O Consello de Ministros aproba a suba salarial do 2,5 % para os empregados públicos comprometida para 2024 con CCOO e UGT

Tal como adiantaron o pasado venres UGT Servicios Públicos e a área Pública de CCOO, o Consello de Ministros aprobou a suba salarial do 2,5 % para os máis de tres millóns de empregados públicos deste país, segundo contempla o acordo asinado por ámbolos sindicatos.

CCOO e UGT sinalaron que a suba salarial do 2 % fixo cobrarase de forma inmediata, conforme á organización dos servizos de nóminas de cada administración. En canto ao 0,5 % variable, haberá que esperar á publicación do IPC harmonizado dos anos 2022-2024, requisito incluído no Acordo Marco para unha Administración do século XXI. Será a partir de decembro cando se faga efectivo ese incremento retributivo adicional e consolidable, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2024.

A suba salarial incluída no Acordo Marco para unha Administración do século XXI, que ámbalas organizacións asinaron en 2022, ascenderá ao 9,8 % cando remate o seu período de vixencia, previsto en decembro de 2024. Un pacto que, ademais, contempla outras medidas referidas á xubilación anticipada, xornada e carreira profesional, destinadas a mellorar as condicións laborais dos empregados públicos e o servizo que se presta á cidadanía, e cuxa vixencia acaba este ano.