No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria. Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
APROBACIÓN SE PROCEDE DA ACTA DO 8 DE MAIO
Observacións
Non se puido votar a aprobación xa que a Consellería finalmente non presentou a acta da Mesa Sectorial do 8 de maio de 2024.
ORDE PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA FINANCIAR OS GASTOS POR ASISTENCIA A ACTIVIDADES DE FORMACIÓN DO PROFESORADO NON UNIVERSITARIO
Intervención de CCOO Ensino
Antes de comezar coa análise do artículado da orde, solicitamos que no preámbulo e no articulado (en concreto no artigo 4) figure mención ao Acordo de Medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado asinado polas organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT polo cal se duplica a partida orzamentaria dedicada ao reintregro de gastos de asistencia a actividades de formación. ACEPTADO
Solicitamos que co incremento orzamentario total, se incremente a cuantía de cada axuda. ACEPTADO – Soben as de Tipo 1 a 200 euros, as de Tipo 2 a 325 euros e as de Tipo 3 a 750 euros
Solicitamos unha solución para cubrir os gastos de formación das actividades de formación realizadas desde o 1 de decembro ao 31 de decembro de cada ano, xa que co sistema actual só se sufragan os gastos xerados desde o 1 de xaneiro ao 30 de novembro. TENTARÁN SER FLEXIBLES SE A ACTIVIDADE DE FORMACIÓN COMEZA EN NOVEMBRO
Esiximos que os reintegros deben cubrir a totalidade de actividades de formación recoñecibles pola Orde de 14 de maio de 2013, incluído as actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación e os seus organismos dependentes (CFR ou CAFI) ou organizadas polos sindicatos que foran homologadas. NON ACEPTADO
Relacionado con isto, e para evitar en parte estes desequilibrios, demandamos que o prazo de solicitudes sexa único para todo tipo de actividades. NON ACEPTADO
Solicitamos que se cubran tamén as actividades de formación de saúde laboral e saúde mental e benestar emocional do persoal docente e da comunidade educativa. ACEPTADO
Esiximos a presenza das organizacións sindicais da Mesa Sectorial na comision de valoración. NON ACEPTADO
RESOLUCIÓN POLA QUE SE DITAN INSTRUCIÓNS SOBRE A ORDENACIÓN E A ORGANIZACIÓN DOS GRAOS "D" E "E" DE FORMACIÓN PROFESIONAL PARA O CURSO 2024-2025
Cuestións previas
Previamente ao análise destes documentos, desde CCOO quixemos comentar dous aspectos a colación do comentado durante a celebración da sesión.
En primeiro lugar, a reclamación dos mesmos dereitos laborais e retributivos para o profesorado do corpo a extinguir de PTFP. CCOO foi a única organización sindical que adoptou a vía xudicial, ata as últimas consecuencias, para esixir igualdade de dereitos para este colectivo polo traballo equivalente ao que realiza o corpo de Profesorado de Ensino Secundario. Nos seguintes enlaces pódese consultar tanto a nova da sentenza do Tribunal Supremo ao respecto como os puntos defendidos na nosa campaña para que TODOS os corpos docentes, non só PTFP, pasen a ser A1 e se suba o nivel de complemento de destino.
- O Supremo rexeita ampliar os beneficios da integración do PTFP en Secundaria ao persoal interino e en prácticas
- Grupo A1 e suba de nivel para todos os corpos docentes – Recollida de sinaturas
Por outra parte, dada a solicitude recorrente por parte do profesorado de que se reduza a burocracia, quixemos destacar que este xa é un punto do “Acordo de medidas de mellora” asinado por tres das catro organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial (CCOO, ANPE e UGT) e que esperamos que os resultados dos grupos de traballo se vexan xa no mes de setembro do vindeiro curso.
Intervención de CCOO Ensino
Empezamos a nosa intervención expoñendo por un lado o enorme retraso que consideramos ten esta convocatoria de Mesa Sectorial para tratar sobre a ordenación da Formación Profesional de cara ao curso 24-25. Somos coñecedores da dilación por parte do Ministerio na tramitación da normativa básica estatal, pero non é menos certo que este documento podería terse traído moito antes a esta Mesa. A DXFP non cre que haxa retraso na tramitación da normativa vendo o que ocorre noutras CC AA nas que soamente Aragón ten publicado un Decreto que é semellante ao RD.
Por outra parte, agradecemos que, tal como nos informou a Directora Xeral na reunión que mantivemos o día 15 de maio, estas instrucións pasen por Mesa Sectorial para a súa revisión coas organizacións sindicais.
De todos os xeitos, este retraso con responsabilidade compartida entre Ministerio e Consellería, ao único que contribuiu foi a aumentar o desconcerto e a incerteza nos centros educativos que ofertan ensinanzas de FP entre equipos directivos, departamentos e profesorado.
Respecto da documentación que se nos envía para esta sesión, botamos en falta dúas cousas:
- Recibimos o documento co reparto de sesións para os primeiros cursos de oferta ordinaria presencial de réxime xeral pero gustaríanos que se especificase tamén o número de horas asignado a cada módulo. Dato importante para poder facer a tradución de sesións de 50 minutos a sesións dunha hora nos CIFPs.
- O documento coas instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2024/25, ou, en caso de non pasar este documento pola Mesa, que o que hoxe se nos aportou profundizase ata o nivel de detalle do documento reclamado.
Análise da resolución de instrucións
TERCEIRO – Organización das ofertas:
- Nomenclatura: a redacción deste punto adáptase perfectamente ao que marca a Lei 3/2022, de ordenación e integración da FP, pero sería recomendable dar instrucións aos centros para adaptar as referencias que teñan nas súas webs ás novas denominacións, xa que se van producir innumerables confusións sobre todo durante o período de admisión de alumnado. POUCO SE PODE FACER AO RESPECTO, É CUESTIÓN DE TEMPO ADOPTAR A NOVA NOMENCLATURA
- Apartado 3.a (réxime xeral): pensamos que a afirmación contida neste punto non é de todo correcta ou, cando menos, pode malinterpretarse, polo que aportamos unha proposta de redacción alternativa que sería:
- a) Xeral. Cando a formación en empresa ou organismo equiparado teña unha duración a partir do 20 % da duración, nos ciclos de grao básico, e entre o 25 % e o 35 % da duración, nos ciclos de graos medio e superior e nos cursos de especialización. En todos os casos incluirá entre 10 % e o 20 % dos resultados de aprendizaxe dos módulos profesionais ou do ámbito profesional no caso dos ciclos de grao básico. ACEPTADO – SON COÑECEDORES DESTE DETALLE
QUINTO – Currículo dos ciclos formativos:
- Apartado 2.1: solicitamos coñecer os motivos para a non inclusión do Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativo no primeiro curso dos ciclos de grao básico, tal e como se recolle no RD 659/2023 – Artigo 85.2.d. Sobre todo tendo en conta como podería afectar ao reparto de sesións entre o resto de módulos o feito de incluír este ou non no primeiro curso. NON SE PRONUNCIAN
- Apartado 2.a: respecto da inclusión do módulo de Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo no primeiro curso gustaríanos coñecer cales foron os motivos para optar por este e non polo módulo de Dixitalización aplicada ao sistema produtivo. Cando o alumnado comeza a súa formación e descoñece por completo o sistema produtivo no que terá que sumerxirse, parece moito máis axeitado comezar por explicarlles conceptos e ferramentas de dixitalización que poderán empregar de xeito transversal no seu día a día que non tentar que entendan como aplicar principios de sustentabilidade sobre algo que descoñecen. NON SE PRONUNCIAN
SÉTIMO – Módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade dos ciclos de grao básico:
- Cremos que hai un erro na denominación do módulo deste punto, debería ser simplemente “Itinerario persoal para a empregabilidade”, sen o “I” ao final xa que nos ciclos de grao básico só hai un módulo con esta denominación. ACEPTADO
OITAVO – Módulo profesional de Inglés profesional | NOVENO – Módulo profesional de Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo | DÉCIMO – Módulo profesional de Itinerario persoal para a empregabilidade I:
- Resultan de pouca utilidade estes tres apartados sen poder analizar máis información sobre a atribución docente en Galicia destes módulos, como se realizará o reparto por departamentos para a elección de horarios, etc. Basicamente o que apuntabamos á hora de solicitar coñecer as instrucións para o desenvolvemento “de toda a FP” no curso 24-25. Demandamos máis información ao respecto destas cuestións. DEBATIDO MÁIS ADIANTE
DÉCIMO PRIMEIRO – Formación en materia de prevención en riscos laborais:
- Ao noso entender ten toda a lóxica do mundo priorizar a impartición da formación en Prevención de riscos laborais antes de que o alumnado poida ir a formarse nas empresas. Preocúpanos como vai ser a coordinación entre o profesorado de distintos módulos nos que se imparta esta temática, se estará adaptada a aplicación de Programacións, o XADE, os modelos documentais, etc.
DÉCIMO SEGUNDO – Aspectos xerais do período de formación na empresa ou no organismo equiparado:
- Apartado 1: Botamos en falta coñecer cantas horas se van dedicar ás reunións de titoría e seguimento de formación na empresa ou no organismo equiparado. Cal vai ser a normativa que rixa o número de titorías? Cantas titorías haberá por grupo/ciclo/familia profesional? Que dotación horaria van ter? Todo isto atendendo ao contido do artigo 166 do RD 659/2023 DEBATIDO MÁIS ADIANTE
- Apartado 2.d: de novo solicitamos que se dean instrucións claras aos equipos directivos para incorporar/actualizar os criterios necesarios ás NOFC para poder determinar de forma colexiada cando o alumnado pode incorporarse a ese período formativo na empresa ou no organismo equiparado. NON SE PRONUNCIAN
- Apartado 3: cremos máis que necesario que se explique como se vai organizar a formación no centro educativo cando non sexa posible por algún motivo realizar o período de formación en empresa ou organismo equiparado. Quen vai impartir os RAs correspondentes? Con que dispoñiblidade horaria vai contar para este traballo? Con que recursos nos centros? DEBATIDO MÁIS ADIANTE
DÉCIMO SEXTO – Profesorado:
- Satisfácenos comprobar que todo o recollido neste punto cumpre coa lexislación vixente. Por outra parte, este punto da resolución non está concretando absolutamente nada sobre a problemática da atribución docente de módulos que poden ser impartidos por profesorado de varias especialidades ou sobre quen vai a impartir os módulos de Inglés Profesional.
- Se os centros educativos son dotados do persoal docente necesario e das especialidades axeitadas para atender a todas as necesidades derivadas da nova normativa de FP, non debera existir problema algún. Dito isto, estas realidades normativas poden agochar unha flexibilidade malentendida en materia de organización e optimización dos recursos humanos que vaia en detrimento da calidade do sistema educativo e das condicións do persoal docente, e que pode dar lugar, se se incumpre de forma sistemática a atribución docente que recolle o RD correspondente, a inseguridade xurídica e posibilidade de xudicialización do reparto de accións formativas nos centros educativos. Por este motivo, unha vez máis esiximos coñecer o detalle, non só xeralidades, de como vai ser esta organización dos centros educativos, dos recursos humanos e dos horarios das persoas docentes para a impartición de módulos transversais, dos módulos de Inglés Profesional, das titorías, da coordinación coas empresas, etc. DEBATIDO MÁIS ADIANTE
Debate sobre as cuestións máis importantes
Logo das distintas intervencións das organizacións sindicais debatíronse as cuestións máis relevantes coas persoas representantes da Dirección Xeral de FP. De xeito resumido podemos sacar as seguintes conclusións:
- No tocante aos módulos que poidan ser impartidos por máis dunha especialidade, co último apartado do punto décimo sexto, que fala de completar o horario con materias afíns, semella que quedaría resolto o problema a ollos da DXFP e quedaría este reparto ao criterio dos equipos directivos dos centros. O profesorado daqueles módulos que “perden” horas, podería complementar o horario impartindo “Sustentabilidade”.
- No caso de “Inglés Profesional” a intención da Consellería pasaría por aplicar un sistema semellante ao da FP dual actual ou ao dos ciclos plurilingües, onde este módulo é impartido por profesorado das familias profesionais que conte cun nivel C1 en Inglés. Mesmo podería ser preciso que profesorado cun nivel B2 impartise estes módulos.
- En canto á formación en empresa ou organismo equiparado, a Consellería estima que unha gran parte do alumnado non irá formarse á empresa no primeiro curso pola realidade do tecido produtivo galego e o período transitorio cara a este novo modelo de FP. Polo tanto, non ven problema ningún xa que a impartición dos RAs faríase por completo no centro educativo, co profesorado impartindo os módulos como eran ata o de agora os módulos de primeiro curso. A avaliación do alumnado tampouco suporía un problema xa que o informe do titor ou titora da empresa non é vinculante para a avaliación (neste caso nin habería informe).
- En canto a aqueles casos nos que o alumnado vaia ir á empresa no primeiro curso, tampouco ve a DXFP problema, xa que o profesorado deixaría de ter clase directa e aproveitaría esas horas para facer o seguimento da formación na empresa e o resto de tarefas que a lei marca para a figura de titor ou titora dual de centro.
- A este respecto das titorías e da coordinación coas empresas, o “plan” da Consellería semella ser manter a figura da persoa coordinadora de FCT (que mantería o groso do trato directo coas empresas), apoiarse na figura da persoa dinamizadora da FP dual (para a busca de empresas nas que formar o alumnado) e manter as titorías por cada grupo, como ata o de agora, coas liberacións horarias que marque a lexislación en cada caso.
Ante todas estas cuestións que quedan sen aclarar en profundidade, desde CCOO Ensino mantivemos que é necesario entrar máis ao detalle sobre posibles solucións.
A DXFP demandou das organizacións sindicais propostas para atallar todas as casuísticas que poidan supoñer un problema nos centros de cara ao curso que vén. Ao mesmo tempo, deixou entrever que non se trata máis que dunha normativa provisional, para un só ano e que, da experiencia do curso 24-25 e coa publicación de toda a normativa por parte do Ministerio, haberá que mellorar o aspecto normativo coa redacción e debate do Decreto autonómico que regule a FP para os vindeiros cursos.
A postura de CCOO Ensino nestas cuestións é clara: debe cumprirse escrupulosamente a normativa vixente e dotar aos centros dos recursos necesarios, tanto materiais como de profesorado, para poder desenvolver a FP segundo o novo modelo.
ROGOS E PREGUNTAS
Asuntos varios
Demandamos información e manifestamos oposición ante as novas que nos chegan de diferentes centros de “participación forzosa” nun programa de financiación do Fondo Social Europeo, que suporía en moitos centros a financiación con fondos europeos de profesorado de atención á diversidade de catálogo, moitos deles mesmo con destino definitivo, a cal debería cubrirse coas partidas orzamentarias correspondentes ao título II de gastos de persoal dos orzamentos da Comunidade e non con programas europeos.
Solicitamos información de cando prevé a Consellería publicar en DOG a convocatoria de licenzas por formación que pasou por mesa sectorial o día 8 de maio. VAISE PUBLICAR NO PORTAL WEB DE FORMA INMINENTE PARA NON TER QUE ESPERAR POLA PUBLICACIÓN NO DOG. A AUTORIZACIÓN MÁIS COMPLICADA, QUE É A DE FACENDA, ESTÁ LISTA, DE FORMA QUE SE ESPERA TER PUBLICADA A RESOLUCIÓN PROVISIONAL A FINAIS DE XULLO E A DEFINITIVA EN SETEMBRO
Esiximos que, a diferenza do que pasou en anos anteriores, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoque ás organizacións sindicais da Mesa Sectorial á comisión de valoración do concurso de atención preferente e que nos informen sobre datas previsibles de publicación. ESTE ANO ESTÁ XA RESOLTA E EN BREVE PUBLICARÁN A RESOLUCIÓN PROVISIONAL
Ante a aplicación da redución do horario lectivo a 23 horas lectivas nas ensinanzas de infantil e primaria, froito do “Acordo de medidas de mellora”, queremos solicitar a modificación da Orde de 23 de xuño de 2011 para evitar dúbidas de aplicación nos centros educativos por parte de direccións ou Inspección. AS DIRECCIÓNS DOS CENTROS E AS INSPECCIÓNS TEÑEN INSTRUCIÓNS CLARAS E, EN PALABRAS DO DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS, “A REDUCIÓN A 23 HORAS LECTIVAS É SI OU SI”
Igualmente, ante a modificación de varios permisos, en concreto os correspondentes a hospitalización e intervención cirúrxica con repouso domiciliario de familiares de primeiro e segundo grao, así como a introdución dun novo permiso parental para coidado de fillo/a, que recolle o artigo 128 do RDL 5/2023, solicitamos que a Consellería acometa unha modificación da Orde de permisos e licenzas de persoal docente, xa que este curso houbo dúbidas de aplicación de tales permisos nos centros e mesmo nas direccións territoriais. ESTUDARASE
Tras a finalización da implantación da LOMLOE e coa aprobación da nova normativa reguladora da FP a nivel estatal, demandamos que a Consellería acometa a renovación dos Regulamentos Orgánicos de Centro, que contan case con 30 anos de vixencia, para así adaptarse a todas as modificacións normativas que aconteceron xa non nos últimos anos, senón nas últimas décadas. NON ACEPTADO
Ante o retraso na tramitación da normativa de FP para o curso que vén, solicitamos que se lle dea máis tempo aos centros educativos para facer o reparto provisional de módulos que se vén demandando nos últimos cursos. ESTÁN PENDENTES DA PUBLICACIÓN DEFINITIVA DE NORMATIVA POLO MINISTERIO PARA TRANSMITIR AS INSTRUCIÓNS XERAIS DE DESENVOLVEMENTO DA FP PARA O CURSO 24-25
Aproveitando a presenza da Directora Xeral de FP na Mesa, solicitamos que se tramite por completo unha orde de FP a distancia que substitúa á normativa actual de carácter experimental e que ten case 15 anos.