O Tribunal Supremo anula o Real decreto 905/2025 de creación e recoñecemento de universidades

A universidade pública, acurralada pola acción ou omisión das administracións.

O xoves 8 de outubro, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo (TS) anulou, por falta de xustificación da súa tramitación urxente, o Real decreto 905/2025, do 7 de outubro, sobre universidades, ao estimar un recurso da comunidade autónoma das Illas Baleares. A causa da anulación non foi o contido do real decreto (o tribunal nin sequera entrou a valorar os artigos recorridos), senón que anulou a norma por un defecto formal, ao concluír que o acordo de tramitación urxente do procedemento de elaboración e aprobación non está debidamente xustificado.

Anúlase unha norma que, aínda que insuficiente, era imprescindible

O Real decreto 905/2025 modificaba o Real decreto 640/2021, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios, que era claramente insuficiente e que, de feito, non evitou a creación, desde a súa aprobación, de 10 novas universidades privadas en tan só catro anos. Coa aprobación do Real decreto 905/2025 buscábase endurecer os requisitos para a creación, o recoñecemento e a autorización de novas universidades públicas e privadas en España, co obxectivo principal de garantir a calidade, a equidade e a sustentabilidade do sistema universitario. A norma respondía ao crecemento acelerado, descontrolado e sen rigor das universidades privadas, fomentado por determinadas comunidades autónomas, e pretendía frear a proliferación de centros de baixa esixencia académica. Aínda que CCOO vén denunciando desde a súa aprobación a insuficiencia dos cambios introducidos e reclamando unha maior ambición, sinalamos igualmente que a norma avanzaba na dirección axeitada.

A resolución do TS pon de manifesto a situación real da universidade pública: entre a inacción do Ministerio e o acoso e derribo das comunidades autónomas do PP

O Supremo recoñece que a LOSU introduciu cambios suficientes que xustifican o Real decreto 905/2025, novidades que «incluso poderían constituír as razóns da declaración de urxencia e da omisión do trámite de consulta pública previa que se denuncia». Pero o TS considera que o real decreto anulado non di nada ao respecto e que a única xustificación que se achega para a urxencia da súa aprobación responde máis a unha vontade política que a unha causa obxectiva que acredite esa urxencia.

CCOO non cuestiona a sentenza, aínda que non a comparte, xa que entende que a supervivencia do sistema universitario público precisa dunha normativa que avance e afonde no camiño marcado polo Real decreto 905/2025 e que a urxencia desta normativa está máis que xustificada. Dito isto, resulta necesario sinalar que a responsabilidade desta situación recae directamente:

1. Nas comunidades autónomas do PP que recorreron o Real decreto 905/2025: Madrid, Illas Baleares, Aragón, A Rioxa e Estremadura. Tamén presentaron recursos o Grupo CEU, a Universidade Hespérides e catro universidades estranxeiras con sede en España (CIS, Schiller, Saint Louis e Francisco Marroquín). Son as mesmas comunidades que incumpren sistematicamente a súa obriga de financiar de maneira suficiente e axeitada as súas universidades públicas; que aproban de maneira indiscriminada novas universidades privadas que contan con informes negativos das axencias de calidade e dos órganos de supervisión; que autorizan calquera nova titulación ás universidades privadas mentres impiden o crecemento en titulacións e alumnado das públicas; que ceden solo público e axilizan as licenzas urbanísticas para as universidades privadas; etc.

2. E no propio Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), que redactou e tramitou a norma. A anulación dun real decreto por defectos formais supón un impacto operativo, organizativo e de credibilidade moi grave. Non é só un problema legal; tradúcese na paralización dunhas políticas públicas imprescindibles para asegurar a calidade e o compromiso social do sistema universitario público, unhas políticas que pretendían beneficiar o estudantado, as familias e o conxunto do sistema universitario.

E agora, que?

A resolución do TS implica que a aprobación do Real decreto 905/2025 carece de «amparo» legal e que o Goberno, na práctica, debe repetir o proceso. A realidade é que, coa normativa actual:

  • Hai comunidades autónomas que aprobaron universidades con informes desfavorables do MICIU, con instalacións claramente insuficientes, sen profesorado suficiente ou con 3.000 euros de capital.

  • España conta con 50 universidades públicas e 49 privadas que ofertan prazas no curso 2026/2027:

    • En 1998, ano de creación da última universidade pública, había 15 universidades privadas (3 con ánimo de lucro).

    • En 2021, ano en que se aprobou o Real decreto 640/2021, había 40 universidades privadas (15 con ánimo de lucro).

    • En 2025, ano en que se aprobou o Real decreto 905/2025, das 48 universidades privadas, 24 tiñan ánimo de lucro.

    • En 2026, das 49 universidades privadas existentes, 25 teñen ánimo de lucro.

    • Das 19 universidades privadas creadas desde 2015, 14 teñen ánimo de lucro. Todas as universidades privadas creadas desde 2022 teñen ánimo de lucro.

Coa anulación do real decreto, as comunidades autónomas recuperan as competencias sobre as universidades en liña (que pasaran á Administración central); xa non será necesario un informe favorable da ANECA ou da axencia autonómica de calidade; os centros privados non terán que dedicar o 5 % do seu orzamento á investigación; non terán que contar con polo menos tres programas de doutoramento nin cun 50 % de doutores no seu profesorado; non deberán garantir un mínimo de 4500 estudantes matriculados nin cumprir as obrigas relativas ao seu aloxamento, etc. Volveremos ver como os gobernos autonómicos aproban a posta en marcha de novas universidades ou de centros asociados a outras xa existentes con informes desfavorables das axencias de calidade e/ou do MICIU.

Ao anularse o texto, a normativa de referencia volve ser o Real decreto 640/2021, que establece criterios substancialmente máis laxos: as comunidades autónomas que mantiñan proxectos paralizados ou sometidos aos requisitos do Real decreto 905/2025 recuperan o marco normativo anterior. Isto afecta directamente os, polo menos, 14 proxectos de universidades privadas que se atopan en diferentes fases de aprobación nos parlamentos autonómicos.

O primeiro exemplo témolo en Galicia, onde a comunidade autónoma, no marco da negociación do plan de financiamento das universidades públicas galegas, propón a supresión do artigo 16 da Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia (SUG), que regula a autorización para impartir ensinanzas por parte de universidades non pertencentes ao SUG. Isto supón que xa non se esixirá que as universidades e os centros que non pertenzan ao SUG conten coa autorización da consellería competente.

Ante esta situación, existe unha única vía de emenda: o Goberno debe iniciar un novo procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral, percorrendo de novo todas as fases regulamentarias, pero desta vez incluíndo correctamente o trámite omitido. Para evitar que os tribunais volvan anular a norma, o MICIU debe respectar obrigatoriamente os prazos ordinarios de participación cidadá, os informes técnicos e a consulta pública previa que omitiu a primeira vez. Malia o reducido dos prazos, o Goberno anunciou que esta é a súa intención e desde CCOO reclamamos que a nova norma incorpore as cuestións formuladas polo sindicato para impedir realmente a proliferación descontrolada de universidades privadas, que dana a calidade do noso sistema e prexudica a igualdade de oportunidades. A nova norma debe contar con ferramentas reais e eficaces que impidan que a universidade sexa un ben de mercado máis. É o momento de tomar decisións coherentes cos discursos que se difunden e adoptar medidas que defendan de verdade e de cara ao futuro o modelo público de universidade.