O número de universidades privadas supera por primeira vez o de públicas

O pasado 14 de abril, o Parlamento de Mallorca aprobou a lei para a aprobación da Universidade de Mallorca (UMAC), cos votos favorables do PP e de Vox. A universidade adoptará a fórmula xurídica de sociedade limitada e ten a súa orixe na escola universitaria ADEMA (constituída a través dunha sociedade de responsabilidade limitada, Academia Dental de Mallorca S. L.), adscrita ata o curso 2024-25 á Universidade das Illas Baleares (UIB). Estamos, unha vez máis, ante o modelo tantas veces repetido para a creación dunha universidade privada:

  1. Escola adscrita a unha universidade pública que, unha vez ten consolidada a súa actividade, se transforma en universidade privada para aproveitar o nicho de negocio que ofrecen determinadas titulacións.
  2. O proxecto de creación desta nova universidade privada recibe o informe negativo dos técnicos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades por deficiencias na súa viabilidade financeira e na súa aposta docente e investigadora.
  3. A pesar de que estes informes negativos son avalados pola Conferencia Xeral de Política Universitaria, ao non seres vinculantes eses ditames, queda en mans do executivo autonómico a decisión de autorizar ou non nos seus parlamentos rexionais o proxecto de universidade.
  4. E eses parlamentos autonómicos aproban a proposta de xeito inmediato (en seis meses neste caso) e sen apreciar ningún dos problemas sinalados no marco estatal.

Esta nova universidade privada está vinculada ao empresario Diego González e ten unha forte vinculación coa tamén universidade privada Isabel I, con campus en Valladolid e Burgos (á que se adscribiu en xullo de 2025 como «ponte» á súa conversión en universidade privada). A vontade dos seus promotores é comezar a actividade no curso 2026-27, curso no que xa serán tres as universidades privadas en Baleares (a UMAC; o Centro de Ensinanza Superior Alberta Giménez, adscrita á Universidade de Comillas e o centro universitario Luis Belda adscrito á San Pablo CEU).

Desta forma, por primeira vez na historia deste país, o curso 2026-27 comezará con máis universidades privadas (51) ca públicas (50) a ofreceren titulacións universitarias. Das privadas, 26 terán ánimo de lucro fronte ás 24 non mercantís, propiedade da Igrexa ou de fundacións sen ánimo de lucro. É máis, desde o ano 2019, das 16 universidades privadas que se crearon, todas menos unha teñen ánimo de lucro. O modelo da universidade como un ben de mercado implántase co beneplácito das Administracións que, supostamente, deben defender o modelo público de universidade.

Todo isto nun momento de crise estrutural de financiamento das universidades públicas por parte das Administracións públicas que:

  • Mediante o estrangulamento orzamentario cuestionan o seu crecemento e desenvolvemento ao tempo que comprometen o seu funcionamento diario. Os exemplos da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Málaga e o máis recente da Universidade de Sevilla son avisos do que está por chegar.
  • Favorecen a medra incontrolada de universidades privadas, que se benefician da dificultade, cando non imposibilidade, das públicas para ofrecer novas titulacións ou aumentar a oferta de prazas nas máis demandadas pola dita falta de recursos orzamentarios.

Sempre co argumento de:

  • A liberdade de elección e de empresa, elección que non é tal e que restrinxe o acceso á formación universitaria a quen poida pagalo ou empeñarse mediante préstamos persoais ou créditos ao consumo que asfixian economicamente cada vez máis familias. O 13,8 % dos créditos ao consumo destínanse a pagar os estudos, cun aumento de case o 60 % nos últimos cinco anos.
  • E a busca da calidade, ausente en boa parte destas novas universidades privadas.

Obvian o papel da universidade como principal elemento nivelador e de ascensor social neste país e impoñen unha limitación cada vez maior no acceso á universidade en función da realidade social e económica das familias, garantindo plenamente este dereito só a quen poida pagalo.

Estas universidades creáronse baixo o modelo anterior a que entrara en vigor o RD 905/2025, quemodifica o RD 640/2021 de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios. Pero, malia a isto, esta reforma, que debía ser das máis importantes desta lexislatura tras a entrada en vigor da LOSU, xa que se supoñía que viña endurecer os requisitos para a creación de novas universidades privadas, probablemente non responderá ás expectativas creadas e non impedirá a creación de universidades privadas de xeito incontrolado. E iso sen considerar os diferentes recursos presentados contra a norma tanto por comunidades autónomas gobernadas polo PP (Madrid, Aragón, Baleares) como por diferentes universidades privadas (a primeira que o anunciou foi a San Pablo CEU, aínda que se foron sumando outras).

CCOO denunciou desde o primeiro momento a falta de ambición da reforma. É imprescindible que os criterios de necesidade, idoneidade e calidade primen na decisión final de crear unha universidade por riba das consideracións políticas ou económicas, que dependen basicamente das maiorías parlamentarias e dos intereses de determinadas empresas ou persoas físicas ou xurídicas. Para CCOO, calquera norma sobre esta materia, para ser efectiva, debe harmonizar e aumentar a esixencia dos requisitos mínimos necesarios para poder falar de “universidade”, así como fixar uns niveis básicos de calidade en todos os compoñentes do noso sistema universitario. Etememos que a reforma aprobada, á vista do seu contido e dos feitos, non garanta que isto vaia cambiar, polo que reclamamos a súa reforma que, no contexto actual de privatización da educación superior, resulta imprescindible.

Defende a universidade pública e de calidade, a universidade de todas e todos.