Entregámoslle ao Director Xeral de Recursos Humanos o documento coas nosas reivindicacións que, despois, presentamos en rexistro.


XUSTAS E LEXÍTIMAS REIVINDICACIÓNS DA CONCERTADA!
A reunión da Comisión Tripartita do Ensino concertado celebrada o pasado mércores, 8 de abril, foi unha reunión puramente informativa onde a Consellería non cumpriu co seu compromiso de iniciar negociacións de novos acordos.
As organizacións sindicais e patronais, na nosa solicitude de convocatoria desta reunión da Comisión Tripartita, propuxemos, de xeito preferente, iniciar as negociacións con tres puntos básicos:
- Desbloqueo da Disposición Adicional 12ª dos Orzamentos, que impide a execución do Acordo do 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e calidade do ensino, publicado no DOG do 30 de maio de 2008, coa subida salarial actualizada. Propoñemos a firma dun novo Acordo de condicións laborais do ensino concertado onde se aborden tanto o aboamento dos complementos económicos actualizados como a redución da carga lectiva co conseguinte incremento de cocientes.
- Addenda ao Acordo de xubilación parcial incluíndo a posibilidade de acceso para o persoal que ten parte da súa xornada en pago privado.
- Complemento salarial autonómico directo e finalista para o Persoal de Administración e Servizos.
Tres reivindicacións concretas, asumibles e de xustiza; as cales nin foron incluídas na orde do día da reunión, pese a ser o obxecto da nosa solicitude.
A Consellería sinalou que, agora, é momento de estabilizar o Acordo de xubilación parcial e que non se comprometía a novas negociacións de xeito inmediato.
Máis de dezaseis anos levamos esperando por algúns temas, como o desbloqueo da lei de orzamentos para executar o Acordo de 24 de abril de 2008 negociado, asinado e publicado no DOG. Ademais doutros temas como a PEA, o complemento de dinamización lingüística, os complementos de cargo, a baixada da carga lectiva, a homologación, etc. para os que esiximos unha calendarización no tempo para a súa negociación futura.
Confiabamos en que o Acordo de Xubilación parcial fora o inicio dun período onde as negociacións fosen fluídas para dar solución a tantas inxustizas. Ese foi o compromiso…
O sector está moi canso e non nos deixan máis opción que a mobilización. Empezaremos cunha concentración o próximo 5 de maio, martes, ante a Consellería de Educación en Santiago.
Se non hai un cambio na postura da Consellería continuaremos con outras accións máis contundentes das que informaremos puntualmente.
Solicitamos, por parte da Consellería, un cambio de actitude e a apertura inmediata de novas negociacións que permitan chegar a novos acordos para o sector. Non consentiremos o inmobilismo e o desprezo ao persoal traballador da Concertada desta Consellería.

