A etapa do 0-3 debe integrarse estruturalmente no sistema educativo regrado, con orzamentos consolidados
Ante a recente comparecencia da ministra de Educación e Formación Profesional no Congreso das Deputadas e Deputados, CCOO Ensino quere manifestar a súa posición respecto ao anuncio do novo programa de cooperación territorial para a etapa educativa do primeiro ciclo de Educación Infantil.
O Ministerio anuncia un programa dotado con 175 millóns de euros centrado en facilitar o acceso ás familias con menos recursos sen crear novas prazas públicas. Para CCOO, esta solución parcial e temporal orientada á gratuidade non só é insuficiente, senón que tamén fomenta e impulsa claramente a privatización do servizo educativo no 0-3.
Esta etapa educativa non debe ser un servizo asistencial ou de conciliación para quen non pode pagalo; é un dereito educativo que debe garantirse independentemente da renda familiar.
O anuncio ministerial de non crear novas prazas e centrarse só no acceso pode xerar un modelo con importante déficit de prazas públicas que desde CCOO vimos denunciando reiteradamente.
Reclamamos unha lei de financiamento educativo que garanta un chan de investimento estable. Esta etapa debe estar integrada estruturalmente no sistema educativo regrado, con orzamentos consolidados e non dependentes de transferencias finalistas temporais ás comunidades autónomas.
Denunciamos coa máxima enerxía que este anuncio ignora por completo as persoas que sosteñen o sistema. A proposta do Ministerio non recolle mellora ningunha para as profesionais —o 97 % son mulleres—, tanto as de xestión directa como, especialmente, as traballadoras de prazas concertadas e/ou privadas, que sofren unha precariedade insostible en diversas modalidades territoriais. Non pode haber calidade educativa nin universalidade real se se constrúe sobre a precariedade do persoal educativo e a falta de prazas públicas.
CCOO, como primeiro sindicato no sector, mobilizámonos xa no seu día contra un convenio colectivo que non incorporou melloras reais para miles de traballadoras nunha situación insostible. Non só nos negamos a asinalo, senón que seguimos e seguiremos mobilizadas nas rúas e nas mesas de negociación para asegurar condicións laborais dignas, un requisito indispensable para garantir a calidade que merece esta etapa educativa absolutamente fundamental para o desenvolvemento da infancia.

