O sindicato manterá a súa folla de ruta intacta… Non queremos migallas nin parches de última hora as traballadoras do 0-3!
Desde a Federación de Ensino de CCOO (FECCOO) informámosvos da recente convocatoria da mesa negociadora, que tiña o obxectivo de actualizar as táboas salariais de xestión indirecta segundo o estipulado pola suba do salario mínimo interprofesional (SMI).
1. Coherencia fronte á precariedade
Como ben sabedes, CCOO non asinou este convenio colectivo. Rexeitámolo de plano por considerarmos que as condicións laborais e económicas que ofrecía eran totalmente insuficientes e non estaban á altura do esforzo e a profesionalidade das traballadoras do sector. Hoxe, lamentablemente, o tempo dános a razón: empezan a aflorar os problemas e as carencias dun texto mal negociado por quen o subscribiu.
2. A rúa cega dos asinantes
Na reunión actual, as organizacións sindicais asinantes tentaron renegociar as táboas para manter os diferenciais entre categorías logo da suba do SMI. A resposta da patronal foi un “non” rotundo. Desde un punto de vista xurídico, a patronal aférrase a un argumento difícil de rebater: o convenio xa está asinado, pechado e publicado. Isto lévanos a unha pregunta inevitable:
Por que os sindicatos que asinaron apoiaron un convenio tan indigno para os cadros de persoal cando agora se atopan sen ferramentas legais para reverter o que eles mesmos aceptaron?
3. A postura de CCOO: dignidade, non parches
Mentres a patronal se limita a dicir que actualizará o SMI “e pouco máis”, desde CCOO mantemos a nosa folla de ruta intacta. Non queremos migallas nin parches de última hora. As traballadoras do 0-3 necesitan:
Dignificación real das retribucións: non podemos permitir que o sector viva permanentemente ao bordo do SMI.
Homologación de condicións: acabar coa fenda entre a xestión privada e a pública.
Normativa básica estatal: unha regulación que protexa a etapa 0-3 como o que é: unha etapa educativa esencial, non un servizo asistencial de baixo custo.
4. E agora que?
A parálise dos asinantes e a cerrazón da patronal só deixan un camiño posible. Non abonda con laiarse nas mesas de negociación polo que se asinou mal no pasado; hai que actuar no presente.
Desde CCOO seguimos chamando á mobilización. É a única vía para forzar un cambio de rumbo e reverter esta situación de precariedade sistémica. Non imos quedar cos brazos cruzados vendo como se desvaloriza o voso traballo.
Manterémosvos informadas das próximas actuacións e calendarios de mobilizacións en todos os territorios, que seguirán á que esta mañá fixemos na porta da patronal para seguir esixindo o cambio que as traballadoras do sector necesitan.
Pola dignidade da Educación Infantil!
Mobilízate con CCOO!

