O persoal non docente é unha peza esencial no funcionamento dos centros educativos: un colectivo prioritario e imprescindible sen o que a actividade diaria simplemente non sería posible. Falamos de persoal administrativo, subalterno, de limpeza, cociña, coidadoras e intérpretes de lingua de signos, entre outros: profesionais que sosteñen o sistema educativo facendo tarefas imprescindibles que, con demasiada frecuencia, fican invisibilizadas.
Desde CCOO Ensino levamos anos denunciando unha realidade clara: a Consellería de Educación non está a atender as necesidades destes colectivos nin dá resposta ás súas demandas. A negativa reiterada a abrir unha mesa específica de negociación de condicións laborais evidencia unha falta de vontade política que mantén o persoal non docente nunha situación de abandono.
Por iso, reiteramos a nosa demanda e damos un paso máis: presentamos por rexistro a solicitude de apertura dunha mesa de negociación para abordar de forma global as condicións laborais de todo o persoal non docente da Consellería de Educación.
É hora de negociar
A situación actual vén marcada pola aplicación de criterios e normativas desfasadas, nalgunhas cuestións con máis de trinta anos de antigüidade, que non responden á realidade dos centros educativos actuais nin ás funcións que desempeña este persoal.
Os centros educativos mudaron profundamente nos últimos tempos: maior diversidade do alumnado, novas ensinanzas, ampliación de horarios e incremento da complexidade organizativa. En determinados contextos, especialmente urbanos, tamén se concentra máis alumnado e máis servizos que xestionar. Porén, as condicións laborais e as dotacións de persoal seguen ancoradas no pasado, sen adaptarse a esta realidade cambiante.
É imprescindible acometer unha negociación que inclúa:
- Revisión de ratios, claramente insuficientes e desactualizadas.
- Actualización das funcións profesionais, adaptándoas á realidade actual dos centros.
- Revisión da clasificación profesional e dos perfís, especialmente tras os procesos de funcionarización.
- Mellora das condicións laborais e retributivas, incluíndo complementos e recoñecementos profesionais.
- Actualización e negociación periódica das RPT (relacións de postos de traballo).
- Avaliación dos postos de traballo para determinar as necesidades reais de persoal.
Principais demandas por colectivos
Persoal administrativo e subalterno
As ratios actuais (un auxiliar administrativo/a por cada 400 alumnos/as e un subalterno/a por cada 350) resultan claramente insuficientes e non responden á realidade dos centros. Estes criterios non teñen en conta factores que condicionan a carga de traballo diaria, como estes:
- O horario de apertura dos centros, que en moitos casos abrangue mañá e tarde, e mesmo franxas nocturnas.
- A distribución dos espazos, con centros que contan con varios edificios, múltiples accesos ou grandes superficies.
- A diversidade da oferta educativa, que pode incluír ESO, Bacharelato, FP, ensinanzas de adultos e outras actividades formativas.
- A xestión de servizos como transporte, bolsas, admisión, matrícula ou arquivo.
- A xestión administrativa de alumnado de centros adscritos.
Demandamos:
- A revisión destas ratios, incorporando criterios reais de carga de traballo.
- Unha dotación suficiente en todos os centros, non só en función do número de alumnado.
- A apertura de prazas de auxiliar administrativo/a C1, o que facilitaría a promoción interna sen cambio de posto.
Persoal de limpeza
O criterio actual de 1800 m² por traballadora segue vixente tras décadas sen revisión, o que supón unha carga de traballo excesiva, superior á doutros sectores e Administracións.
Demandamos:
- Redución das ratios e adaptación á realidade dos centros.
- Recoñecemento dos complementos de penosidade e traballo en quendas para o persoal laboral.
- Incremento do nivel do complemento específico do persoal funcionario para compensar a ausencia destes complementos na funcionarización.
- Conversión das medias xornadas en xornadas completas.
- Cobertura áxil de baixas.
Persoal de cociña
As condicións de traballo nas cociñas dos centros cambiaron de xeito notable desde a última negociación, no ano 2007, sen que ese cambio tivese reflexo no recoñecemento profesional nin nas condicións laborais. Hoxe esíxese unha alimentación máis equilibrada, saudable e de calidade, con criterios nutricionais máis rigorosos e maior control dos procesos. Ao mesmo tempo, aumentaron de forma significativa as intolerancias e necesidades alimentarias específicas do alumnado, o que incrementa a carga de traballo e a responsabilidade do persoal, que debe garantir a seguridade alimentaria en todo momento. A isto súmase a defensa dun modelo de comedor de xestión directa, baseado en produtos de proximidade e maior calidade, que require tamén máis planificación e dedicación.
Demandamos:
- Recoñecemento da categoría profesional acorde ás funcións reais, corrixindo a situación actual na que o persoal continúa asumindo tarefas de nivel superior sen o correspondente recoñecemento administrativo nin retributivo, agravada tras os procesos de funcionarización.
- Equiparación retributiva co resto do persoal de cociña da Xunta de Galicia.
- Dotación suficiente de persoal, especialmente axudantes/as.
- Especificamente para o persoal axudante:
- Recoñecemento dos complementos de penosidade e traballo en quendas para o persoal laboral.
- Incremento do nivel do complemento específico do persoal funcionario para compensar a ausencia destes complementos na funcionarización.
Persoal auxiliar coidador
Este colectivo é fundamental para a atención á diversidade, pero segue sufrindo falta de recoñecemento e unha planificación insuficiente. A propia normativa establece que a solicitude inicial e de continuidade do persoal coidador debe realizarse no mes de maio, unha vez identificadas as necesidades do alumnado. Porén, na práctica isto non se está cumprindo e a determinación das necesidades atrásase ata finais de agosto, o que impide unha planificación adecuada e provoca que o alumnado non conte cos apoios necesarios desde o inicio do curso.
Demandamos:
- Revisión da clasificación profesional.
- Cobertura inmediata de ausencias.
- Fin da itinerancia inxustificada, evitando que o persoal coidador teña que desprazarse de maneira imprevista para cubrir ausencias noutros centros, o que dificulta a conciliación da vida persoal e laboral. Estas ausencias deben cubrirse mediante os mecanismos ordinarios de substitución a través das listas correspondentes.
- Dotación suficiente para garantir a atención ao alumnado desde o inicio de curso.
- Redución de ratios e avaliación dos postos de traballo baseada nas necesidades concretas de cada alumno/a.
Intérpretes de lingua de signos
Trátase dun colectivo esencial para garantir a inclusión do alumnado xordo no sistema educativo, pero que continúa nunha situación de clara falta de regulación e recoñecemento profesional. Na actualidade, as condicións de traballo non están definidas de xeito adecuado, o que causa situacións que dificultan o exercicio correcto da súa función e mesmo poden afectar á súa saúde laboral.
Entre os principais problemas destacan:
- A falta de regulación das súas condicións de traballo.
- O feito de ser a única categoría profesional que quedou excluída dos procesos de funcionarización, mantendo unha situación de agravio comparativo.
- Excesiva carga de horas de interpretación directa na aula ao longo da xornada.
- Falta de recoñecemento do tempo necesario para a preparación previa das sesións.
- Ausencia de tempos e espazos de coordinación co resto do profesorado e profesionais do centro.
Demandamos:
- Regulación específica das condicións de traballo do colectivo.
- Funcionarización do persoal intérprete no grupo correspondente ás súas funcións e cualificación (grupo B).
- Definición clara da xornada laboral, incluíndo non só a atención directa ao alumnado, senón tamén as horas de preparación, coordinación e elaboración de materiais.
- Limitación das horas de interpretación directa para garantir un servizo de calidade e preservar a saúde laboral.
Máis persoal, mellores condicións, mellor educación
A falta de persoal e as condicións laborais deficientes tradúcense nunha sobrecarga que repercute directamente na saúde das traballadoras e traballadores e no funcionamento dos centros educativos.
Non se trata só de dereitos laborais: trátase de garantir un servizo educativo de calidade.
Desde CCOO Ensino consideramos que xa non hai máis marxe para a inacción. Cómpre un cambio de rumbo que parta de:
- a negociación real e efectiva
- a planificación a medio e longo prazo
- o recoñecemento do papel esencial do persoal non docente
Porque sen este persoal, os centros non funcionan. E porque dignificar as súas condicións é tamén defender a educación pública.

