As publicacións da denominada Marea Celeste 0-3 España, nas que anuncia as súas xuntanzas co Partido Popular e VOX e fai públicos os compromisos de ambas as formacións de derrogar o novo real decreto se chegan ao Goberno, deixan unha cuestión sobre a mesa: que intereses se están defendendo realmente?
É absolutamente indecente utilizar o medo das traballadoras a perderen o seu emprego e o seu sustento para sementar alarma, xerar inseguridade e condicionar o seu posicionamento político e electoral. Pretender que as profesionais vexan como unha ameaza os avances que elas mesmas levan décadas reclamando, mentres se lles sinala como saída política votar a partidos conservadores e ultraconservadores que precisamente prometen eliminar estas melloras, é unha forma inaceptable de instrumentalización que desde CCOO Ensino non imos tolerar.
Resulta especialmente indignante que esta suposta preocupación polas traballadoras veña de sectores patronais que levan anos mantendo e perpetuando a precariedade laboral das profesionais da xestión privada, tanto directa como indirecta, tal e como vimos denunciando historicamente desde CCOO. Onde estaba toda esa preocupación pola estabilidade, os dereitos e a dignidade das educadoras durante todos estes anos?
A redución das ratios é unha reivindicación histórica das traballadoras do 0-3, froito da mobilización, a organización e a negociación colectiva. Non é unha concesión das patronais nin un capricho político. Ademais, a súa implantación é progresiva, polo que non se pode presentar como unha transformación inmediata nin utilizar escenarios catastrofistas coma se fosen certezas.
O que fai falta é xustamente o contrario do que están promovendo: loitar polo financiamento público necesario para facer posible a aplicación do real decreto, garantindo que a redución das ratios non se traduza en perda de postos de traballo nin en precarización das condicións laborais. Esa é a responsabilidade que debemos esixirlles ás administracións, non retroceder nunha conquista histórica.
Non se pode defender o emprego condenando as traballadoras a seguir na precariedade.
As profesionais non necesitan que ninguén as asuste nin fale no seu nome para defender intereses propios. Necesitan estabilidade laboral, recoñecemento e condicións dignas. E merecen, sobre todo, que se respecte a súa capacidade para organizarse, reivindicar e decidir libremente.
As traballadoras do 0-3 non loitaron durante décadas para que agora se utilice o medo como arma contra as súas propias conquistas.

