A xustiza condena á Consellería por incumprir a prevención de riscos nun caso de acoso laboral

Informamos de que unha sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Vigo estima a demanda presentada a través dos servizos xurídicos de CCOO Ensino por dúas docentes afiliadas e declara que a Consellería de Educación incumpriu as súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais ante unha denuncia de acoso laboral. A resolución condena (en primeira instancia) a Administración a indemnizar economicamente a cada unha das traballadoras.

A escasos días do 8M, convén lembrar que chove sobre mollado ao non ser a primeira vez que se dicta unha sentencia similar contra a Consellería de Educación, con mulleres como vítimas e nun breve período de tempo.

A sentenza considera que a resposta administrativa non garantiu a protección efectiva da saúde laboral das docentes, lembrando que a prevención debe integrarse na organización do traballo e que a Administración ten o deber de actuar con dilixencia ante situacións que poidan afectar a seguridade e saúde do persoal.

Un aviso claro: fan falta protocolos e políticas reais, non papeis

Esta resolución volve poñer o foco nunha cuestión central: sen protocolos eficaces e sen garantías, as denuncias non son atendidas axeitadamente, as vítimas quedan desprotexidas e desaténdese por completo a obriga de prevención.

Desde CCOO Ensino levamos tempo advertindo de que a Consellería non pode ficar a medio camiño no desenvolvemento das ferramentas básicas de protección do persoal.

A propia sentenza recolle a resposta dada no seu momento pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación indicando que o “Protocolo da Xunta de Galicia de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo” non é de aplicación ao persoal docente.
Por este motivo, reclamamos unha vez máis que a Consellería retome de inmediato a negociación do protocolo específico de acoso para o ámbito educativo, uns traballos que levan meses paralizados sen explicación.

Igualmente, urxe avanzar na negociación do Plan de Igualdade da Consellería de Educación, co obxectivo de incorporar medidas reais de prevención, detección e actuación fronte ás violencias e ao acoso no ámbito laboral, con formación, seguimento e avaliación.

E, por último, pero non menos importante, cómpre pór en marcha de maneira efectiva os comités provinciais de Seguridade e Saúde Laboral e constituír aqueles que aínda están pendentes.

CCOO Ensino seguiremos defendendo a tolerancia cero fronte ao acoso e acompañando ás persoas traballadoras na defensa dos seus dereitos.