CCOO e UGT rexeitamos o uso da forza nas manifestacións da folga do profesorado en Madrid e pedimos explicacións ao Ministerio do Interior

Reclamamos responsabilidades e esiximos o respecto ao dereito de manifestación e a liberdade de expresión.

Desde CCOO e UGT rexeitamos o uso da forza e reclamamos explicacións ao Ministerio do Interior pola represión das manifestacións de onte no inicio da folga do profesorado en Madrid. As imaxes de axentes policiais cargando contra manifestantes e empregándose a fondo fronte ás persoas que fan un uso lexítimo da protesta e a manifestación para expresar as súas reivindicacións non son propias dun sistema democrático que debe garantir dereitos fundamentais.

Esperamos que haxa as suficientes explicacións polo despregamento policial e o uso da forza, máxime cando o momento social nos leva a semanas marcadas por diferentes mobilizacións e conflitos nos que o dereito á folga, o dereito de reunión, a liberdade de expresión e outros dereitos fundamentais teñen que ser protexidos e non perseguidos.

Reclamámoslles ás diferentes Administracións que escoiten as lexítimas reivindicacións que hoxe, de novo, se expresan na vía pública e en manifestacións multitudinarias. A represión e o uso da forza contra manifestantes, hoxe persoas novas maioritariamente, non poden ser nunca a primeira noticia do día en momentos en que a mobilización cidadá se intensifica.