CCOO mantén a firmeza fronte ás propostas patronais na negociación do convenio de Infantil 0-3

Toda a información da reunión do 15 de xaneiro

Na reunión celebrada onte, 15 de xaneiro, as patronais reafirmaron as súas propostas canto a retribucións e incapacidade temporal (IT). Con respecto a este último punto, é importante recordar que CCOO xa o cualificara como moi negativo anteriormente, argumentando que representa un recorte na única mellora introducida polo convenio colectivo, sen xustificación ningunha. A nova redacción implicaría:

  • Complementar o 80 % (salario base, CPP e antigüidade, se é o caso) durante os primeiros 30 días de baixa.
  • Incrementar este complemento ao 100 % do día 31 ao 110 de baixa.
  • A exclusión deste complemento nas pagas extraordinarias.
  • A aplicación deste complemento sempre que se cumpran os requisitos para recibir a prestación da Seguridade Social e se manteña a relación laboral coa empresa.

Canto ás propostas de CCOO sobre xornada laboral, as organizacións patronais non ofreceron unha resposta concreta, limitándose a expresar o seu interese en discutir o asunto. Esta falta de compromiso levounos a rexeitar calquera proposta ata que se aborde seriamente a cuestión da xornada laboral.

Desde o comezo das negociacións, deixamos claro que os incrementos salariais non deben considerarse moeda de cambio para modificar o complemento retributivo en casos de IT. As patronais persisten en soster esta postura, sen comprender que iso non nos fará mudar de posición. Andan moi despistadas.

No relativo aos salarios, as diferenzas entre as propostas de CCOO e as das patronais seguen sendo significativas. O sector necesita unha mellora na dignificación das condicións laborais e salariais das traballadoras, recoñecendo o valor do seu traballo. Ata que isto se logre, o sindicato seguirá propoñendo medidas e iniciativas para paliar a actual situación de precariedade laboral.