25 de novembro – Día Internacional pola Eliminación das Violencias de Xénero
Un ano máis, este 25 de novembro, desde CCOO Ensino alzamos a voz nas aulas, nos centros de traballo e nas rúas para reafirmar o noso compromiso irrenunciable coa erradicación de todas as formas de violencia machista.
A violencia contra as mulleres foi sempre a manifestación máis salvaxe e estrutural da discriminación. Unha discriminación que se aprende e se reproduce tamén nos contextos educativos e socioeducativos: a través de currículos que invisibilizan as mulleres, de estereotipos de xénero nos materiais didácticos, de expectativas diferenciadas do profesorado e das familias, da segregación nos patios e nas actividades, da falta de educación afectivo-sexual integral, do acoso escolar e sexual entre iguais, e da infravaloración dos empregos feminizados no sector educativo e sociosanitario.
Este 25N, desde o feminismo de clase de CCOO, denunciamos dúas graves ameazas que golpean directamente a convivencia democrática, o labor educativo e os dereitos das traballadoras e dos traballadores: o negacionismo institucional e a instrumentalización racista das violencias machistas.
E para loitar contra estas ameazas sabemos que a educación e a acción socioeducativa son ferramentas fundamentais e imprescindibles para transformar a sociedade, construír relacións igualitarias e previr o machismo desde a raíz.
A educación e o socioeducativo fronte á ofensiva negacionista
Asistimos a unha ofensiva ideolóxica reaccionaria que pretende desmantelar os avances conquistados polo movemento feminista e expulsar a igualdade das aulas e dos recursos sociais. En autonomías e concellos gobernados polas dereitas recórtanse partidas, elimínanse consellerías e concellerías de igualdade, e inténtase impoñer a censura parental e o veto á educación afectivo-sexual e en igualdade. Substituír o concepto de violencia de xénero polo de «violencia intrafamiliar» non é un mero cambio de palabras: busca invisibilizar a raíz estrutural do machismo e desarmar a prevención desde a infancia e a mocidade.
O negacionismo ten consecuencias devastadoras e reais: no que vai de ano, 44 mulleres e 3 menores foron asasinados ata o 3 de novembro, denúncianse 15 violacións ao día no noso país e máis de 4,4 millóns de traballadoras (o 28,4 %) sufriron acoso sexual no ámbito laboral. Ademais, o auxe dos discursos misóxinos nas redes sociais está a calar entre a poboación máis nova, reproducindo violencias dixitais e condutas de control que o profesorado e os equipos socioeducativos detectamos a diario nos centros, moitas veces sen contar cos recursos nin coa formación suficientes para abordalas.
Fronte a quen pretende paralizar os plans de igualdade e os protocolos contra o acoso sexual e por razón de sexo en centros educativos, universidades, empresas de atención á infancia, mocidade ou acción social, CCOO Ensino responde con firmeza. As nosas delegadas e os nosos delegados seguiremos actuando como un cordón protector en cada centro de traballo, negociando, implementando e vixiando que se cumpran estas ferramentas para garantir contornos laborais e educativos seguros.
Aulas e espazos socioeducativos libres de racismo e xenofobia
Denunciamos tamén con rotundidade a hipocrisía de quen nega as violencias machistas cando as exercen homes autóctonos, pero as instrumentaliza sen escrúpulos cando o agresor é migrante ou racializado. Nas nosas aulas e nos servizos socioeducativos convivimos coa diversidade e traballamos pola inclusión e a cohesión social. Non imos permitir que a ultradereita utilice a dor e a seguridade das mulleres como escusa para sementar o odio, a xenofobia e o racismo nos nosos barrios e centros. O feminismo sindical é antirracista e non permitiremos que nos dividan.
As nosas reivindicacións en educación e servizos socioeducativos
Porque a invisibilidade mata e a falta de recursos desprotexe, esiximos:
- Coeducación real e garantida: incorporación efectiva da educación afectivo-sexual, a igualdade de xénero e a prevención das violencias machistas en todos os niveis educativos e programas socioeducativos, blindándoas fronte a calquera intento de censura.
- Reforzo dos cadros de persoal e dos recursos: dotación orzamentaria suficiente e estabilidade laboral para os equipos de orientación, a coordinadora de benestar ou igualdade, educación social, integración social, animación sociocultural e persoal docente, fundamentais para a detección temperá e o acompañamento a menores e familias vítimas de violencia. E poder facer un traballo de concienciación e prevención efectivo.
- A formación especializada e a estabilidade laboral do persoal educativo e socioeducativo, como garantes dunha prevención de calidade.
- Aumento dos servizos públicos de atención á infancia, á adolescencia e ás mulleres vítimas de violencia, con especial atención aos servizos sociais comunitarios e aos equipos de orientación educativa.
- Políticas públicas que protexan a vida e a dignidade de todas as mulleres en todos os ámbitos, tamén nas aulas e nos servizos socioeducativos.
- Dignificación dos sectores feminizados: fin da precariedade, da externalización e da fenda salarial nos servizos socioeducativos, escolas infantís e atención a colectivos vulnerables.
- Tolerancia cero nos centros de traballo: negociación, aplicación e avaliación real dos plans de igualdade e protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo en todas as administracións públicas e empresas privadas do sector.
- Consolidación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero: reforzo das políticas públicas e das redes de atención integral ás vítimas.
Fronte a quen alenta o odio, recorta dereitos e nega a realidade, as traballadoras e os traballadores do ensino e dos servizos socioeducativos respondemos con máis coeducación, máis servizos públicos, máis organización e máis feminismo de clase.
CONTRA O NEGACIONISMO, POLA VIDA DAS MULLERES!
Acude ás concentracións e mobilizacións convocadas este 25 de novembro no teu centro de traballo e na túa localidade.


