Unha proposta incoherente do Goberno
Esiximos a retirada do proceso de información pública —que se iniciou o pasado 17 de xaneiro— do proxecto de real decreto, por considerar que afectará fundamentalmente ao alumnado máis vulnerable, especialmente pola desregulación das condicións mínimas dos centros de FP e a eliminación da gratuidade dos cursos de acceso a ciclos formativos de grao medio e superior.
CCOO esixe a retirada do proceso de información pública e manifesta o seu absoluto desacordo coa posición privatizadora e os cambios que propón o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes (MEFPD) no proxecto de real decreto presentado o pasado 17 de xaneiro, polo que se modifican o Real decreto 132/2010, de 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da Educación Infantil, a Educación Primaria e a Educación Secundaria, e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional.
E isto é así porque, neste documento, o MEFPD afonda nas inequidades do sistema de Formación Profesional e no seu proceso privatizador, disfuncións que CCOO ten denunciado en numerosas ocasións.
Esta falta de compromiso do MEFPD coa equidade vai intimamente ligada a unha postura clara coa privatización da Formación Profesional, como pode observarse nas seguintes modificacións propostas:
- Desregularizar as condicións mínimas dos centros que imparten Formación Profesional (apartado 3.2.a do Real decreto 132/2010, de 12 de febreiro), propoñendo que se poida autorizar a impartición de ciclos formativos de grao medio, grao superior ou cursos de especialización de Formación Profesional «en edificios con uso compartido», o que supón unha falta de control sobre as condicións mínimas (obriga de carácter básico) que han cumprir estas instalacións por parte do Ministerio e, seguramente, un menoscabo na calidade destes.
- Eliminar o carácter gratuíto dos cursos de acceso aos ciclos formativos de grao medio e grao superior, o que supón unha postura clara en contra da equidade do sistema de Formación Profesional.
Desde CCOO temos denunciado en múltiples ocasións que a repetición de curso, o fracaso e o abandono escolar temperán son tres elementos disruptivos que o noso sistema educativo presenta en relación con outros sistemas do noso ámbito. Afectan fundamentalmente ao alumnado vulnerable, tanto polo seu contexto social como educativo.
O carácter gratuíto das probas de acceso aos ciclos formativos supoñía un elemento de equidade fundamental do noso sistema educativo, que lle permitía a parte deste alumnado e a parte da poboación adulta que fora expulsada do sistema educativo —polas circunstancias que foren— volver a el e desenvolver un proceso formativo que concluía, en moitos casos, nunha formación de éxito.
Eliminar a gratuidade desta acción educativa coloca o Ministerio nunha postura claramente neoliberal e privatizadora, que se entende aínda menos provindo dun Goberno que, sobre o papel, se define como progresista e comprometido coa equidade, a inclusión e a calidade do sistema educativo e de Formación Profesional, algo que CCOO denunciará con todos os medios ao seu alcance.
Por todo iso, CCOO esixe a retirada do dito borrador do proceso de información pública e anuncia que, en caso de se manter, presentará as pertinentes alegacións e emendas a esta postura privatizadora do MEFPD, tanto no proceso de información pública como na súa tramitación no Consello Escolar do Estado e no Consello da Formación Profesional.