Desde CCOO Ensino queremos responder ás declaracións do conselleiro de Educación nas que presume de “ser o único partido que ten consideración” polo ensino concertado. Claro que o PP ten consideración polo privado. A quen non lle ten consideración é ás profesionais que sosteñen os seus centros.
O ensino concertado está financiado con fondos públicos e presta un servizo educativo sometido ás mesmas esixencias que o resto do sistema. As súas profesionais aplican a normativa educativa, os decretos, os currículos e os protocolos; participan nas avaliacións, atenden á diversidade, exercen funcións de titoría e coordinación, asumen tarefas burocráticas e teñen a mesma responsabilidade sobre o alumnado. Fan o mesmo traballo, teñen a mesma responsabilidade e deben cumprir as mesmas obrigas. Pero as súas condicións laborais están moi lonxe das das súas homólogas do ensino público.
Desde CCOO Ensino denunciamos este modelo porque entendemos que a Xunta está utilizando fondos públicos para financiar a prestación de servizos educativos a través de entidades privadas sen garantir que ese financiamento se traduza tamén en condicións laborais dignas para as persoas que prestan eses servizos.
E dicímolo claramente: non aceptamos que o aforro da Administración se consiga á custa dos salarios e dos dereitos das traballadoras.
A propia Lei orgánica de educación establece no seu artigo 117.4 que as cantidades destinadas aos salarios do persoal docente dos centros concertados deben posibilitar a equiparación gradual da súa remuneración coa do profesorado público das respectivas etapas. Non é unha reivindicación que inventásemos nós. É un principio recollido na lei.
En Galicia temos un acordo que o PP leva anos ignorando: o Acordo do 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e calidade do ensino estableceu un incremento anual do 2 % no CRCA, así como incrementos de 60 euros mensuais en 2008, 45 euros en 2009 e outros 45 euros en 2010 para o profesorado en pagamento delegado a xornada completa. Tamén recollía o compromiso de avanzar na redución da actividade lectiva ata un máximo de 24 horas semanais, xunto con medidas relacionadas coas ratios e coa mellora da calidade educativa.
Cando o Partido Popular de Núñez Feijóo recuperou o Goberno da Xunta de Galicia, a aplicación deste acordo quedou sistematicamente bloqueada, ano tras ano, nas sucesivas leis de orzamentos, xunto co aboamento de complementos e a PEA.
En CCOO Ensino levamos 16 anos esixindo o desbloqueo dese acordo e reclamando a actualización dos seus compromisos económicos e laborais. A Xunta de Galicia acumula unha débeda de arredor de 12 000 euros con cada docente en pagamento delegado que leva en activo desde 2010, polo incumprimento deste acordo negociado, pactado, asinado e publicado no DOG.
Cando a Consellería asegura que non pode rebaixar a carga lectiva do profesorado do ensino concertado, mente: en 2008 rebaixouna.
Polo tanto, mentres a Xunta fala de “ter moita consideración” polo ensino concertado, continúa sen garantir unha equiparación salarial real, sen resolver a redución da carga lectiva e sen recoñecer adecuadamente todas as funcións e responsabilidades que desempeñan as profesionais.
Nós temos claro cal debe ser o principio que guíe a nosa acción sindical:
A IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO.
E esta forma de entender a prestación dos servizos públicos non se limita ao ensino concertado.
O mesmo modelo na política social
Desde CCOO vemos como a Xunta utiliza fórmulas de licitación, concertación e subvención para prestar servizos públicos a través de entidades privadas tamén noutros ámbitos da política social.
Acontece nos centros de menores, nos centros e servizos de atención ás persoas con discapacidade e nas escolas infantís de 0 a 3 anos. A Administración financia os servizos, pero as condicións laborais das profesionais que os prestan non ocupan o mesmo lugar nas súas prioridades.
E no 0-3 atopamos outro exemplo moi claro: a Xunta pode presumir de ofrecer gratuidade para todas as familias, pero desde CCOO Ensino preguntamos: a que prezo?
Porque gratuíto para as familias non pode significar precario para as traballadoras. Non podemos aceptar que se anuncien grandes avances na gratuidade mentres se mantén un modelo no que as profesionais da educación infantil soportan salarios e condicións que non se corresponden coa responsabilidade do seu traballo.
Así tamén calquera pode presumir de ofrecer servizos gratuítos: facendo que parte do custo recaia sobre as condicións laborais das persoas que os prestan.
Nós non aceptamos esa fórmula.
Xa abonda de confrontar as profesionais
Estamos cansas de escoitar ao conselleiro alentando a confrontación entre profesionais. Non estamos falando de modelos educativos. Estamos falando de persoas traballadoras.
Por iso pedímoslle ao conselleiro que deixe de utilizar as traballadoras como parte da súa confrontación política e que fale dunha vez das súas condicións laborais, dos seus salarios e dos seus dereitos.
Comentarios tan obvios como “non son funcionarias” non achegan absolutamente nada ao debate. Sabemos perfectamente que as traballadoras do ensino concertado non son funcionarias, sabemos que as súas condicións laborais están reguladas por un convenio colectivo que se negocia en Madrid, pero tamén sabemos que a lei establece que o financiamento dos seus salarios depende das administracións públicas.
O que lle estamos pedindo é que explique por que persoas que realizan un traballo educativo, sometidas ás mesmas normas, responsabilidades e esixencias profesionais, non teñen garantida unha equiparación real das súas condicións laborais.
Utilizar unha obviedade para xustificar unha desigualdade laboral é un insulto á nosa intelixencia e unha maneira moi pobre de afrontar o debate.
As traballadoras non somos o problema nin somos adversarias. O problema é un modelo no que a Administración decide como presta e financia os servizos públicos e despois pretende que sexamos as traballadoras quen paguemos a factura coas nosas condicións laborais.
Desde CCOO Ensino non imos entrar nesa confrontación:
- Defendemos a TODAS as profesionais do ensino, porque detrás de cada servizo hai persoas que o fan posible.
- Non queremos unha Administración que presuma de servizos gratuítos mentres aforra á custa das traballadoras.
- Queremos unha Administración que garanta servizos de calidade e condicións laborais dignas para quen os fai posibles.
E ao señor conselleiro dicímosllo claramente:
Deixe de confrontar as profesionais. Deixe de facer política coa realidade laboral das traballadoras. E comece a falar do que realmente importa: das súas condicións de traballo e de como garantir que os fondos públicos sirvan tamén para garantir dereitos.
Non necesitamos que a Xunta teña consideración co privado. Necesitamos que coide as profesionais que sosteñen os servizos que a propia Xunta financia con fondos públicos.

