Desde CCOO Ensino consideramos importante avanzar na negociación do Plan de Igualdade da Consellería de Educación no ámbito do persoal docente. Neste contexto, a Administración vén de trasladarnos un borrador de protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso, un documento clave que debe garantir a protección real do profesorado.
Por iso, desde CCOO Ensino pedimos achegas para mellorar este texto antes da súa negociación definitiva.
Por que se está a negociar este plan?
Os plans de igualdade son unha obriga legal establecida no seguinte marco legal:
- A Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
- A nivel internacional, o Convenio 190 da OIT sobre a violencia e o acoso.
- A Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual.
- No ámbito galego, a Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
No caso do persoal docente, este plan debe garantir igualdade real nas condicións de traballo, medidas efectivas de prevención do acoso e protocolos claros de actuación ante situacións de acoso.
Un proceso que chega tarde
Desde CCOO levamos tempo denunciando que este proceso chega tarde.
De feito, dúas afiliadas tiveron que acudir á xustiza ante a falta de medidas eficaces de prevención, nun caso de acoso laboral que acabou con condena á Administración.
Esta situación evidencia que non contar cun plan nin cun protocolo eficaz para o persoal docente ten consecuencias reais. E tamén deixa claro que, unha vez máis, se avanza grazas á acción sindical de CCOO.
Un protocolo que debe ser útil
O borrador presentado pola Consellería é un punto de partida que, no caso do profesorado, debe adaptarse á realidade dos centros educativos, garantir protección efectiva ás vítimas, establecer procedementos áxiles e evitar revictimizacións.
Desde CCOO Ensino traballaremos para que non sexa un documento formal, senón unha ferramenta útil e eficaz para o persoal docente.
Envíanos as túas achegas
Podes enviarnos achegas, propostas ou valoracións a:
ensino@galicia.ccoo.es
https://ccooensino.gal/contacto
Próxima reunión
A seguinte reunión da mesa de negociación está prevista para o 22 de abril.
Levaremos a esa reunión as propostas recollidas para defender un protocolo que estea á altura do que o profesorado necesita.

