Mesa Sectorial sobre a Oferta Pública de Emprego (OPE) e as Oposicións de 2024

Coñece toda a información relacionada coa Mesa Sectorial celebrada no día de hoxe e na que se negociou a Oferta Pública de Emprego (OPE) e a convocatoria de oposicións para o ano 2024.

Desde CCOO Ensino consideramos que tanto a OPE como a convocatoria de oposicións representan unha ocasión perdida para repor realmente as xubilacións producidas no profesorado galego ao tempo de manter as taxas de interinidade arredor do 5 % do profesorado, obxectivo este que aparece marcado na base primeira do “Acordo de interinos/as”.

DATAS DE RELEVANCIA:

  • Publicación da convocatoria de oposicións: semana do 15 de febreiro
  • Publicación de instancias do CXT: trala finalización das comisións de revisión de alegacións a publicacións e outros méritos artísticos (previsto que rematen o 19 de xaneiro)
  • Resolución provisional do CXT: mediados de febreiro

Decreto da Oferta Pública de Emprego (OPE) para 2024

Consideramos este borrador de decreto unha ocasión perdida de convocar unha oferta de emprego público que permita repor realmente as xubilacións producidas no profesorado galego ao tempo de manter o obxectivo marcado na base primeira do “Acordo de interinos/as” de manter unhas taxas de interinidade arredor do 5 por cento do profesorado.

Prazas de reposición do ano 2022:

Seguimos a esixir, como xa se fixo en reclamación presentada ante Dirección Xeral, que a Consellería debe artellar os mecanismos lexislativos precisos para convocar as prazas de reposición do exercicio 2022, xa que en caso contrario, sen dúbida, as taxas de interinidade quedarán moi lonxe do obxectivo establecido no “Acordo de interinos/as”.

Consellería: cando se falou o ano pasado durante o proceso de estabilización, xa se advertiu de que estaba chegando a unha taxa de interinidade moi baixa para o funcionamento do sistema e que, polo tanto, non se ían convocar as prazas de reposición do ano 2022.

Prazas reservadas para a quenda de persoas con discapacidade:

Existen varias sentenzas do TSXG que hai que acatar. Legalmente isto non impide que se poidan acumular prazas desta quenda ao turno libre. As setenzas obrigan a acumular as prazas do turno de discapacidade para o mesmo turno dos seguintes procedementos selectivos, pero sempre que a porcentaxe de persoas discapacitadas que superen os procedementos selectivos non rebasen o 3 % do total e cun límite máximo do 12 % (nos seguintes procedementos selectivos). Polo tanto, é posible legalmente acumular prazas de turno de discapacidade no caso de que se acade a porcentaxe que fixa a sentenza, e é posible en todo caso acumular as prazas que rebasen ese 12% de límite máximo de reserva nos seguintes procesos selectivos.

Consideramos, por tanto, que debería modificarse o borrador e eliminar a disposición que impide acumular prazas do turno de discapacidade a turno libre xa que corremos o risco de que moitas prazas de funcionario/a de carreira queden desertas, prazas que poderían legalmente cubrirse acatando escrupulosamente as setenzas do TSXG e sen perxuicio para ningún participante.

Consellería: a intención é, se podemos, acumular as prazas da quenda de discapacidade á quenda libre. Non hai ningunha intención de que queden prazas vacantes. Especifícase que non se acumulan por imposición legal. Revisarase a redacción da base décimo sétima do borrador da orde de convocatoria de oposicións co fin de ter en conta todas as posibles casuísticas ao tempo que se respecte a legalidade. 

Reserva de prazas para vítimas de violencia de xénero:

Demandamos a necesidade de desenvolver a reserva de postos de traballo nas ofertas públicas de emprego para as mulleres vítimas de violencia machista ata un mínimo do 2 %,  tal e como recolle o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Consellería: seguirase coa reserva de postos do 7% para as persoas con discapacidade, non se contempla a reserva de prazas para vítimas de violencia de xénero.

Outros puntos relacionados:

  • Respecto da convocatoria de prazas nos corpos de Profesores/as e Catedráticos/as de Música e Artes Escénicas, convén ter en conta que os tribunais están tardando en pronunciarse sobre as sentenzas e recursos relacionados, ao que hai que sumar a aprobación da Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores no Congreso dos Deputados e ver como se desenvolverá normativamente no futuro.

Convocatoria de oposicións para 2024

Lamentamos a ocasión perdida de convocar unha oferta de emprego público que realmente permita a reposición da totalidade de xubilacións dos últimos dous anos e manter ao mesmo tempo as taxas de interinidade nun nivel cercano ao que marca como obxectivo o “Acordo de interinos/as”.

Consellería: informa dun erro no reparto de prazas nas especialidades da EOI. Incorpóranse prazas de Portugués (4L+0D), quedando como siguen as seguintes especialidades: Francés (8L+1D) – Galego (7L+0D) – Inglés (12L+1D).

Criterios para a distribución de prazas por especialidade:

Demandamos coñecer os criterios utilizados pola Administración para decidir a distribución das prazas por especialidades, xa que existe un desequilibrio claro na oferta, posto que ata un 40 por cento de prazas de ensino secundario concéntranse en tan só 5 especialidades.

Consellería: o principal criterio foi ofertar vacantes nun número similar a un 60-65 % das prazas de interinidades de cada especialidade. Por outro lado apostouse por incrementar a oferta en especialidades de difícil cobertura ou con moita demanda de postos de substitución e interinidades. Poderíase facer o reparto doutro xeito, pero estes foron os criterios que se adoptaron.

Escaseza de prazas en certas especialidades:

Solicitamos que se reconsidere a escaseza de oferta en especialidades que contan con numeroso profesorado e moitas persoas aspirantes, como Educación Infantil, Matemáticas ou Bioloxía e Xeoloxía, por citar tres exemplos. Igualmente hai moitas especialidades que levan unha gran cantidade de anos sen procedementos selectivos de reposición e con altas porcentaxes de profesorado interino e que non se inclúen nesta oferta: Construcións Civis e Edificacións, Oficina de Proxectos de Construción, etc. Polo que solicitamos que se reconsidere ofertar tales especialidades. Este problema podería solucionarse en parte se a Administración convocara as prazas de xubilacións do ano 2022.

Consellería: non se van convocar prazas de reposición correspondentes ao ano 2022 e mantense o reparto de prazas por especialidades.

Coherencia entre prazas convocadas e vacantes do CXT:

Reclamamos que haxa unha coherencia entre as prazas convocadas e as vacantes de concurso de traslados que se oferte nos próximos anos. Non ten moito sentido que gran parte do persoal que accede se vexa abocado a permanecer durante moitos cursos en situación de expectativa de destino, como xa ocorreu no pasado. Para evitalo deberían acometerse negociacións centralizadas das vacantes de concurso de traslados na Mesa Sectorial, como xa ocorreu no curso 2018/2019, permitindo desta forma aflorar centos de prazas de destino definitivo a maiores das que as xefaturas territoriais e a Inspección nos ten acostumados ano tras ano.

Consellería: hai que analizar especialidade por especialidade a oferta de vacantes no CXT xa que a casuística varía moito dunhas a outras.

Verdadeiro concurso-oposición:

Volvemos a esixir á Administración que asegure que se leva a cabo un verdadeiro concurso-oposición en todos os corpos e especialidades. En anteriores procesos, en moitas especialidades só superaron a fase de oposición un número de aspirantes igual ou menor ao de prazas convocadas. Ou directamente xa non supera a primeira proba máis que un número testemuñal, quedando desertas neste primeiro corte unha gran cantidade de vacantes, como ocorreu, por exemplo, en 2022 coa especialidade de Informática en que o 83 por cento das prazas quedaron desertas no primeiro exame. Pedimos á Dirección Xeral que reúna previamente as presidencias dos tribunais e insistan na obriga de cumprir co principio de concurso-oposición.

Consellería: os tribunais son soberanos e, máis alá de instrucións ou indicacións a nivel de funcionamento, debemos respectar escrupulosamente esa soberanía.

  • Demandamos un número suficiente de tribunais de forma que as ratios aspirantes/tribunais sexan baixas para que poida pasar á segunda proba todas/os as/os aspirantes que superen a primeira sen problemas de datas. Tentarán manter as ratios das oposicións do 2023.
  • Solicitamos que se melloren os criterios de selección dos /as presidentes/as dos tribunais. Xa que actualmente a súa selección non obedece a criterios de preparación nin capacidade. Debería asegurarse unha formación suficiente previa á constitución dos tribunais. Non se pronuncian ao respecto.
  • Da mesma forma, esiximos que a constitución dos tribunais sexa coa suficiente antelación para asegurar unha axeitada coordinación entre os/as membros dos tribunais. Tentarán adiantala o máximo posible.
  • Demandamos que todos os tribunais estean formados por profesorado da especialidade, en todos os casos e non só cando sexa posible. Non se pronuncian ao respecto.
  • Deberase publicar, como xa se fixo nos anos anteriores na web da Consellería, a composición final dos mesmos e non só nos lugares de celebración das probas. Estarán vixiantes con este asunto.
  • Demandamos que se asegure que a adaptación de tempo e medios para quen a solicite se resolva por parte dos tribunais co tempo suficiente, para que o/a opositor/a coñeza as condicións ás que debe enfrontarse no desenvolvemento das probas. Non se pronuncian ao respecto.
  • As datas e lugares de celebración das probas deben ser publicitados con suficiente antelación para que os/as opositores/as poidan organizarse, e non xurdan problemas pola escasa antelación á celebración das probas. Tentarán que se publiquen o antes posible.
  • Entendemos que cada vez se fai máis necesaria a constitución de comisións de selección para garantir a igualdade de condicións de partida dos aspirantes. Desta forma os temas e o exercicio práctico da primeira parte da proba deben ser os mesmos para todos os tribunais de cada especialidade, aínda que as prazas estean repartidas. Garantiríanse as mesmas condicións de ingreso para todas as persoas  aspirantes e ao mesmo tempo as mesmas condicións para o acceso ás listas de interinidades. Os tribunais son soberanos e debe preservarse ao máximo esa soberanía e independencia. Non poden dar instrucións.
  • Relacionado con isto último, deben establecerse protocolos de actuación comúns para que cada tribunal non actúe de modo arbitrario, sobre todo en tribunais da mesma especialidade. Os tribunais son soberanos e debe preservarse ao máximo esa soberanía e independencia. Non poden dar instrucións.
  • Esiximos que os tribunais deberan publicar con antelación ao acto de presentación unhas normas claras sobre o formato das probas escritas. Terano en conta e tentarán adiantar as reunións cos tribunais para darlles pautas de funcionamento e que estes poidan publicar as instrucións para que as persoas opositoras as coñezan coa maior antelación posible.
  • Solicitamos que a publicación das notas de cada proba deberían ser diarias. Van manter a publicación de notas tal como se viña facendo.
  • Esiximos que se elimine a función de valoración de méritos dos/as aspirantes polo tribunais. Esta función debería recaer na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. En todo caso, os méritos que figuran no expediente persoal, non só os servizos, senón tamén titulacións e formación, deberían ser xa valorados de oficio e evitar así de novo a súa achega polos/as aspirantes. Vaise manter a baremación nos tribunais.
  • Demandamos que se debe explicitar na convocatoria de modo claro o procedemento de reclamación da nota perante os tribunais, así como a posibilidade de gravación das probas orais, para dar as máximas garantías ao persoal opositor. Tentarán habilitar unha vía de comunicación telemática cos tribunais. As probas orais non serán gravadas, hai moitas implicacións técnicas, legais, etc. que ter en conta.
  • Valoramos positivamente a obrigatoriedade de publicar por parte dos tribunais os enunciados, solucións e plantillas de corrección e, de ser o caso, dos propios exercicios. Demandamos que se implementen os mecanismos necesarios dende a Dirección Xeral para que a totalidade de tribunais cumplan con tal obrigación. Estarán vixiantes e demandan a colaboración das organizacións sindicais en caso de detectar algún incumprimento.
  • Base 1.4 e 1.5: consideramos que debería habilitarse a posibilidade de que as persoas con discapacidade do corpo de mestres, poidan, como no caso de acceso A2 a A1 concurrir á localidade de exame da súa elección, xa que estes aspirantes contan en moitos casos con dificultade de mobilidade ou dependen doutras persoas para poder desprazarse, polo que deberían ter as máximas facilidades para poder concurrir en igualdade de condicións. Rexeitado.
  • Base 1.6: demandamos, como xa fixemos no debate sobre o borrador de Decreto de Oferta de Emprego, que as prazas que queden desertas no turno de discapacidade que permita a actual xurisprudencia pasen a acumularse ao turno libre. Estudarano.
  • Neste mesmo artigo volvemos a incidir na necesidade de desenvolver a reserva de postos de traballo nas Ofertas de Emprego Público para vítimas de violencia xénero. Rexeitado.
  • Base 2.4: En caso de persoal ao que se lle recoñeza con efectos retroactivos un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% con posterioridade ao proceso de matriculación, debería permitírselle a súa incorporación ao turno de reserva para persoas con discapacidade, sempre que os efectos do recoñecemento sexan anteriores ao último día de entrega de solicitudes. Non se pronuncian.
  • Base 3.8: Demandamos a gratuidade da matrícula para os demandantes de emprego que non estean a cobrar prestación ou subsidio en lugar dunha bonificación de só o 50% e que este requisito, ao igual que o resto, se considere a final de prazo de presentación de solicitudes. Non se pronuncian.
  • Bases 8 e 9: Os/as opositores/as que teñan superado en convocatorias anteriores a proba de coñecemento de castelán e/ou galego deben estar exentos de realizala. Non se pronuncian.
  • Base 10.3: Solicitamos que se debe substituír 24 h por 48h no tempo mínimo de antelación de chamamento para persoal opositor, xa que cun chamamento con tanta premura non se favorece o desprazamento dos/as opositores/as que poden estar nun tribunal lonxe do seu domicilio habitual. Rexeitado. Seguiranse mantendo as convocatorias con 24 h de antelación para non dilatar os procedementos selectivos e non perxudicar a resolución doutros procesos como o CADP.
  • Base 11.3: Consideramos escaso e que se debe incrementar o prazo de tres días a 5 días hábiles para reclamar as puntuacións da fase de concurso. Non se pronuncian.
  • Base 14.4: Solicitamos a eliminación do concepto “competencias base” como elemento que debería incluírse na programación e nas unidades didácticas das especialidades de corpo de mestres/as, por ser un concepto curricular actualmente obsoleto nos novos currículos, substituído por “competencias clave”. Son conscientes de que hai erros e revisaranos.
  • Base 17: Volvemos a incidir en que as prazas que queden desertas no turno de discapacidade que permita a actual xurisprudencia pasen a acumularse ao turno libre acatando as actuais sentenzas do TSXG. Revisarano para aplicar a lexislación con rigor pero tentando que non se perdan prazas.
  • Base 18: Os criterios de avaliación da proba de desempate, no caso de ser necesaria a súa realización, deben ser públicos. Non se pronuncian.
  • Base 20.1: Solicitamos incrementar a 3 días o prazo para solicitar destino provisional as persoas aprobadas. Non se pronuncian.
  • Base 20.7: Consideramos que debe recollerse que en caso de non formular opción pola percepción da remuneración, se lle aplicarán as retribucións que favorezan máis ao/á traballador/a. Non se pronuncian.
  • Base 22. Solicitamos que a titoría do profesorado en prácticas debe ter un recoñecemento análogo á titoría de mestrado e, polo tanto, debería ir acompañada da compensación económica de dita función e ser considerada como formación impartida. Non se pronuncian.
  • Base 24.6 Consideramos que habería que detallar nos procedementos de adquisición de novas especialidades aquelo no que debería incidir máis o persoal aspirante: en aspectos científicos, didácticos, ou nunha combinación dos dous tipos. Existen dúbidas entre os/as aspirantes de como deben orientar a proba. Non se pronuncian.
  • Que sexan puntuados no apartado 2.2 máis dun doutorado ou mestrado oficial en caso de que a persoa aspirante presente máis dun título.
  • Que deben puntuarse tamén outros premios extraordinarios como o de grao ou mestrado oficial, aínda que somos conscientes de que non está contemplado no RD 276/2007.
  • Que se valore tamén o B2 como equivalente a nivel avanzado no apartado 2.4 e 2.5, como viña puntuándose en anteriores procesos, xa que polo Decreto 81/2018 tales niveis son equivalentes ao nivel avanzado.
  • Que se computen os niveis de lingua galega de B2 e C1 no apartado 2.4, como viñan puntuándose en concursos oposicións de anos anteriores, sempre que o requisito de posesión de CELGA 4 sexa xustificado doutra forma; xa que o nivel C1 é equivalente a CELGA 4 pola orde que recolle os certificados CELGA, pero a posesión do CELGA 4 non implica en ningún o caso o recoñecemento dun nivel C1 do Consello de Europa.
  • Que se inclúan as linguas cooficiais tamén no apartado 2.5, non só estranxeiras. Desta forma o C1 en catalán ou euskera expedido por unha universidade non valería en ningún epígrafe.
  • Demandamos que os méritos que figuran no expediente persoal, non só os servizos, senón tamén titulacións e formación, deberían ser xa valorados de oficio e evitar así de novo a súa achega polos aspirantes.
  • Na baremación do paso do grupo A2 ao A1 só se valoran 0,5 puntos por título de licenciatura ou de grao distinto ao alegado. Entendemos que debera ser unha puntuación maior.

Consellería: rexéitase todo e manterase o baremo tal e como está.

  • Débense dar a coñecer os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das probas prácticas coa maior antelación posible, non esperar á semana previa ou ao acto de presentación como xa se fixo nalgunhas especialidades. Tentarán que se dea esta información o antes posible.
  • Necesidade de expresar a duración máxima da proba práctica naquelas especialidades nas que non está reflectida, por exemplo, Música. Revisarano.
  • Debe especificarse o tipo e contido da proba práctica en especialidades nas que está de forma moi xenérica: Matemáticas, Física e Química, etc. Revisarano.
  • Necesidade de actualización das rúbricas á lexislación en vigor na actualidade, cabe destacar por exemplo os conceptos de NEE e NEAE que modificaba a propia LOMLOE e que recolle a Orde do 8 de setembro de 2021 ou, por exemplo, as competencias clave que aparecen nos decretos de currículo actuais, en vez das competencias base, concepto obsoleto que aparece no borrador en varias disposicións. Revisarano.
  • Nas rúbricas de plan de apoio e programa de intervención de PT e AL non habería un apartado específico para avaliar as competencias clave. Revisarano.
  • Nas rúbricas de plan de apoio e programa de intervención en especialidades de PT e AL recóllense aspectos a avaliar que segundo a Orde de 8 de setembro de 2021, non serían competencia deste tipo de profesorado, como as probas estandarizadas (competencia da xefatura do departamento de orientación), ou a avaliación da programación de aula (competencia do mestre/a titor/a ou especialista). Revisarano.

Rogos e preguntas

  • Recollemos e adherímosnos ás reinvindicacións do persoal docente das Aulas Hospitalarias que está a reclamar entre outras demandas as seguintes: incremento de dotación e recursos humanos e materiais das Aulas Hospitalarias, recoñecemento das Aulas Hospitalarias como postos de especial dificultade, etc. Están mantendo reunións con este colectivo, pero o enfoque debe ir máis alá, mesmo dotando ás Aulas Hospitalarias de código de centro e atendendo a partir de aí todas estas cuestións.
  • No mes de xaneiro estaba previsto segundo a anterior Mesa Sectorial que a Administración presentase a debate o plan de igualdade da Consellería de Educación, aínda non temos noticia de se finalmente pasará por Mesa este mes. Solicitamos que comecen as negociacións do mesmo no menor tempo posible, xa que a propia Consellería está incumprindo a obrigatoriedade de ter aprobado tal plan de igualdade. Recoñecen que lles gustaría ter máis avanzado o tema, pero que non houbo tempo material para poñerse con el. Pretenden poñerse con este asunto en canto finalice a negociación da OPE e da convocatoria de oposicións.
  • Seguimos esixindo, como nas anteriores mesas, a necesidade de actualización dos diferentes Regulamentos Orgánicos de Centro. Urxe que a Administración pase por mesa sectorial os borradores de tales documentos, fundamentais para o funcionamento dos diferentes centros educativos, e que se inicie a negociación dos mesmos. Trasladarano á Dirección Xeral correspondente.
  • Trasládannos moitas persoas substitutas que as xefaturas territoriais pechan nóminas excesivamente cedo, a inicios de mes, o que provoca que tarden en percibir as retribucións con máis dun mes de retraso. Solicitamos que o día de peche das nóminas non se faga con tanta antelación. Non lles consta que as Xefaturas Territoriais teñan esa competencia para decidir cando pechar nóminas, senón que se fai de xeito centralizado. En todo caso, non cren que se estea operando de xeito diferente a como se viña facendo con anterioridade.

PRAZAS POR ESPECIALIDADE NO BORRADOR DE CONVOCATORIA DE OPOSICIÓNS 2024

Corpo de PES

Resto de corpos

Acceso A2 a A1