Este 31 de marzo, Día Internacional da Visibilidade Trans, desde CCOO Ensino queremos reafirmar o noso compromiso cunha educación pública inclusiva, diversa e libre de discriminacións.
A visibilidade non é só unha cuestión simbólica: é unha ferramenta fundamental para garantir dereitos, combater a invisibilización e avanzar cara a unha sociedade máis xusta. Nos centros educativos, isto tradúcese na necesidade de crear espazos seguros onde todo o alumnado poida desenvolverse plenamente, independentemente da súa identidade de xénero.
Neste contexto, cómpre lembrar que este pasado domingo 29 de marzo, Arelas (Asociación de familias de menores Trans de Galicia) convocou unha mobilización contra a transfobia en Santiago de Compostela e nela participaron representantes de CCOO xunto a milleiros de persoas. Esta é unha mostra clara de que a sociedade galega demanda avances reais en igualdade e respecto.
Desde o ámbito educativo, estas reivindicacións deben ter unha tradución concreta:
- Desenvolvemento efectivo de protocolos de acompañamento ao alumnado trans.
- Formación específica do profesorado en diversidade afectivo-sexual e de xénero.
- Garantía de recursos e orientación nos centros.
- Inclusión da diversidade nos currículos e materiais educativos.
Non abonda con declaracións: é necesario pasar á acción e concretar medidas que aseguren que ningún neno, nena ou moce quede atrás por razón da súa identidade.
Desde CCOO Ensino levamos anos insistindo nesta liña, defendendo que educar para incluír é educar para avanzar. Hoxe, máis ca nunca, reafirmamos ese compromiso.
Porque a visibilidade tamén é protección. Porque a educación tamén é transformación.

