galicia aplicable aos centros de educación infantil e primaria.
  • Comprender a estrutura organizativa dos centros docentes e os roles das distintas figuras de coordinación e xestión.
  • Analizar os principais protocolos de actuación nos centros escolares (absentismo, acoso escolar, protección de datos, atención temperá, etc.).
  • Actualizarse nos plans e programas impulsados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
  • Reflexionar sobre as tendencias actuais en metodoloxía educativa e innovación pedagóxica. Identificar e aplicar medidas para a atención á diversidade desde unha perspectiva inclusiva.
  • Integrar os principios da avaliación formativa e competencial nas prácticas docentes.
  • Utilizar documentación e instrumentos oficiais con rigor técnico e pedagóxico (proxectos educativos, programacións didácticas, documentos de centro…).

Contidos

O curso estrutúrase en sete módulos, máis un módulo introdutorio:

Módulo 0. Comezamos o camiño: presentación e punto de partida — 1 hora

Presentación do curso e das persoas participantes, aproximación aos obxectivos da formación e identificación das necesidades e coñecementos de partida.

Módulo 1. Marco curricular e avaliación en Educación Primaria: que di a norma e como aplicala na aula — 7 horas

Marco normativo curricular, elementos do currículo, programación didáctica e procedementos e instrumentos de avaliación desde unha perspectiva formativa e competencial.

Módulo 2. Xestionar e coordinar: organización e funcionamento dos centros de Educación Infantil e Primaria — 7 horas

Estrutura organizativa dos centros, órganos de goberno e coordinación docente, normativa básica e principais documentos de centro.

Módulo 3. Xestión do tempo escolar: profesorado, alumnado e diversidade lingüística — 6 horas

Xornada laboral e horarios do profesorado, organización dos tempos do alumnado, distribución das áreas e posibilidades de uso das linguas no ensino.

Módulo 4. Protocolos de actuación nos centros de Educación Primaria: prevención, intervención e coordinación — 9 horas

Principais protocolos educativos relacionados coa atención ao alumnado con NEAE, a acollida, a protección infantil, o absentismo e outras situacións que requiren detección, intervención e coordinación.

Módulo 5. Atención á diversidade en Educación Primaria: medidas, documentos e coordinación educativa — 9 horas

Medidas ordinarias e extraordinarias de atención á diversidade, documentos de centro, avaliación psicopedagóxica e coordinación entre profesorado, orientación e familias.

Módulo 6. Plans e proxectos que transforman a escola — 5 horas

Plans, programas e proxectos relacionados coa biblioteca escolar, a educación dixital e a innovación pedagóxica e posibilidades para integralos na práctica docente e na vida do centro.

Módulo 7. Innovar para aprender: metodoloxías activas e avaliación transformadora — 6 horas

Metodoloxías activas, estratexias didácticas innovadoras, avaliación formativa e competencial e deseño de instrumentos aplicables ás distintas áreas e realidades da aula.