Debe informarse ao profesorado. É vital para preservar a equidade, a inclusividade e a calidade, evitando posibles nesgos.
O Goberno estatal anuncia a través dun medio de comunicación a creación dun programa de IA, denominado “Programa de Intelixencia Artificial para a Educación”, que incluso conta cunha dotación orzamentaria de 140 millóns de euros. Unha ferramenta desta envergadura, que podería axudar ao profesorado ante a sobrecarga e o exceso de burocracia —sempre que conte con todas as garantías e sexa acordada—, non debería impulsarse sen o profesorado.
Este anuncio realízase sen que previamente se consultase ás persoas representantes do profesorado, incumprindo coa obriga que establece o Regulamento Europeo de IA de informar con antelación suficiente sobre calquera implantación dun sistema de intelixencia artificial que afecte a situacións de alto risco, como é o caso da educación. Ademais, este regulamento sinala importantes cautelas á hora de utilizar a IA en contextos educativos: “Tendo en conta o desequilibrio de poder no contexto do traballo ou da educación, combinado coa natureza intrusiva destes sistemas, tales sistemas poderían conducir a un trato prexudicial ou desfavorable de determinadas persoas físicas ou de grupos enteiros…” (https://artificialintelligenceact.eu/es/recital/44/).
Ademais, tampouco se explican os parámetros, regras e instrucións nos que se vai basear, nin se especifican os datos e procesos cos que se vai adestrar este “chatbot oficial e soberano”, sendo imprescindible que sexan transparentes para evitar calquera tipo de nesgo étnico, de xénero, de condición social, de ideoloxía, de orientación ou de calquera outro tipo.
Por todo isto, queremos participar nas condicións de implementación, así como no seu seguimento e avaliación, nun ámbito tan relevante como son as condicións laborais do profesorado, así como na necesidade de preservar a equidade, a inclusividade e a calidade dos procesos de aprendizaxe que se desenvolven nos centros educativos.

