Tras as folgas do 9 de setembro, do 6 de outubro e do 10 de novembro, FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG continúan co seu calendario de mobilizacións reclamando o inicio de negociacións.
Este xoves, 26 de novembro, o persoal traballador do ensino concertado de Galicia formará unha caravana de coches que percorrerá as cidades de Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Ourense, amosando que o seu malestar coa Consellería de Educación está máis que motivado, vendo a falta de vontade desta de convocar as persoas representantes das traballadoras e traballadores para iniciar a negociación de ningunha das reivindicacións que o colectivo leva reclamando desde hai case 20 anos.
Este acto está enmarcado no calendario de mobilizacións que o sector vén realizando desde o mes de maio e é o paso previo á cuarta folga convocada no sector en tres meses, que terá lugar o vindeiro 15 de decembro.
Puntos de encontro das caravanas
Todas as caravanas terán como hora de encontro as 18:30 h, nas seguintes localizacións:
- Vigo: aparcadoiro do Museo Verbum, en Samil.
- A Coruña: edificio sindical, en Alfonso Molina.
- Santiago: aparcadoiro de Santa Marta.
- Ferrol: aparcadoiro da Malata.
- Ourense: explanada de Expourense.
Reivindicacións do persoal do ensino concertado
Recordamos as reivindicacións do colectivo, que poden resumirse nos seguintes puntos:
- Convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do ensino concertado e apertura de negociacións sobre os numerosos temas que permanecen pendentes, establecendo un calendario para os próximos anos dos acordos que deben ser asinados.
- Desbloqueo dos acordos de homologación salarial e desenvolvemento profesional, incluíndo:
- Aboamento dos complementos de coordinación, titorías, dinamización lingüística…
- Complementos de cargo.
- Paga extraordinaria de antigüidade.
- Redución da carga lectiva.
- Mellora dos acordos de xubilación parcial con contrato de relevo, incorporando a todo o persoal.
- Financiamento dun complemento autonómico para o persoal de administración e servizos (PAS).

