Décadas de loita e conquistas a prol do persoal de apoio educativo

Desde CCOO Ensino queremos reafirmar o noso compromiso histórico co persoal non docente. Levamos décadas traballando arreo en todos os ámbitos de negociación para mellorar as condicións laborais dun colectivo prioritario e esencial no funcionamento do sistema educativo.

Fronte a quen pretende ignorar a historia de xeito mal intencionado, nós presentamos feitos e resultados froito dunha acción sindical sostida.

Unha traxectoria de defensa constante

O noso labor comezou moito antes das transferencias ás comunidades autónomas, cando este persoal aínda dependía do Ministerio de Educación e Ciencia. Xa daquela negociamos o Convenio de 1987, cuxas definicións de funcións seguen sendo, en boa medida, o marco de referencia actual ante a falta de desenvolvemento por parte da Administración. Posteriormente, lideramos a integración na Xunta de Galicia a través do II Convenio Colectivo de 1990.

Ao longo destas décadas, conseguimos fitos que hoxe son dereitos consolidados:

  • Recoñecemento de vacacións e condicións contractuais: en 1995 acadamos contratos de 9 meses con 22 días de vacacións. En 2002 e 2003, grazas a sentenzas promovidas por CCOO, obrigamos a Consellería a recoñecer o dereito a vacacións do persoal fixo descontinuo e coidador.
  • A conquista do contrato anual (2005-2008): tras anos de mobilizacións e campañas como “Queremos comer na escola!”, en 2008 acadamos un obxectivo histórico: transformar os postos fixos descontinuos en postos de 12 meses. Este acordo, asinado por CCOO como forza maioritaria, beneficiou a preto de 1200 traballadoras e traballadores, especialmente de cociña e coidados.
  • Melloras salariais e profesionais: impulsamos incrementos retributivos específicos, como a suba de 70 euros mensuais no complemento do persoal subalterno e a mellora de nivel (do 12 ao 14) para o persoal auxiliar administrativo en 2008. Así mesmo, asinamos o acordo de 2019 na Xunta de Galicia que consolidou novas melloras nas condicións de emprego público, especialmente en materia retributiva e de dereitos laborais (complementos de carreira administrativa e desempeño do posto).
  • Defensa xudicial dos dereitos laborais: ademais da negociación, CCOO logramos avances pola vía xudicial, con sentenzas sobre o recoñecemento de persoal indefinido non fixo, indemnizacións por contratación en fraude de lei e procesos de reclasificación profesional, especialmente nos postos de cociña.
  • Igualdade e dereitos laborais: en 2013 acadamos a equiparación do persoal laboral co funcionario en materia de vacacións, permisos e licenzas, eliminando discriminacións históricas. Ademais, fomos quen de manter a vixencia do artigo 20 do convenio en relación cos servizos mínimos en período de vacacións ao longo de todo o ano. Tamén defendemos nos xulgados dereitos clave de conciliación, como o permiso de lactación.

Comedores escolares e defensa do público

A acción sindical de CCOO foi decisiva na regulación dos comedores escolares (Decreto 10/2007). Grazas ás nosas propostas, consolidouse a xestión directa con persoal propio como modelo prioritario fronte á privatización mediante empresas de comidas preparadas. Ademais, conseguimos modificar as ratios e o propio sistema de cómputo do alumnado usuario, pasando dun modelo que só tiña en conta o alumnado transportado a outro que contabiliza o conxunto de alumnado usuario do servizo.

No ámbito estatal tamén fomos clave na consecución de acordos que melloraron as condicións do emprego público. Entre eles, os acordos marco de 2022-2024 e 2025-2028, que incorporan subas retributivas, a xornada de 35 horas e a xubilación parcial, actualmente en proceso de negociación. Porque cando non hai acordos, o que hai é conxelación salarial ou subas mínimas que non permiten recuperar poder adquisitivo.

O noso compromiso continúa

En CCOO Ensino seguimos esixíndolle á Consellería a apertura dunha mesa de negociación específica para o persoal de apoio educativo (PAE), demanda que rexistramos formalmente de novo o pasado 30 de marzo e que levamos anos reclamando nas mesas de negociación.

A realidade dos centros mudou, pero as condicións laborais, as ratios e as funcións seguen ancoradas en criterios desfasados. Isto tradúcese en sobrecarga de traballo, falta de recoñecemento e déficits na atención educativa.

É imprescindible unha negociación real que aborde:

  • a revisión de ratios e dotacións de persoal,
  • a actualización de funcións e clasificación profesional,
  • a mellora das condicións laborais e retributivas,
  • a adaptación das RPT ás necesidades reais dos centros.

Con solucións específicas para cada colectivo: administración e subalternos, limpeza, cociña, coidadoras e intérpretes de lingua de signos.

Fronte a quen, desde o descoñecemento ou desde estratexias oportunistas, pretende agora “descubrir” a loita polo persoal de apoio educativo, en CCOO Ensino respondemos con feitos, sentenzas e acordos que melloraron de maneira real as condicións de traballo ao longo de décadas. Porque instar, denunciar ou reclamar é necesario, pero negociar e acadar acordos é o que transforma de verdade os dereitos en conquistas.

Que non nos conten contos nin pretendan dar leccións os que chegan agora a unha loita que leva anos construída con esforzo colectivo. A historia non se borra con comunicados nin con consignas: a historia escríbese con traballo constante e resultados.

CCOO Ensino xa estaba defendendo o persoal de apoio educativo moito antes de que moitos descubrisen esta realidade. Para nós, dignificar este colectivo non é unha moda nin unha oportunidade: é un compromiso firme desde o primeiro día.

Sen o persoal de apoio educativo, os centros non funcionan. E dignificar as súas condicións é defender a educación pública.