Desde CCOO trasladámoslle ao Goberno a necesidade de aprobar un real decreto lei coa xubilación parcial do persoal laboral e outras medidas que contan con acordo social, como a mellora da pensión de viuvez das parellas de feito ou cuestións relacionadas coa xestión da incapacidade temporal.
Na reunión da Mesa de Diálogo Social en materia de Seguridade Social, celebrada o 20 de abril, constatamos o desbloqueo das dúas cuestións pendentes de acordos anteriores que levabamos tempo reclamando e que debían resolverse con carácter previo ao resto de medidas.
Trátase da xubilación parcial do persoal laboral ao servizo das Administracións públicas e do mantemento do período transitorio establecido na reforma de 2021 para determinar a contía das pensións de xubilación anticipada voluntaria.
Desde CCOO solicitamos na mesa que o Goberno aprobe sen máis demora todas aquelas cuestións urxentes que xa contan con acordo no diálogo social e que, ademais, teñen garantida a súa validación parlamentaria. Para iso, propoñemos utilizar un real decreto lei nas materias que requiren rango legal e un real decreto naquelas de carácter regulamentario.
Nesas normas debería incluírse, ademais da xubilación parcial nas Administracións públicas, as medidas debatidas arredor da mellora da pensión de viuvez das parellas de feito, así como as relativas a aspectos da xestión da incapacidade temporal que contan con acordo na mesa de diálogo social e que poden recibir o apoio parlamentario suficiente para a súa validación.
Do mesmo xeito, consideramos que o resto de propostas máis controvertidas deben seguir debaténdose na Mesa de Diálogo Social ata que sexa posible acadar un acordo sobre elas.
Xubilación parcial nas Administracións públicas
Acadouse un principio de acordo entre CCOO, UGT e os Ministerios de Seguridade Social e Función Pública para garantir o acceso á xubilación parcial do persoal laboral, asegurando que o persoal que se incorpore como remudista teña unha relación laboral fixa a xornada completa, ben procedente dun proceso selectivo xa superado, ben mediante a súa vinculación como interino ata a cobertura definitiva da praza que ocupa a través da correspondente oferta pública de emprego.
Tamén transmitimos a necesidade de aproveitar este real decreto lei para reformar xa o artigo 67 do Estatuto Básico do Empregado Público, de maneira que se produza sen máis demora a revisión normativa que garanta de forma definitiva o acceso á xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario.
Pensión de viuvez das parellas de feito
As sucesivas reformas das pensións desde 2007 foron incorporando as parellas de feito á pensión de viuvez, pero aínda non de forma completa. Mantéñense determinados requisitos que impiden o recoñecemento de todas as situacións, polo que na Mesa de Diálogo Social defendemos a necesidade de introducir novidades.
En concreto, estúdase a posibilidade de incorporar, en determinadas situacións, persoas que non poden acreditar o requisito de formalización administrativa da constitución da parella de feito, pero que teñen fillos ou fillas comúns coa persoa causante da pensión de viuvez ou con períodos de convivencia pública e notoria que si poden acreditarse.
Propostas de mellora da xestión da incapacidade temporal con acordo social
Na Mesa de Diálogo Social vénse traballando nun amplo paquete de medidas de distinta natureza que afectan á xestión da prestación por incapacidade temporal. Trátase, na súa maioría, de medidas relativas á axilización de procedementos, entre as que destaca a reordenación dos recursos humanos e técnicos da Inspección Médica do INSS para conformar un Equipo de Valoración de Incapacidade (EVI) centralizado.
Outras propostas que seguen en debate
Malia o traballo desenvolvido no diálogo social, existen medidas de carácter máis innovador nalgúns casos e máis controvertido noutros, propostas por distintos actores, que deben seguir sendo obxecto de debate e que, polo tanto, poida que non se inclúan aínda na norma que se aprobe.
Entre elas está a nosa proposta relativa á reformulación xurídica das mutuas colaboradoras para que pasen a ser entidades xestoras da Seguridade Social.
Tamén propuxemos determinar a presunción de laboralidade na atención sanitaria e económica dos procesos de orixe musculoesquelética que as persoas traballadoras insten directamente ante as mutuas alegando a súa orixe profesional. Facilitaríase así o seu tratamento rápido e recuperación. Se posteriormente se determina que a súa orixe é continxencia común, a mutua poderá solicitar á Seguridade Social a determinación da continxencia.
Outro exemplo destacado neste apartado é a proposta do Goberno, non aceptada polas organizacións sindicais, de incrementar as competencias das mutuas para que poidan facer propostas de incapacidade permanente por continxencia común.

