CCOO Ensino celebra a aprobación de tres reais decretos educativos

A súa implantación é de gran importancia para a comunidade educativa e seguiremos traballando para sacar adiante todas as reivindicacións pendentes.

CCOO Ensino celebra a aprobación de tres reais decretos educativos no Consello de Ministras e Ministros de hoxe, que terán un gran impacto na comunidade educativa: o de requisitos mínimos dos centros, o que pon límites á privatización no sector da FP e o que permite crear as especialidades docentes de aragonés e asturiano.

Para o sindicato, a súa importancia radica, ademais, en que a súa aprobación e a súa inmediata publicación no BOE confirman que se situou no centro do debate social a realidade á que se enfrontan as e os profesionais do sistema educativo.

O RD de requisitos mínimos incorpora, entre outras medidas, a redución progresiva das ratios en Educación Infantil (4-6-8 estudantes por educadora no primeiro ciclo desta etapa e 20 por unidade no segundo ciclo), en Bacharelato (30 estudantes por unidade) e tamén en Formación Profesional Básica, con 15 estudantes por unidade.

Desde CCOO Ensino lembramos que en Galicia, grazas ao Acordo sobre Medidas de Mellora que asinamos a finais de 2023, xa temos unha ratio de 20 en todo o segundo ciclo de Infantil e conseguimos fixar en 30 a de Bacharelato. Por iso, celebramos que estas medidas se estendan a todo o Estado, así como as novas ratios máis reducidas para o primeiro ciclo de Infantil e para a FP Básica.

Ademais, o RD permitirá que o alumnado con necesidades educativas especiais conte dobre para efectos da ratio máxima, unha medida que se implantará de maneira simultánea en todos os niveis a partir do próximo curso 2027-2028. En Galicia, grazas a ese mesmo acordo, xa computan dobre e triplo as necesidades educativas especiais desde o curso 2024-2025, polo que tamén consideramos moi importante que se estenda o cómputo dobre a todos os territorios.

Cando sexa imposible desdobrar un grupo de maneira inmediata, o centro recibirá o incremento de persoal coma se se creasen os grupos adicionais para que ningún estivese por enriba da ratio.

O dito RD tamén inclúe medidas respecto da climatización dos centros educativos e, en canto á escola rural, garantirase a continuidade das súas unidades e centros, dotándoos dos recursos humanos e da conectividade que requiran.

En canto ao RD que endurecerá os requisitos para a autorización ou o mantemento dos centros privados no ámbito da Formación Profesional, a medida ten por obxectivo evitar os chiringuitos de baixo custo que están reducindo a calidade deste sector educativo e establecer con carácter xeral a ratio máxima da modalidade a distancia e os seus requisitos.

Pola súa parte, o RD que permite a creación das especialidades de linguas protexidas, como o aragonés e o asturiano, tamén favorecerá a aprobación e convocatoria de prazas para que o seu profesorado poida ser persoal funcionario de carreira.

Aplaudimos estas medidas que, aínda que levamos anos reclamando e chegan tarde na lexislatura, permitirán mellorar as condicións do profesorado e de toda a comunidade educativa. Non obstante, CCOO Ensino seguirá esixindo, sexa cal sexa o próximo goberno, que se tomen medidas respecto doutras reivindicacións como a xubilación anticipada específica, que sexa todo o alumnado con calquera necesidade específica o que conte dobre para efectos da ratio, que todas as dificultades estean asociadas á dotación de apoios especialistas, máis rede de orientación e coordinación de benestar; redución real da xornada semanal e dos períodos lectivos de cada docente, con incremento de persoal, e o paso ao A1 e a suba de nivel para todos os corpos docentes, entre outras.