Cualificamos como un avance positivo a creación dun corpo de profesorado específico, aínda que queda pendente definir como será na práctica o seu réxime de dedicación.
O Consello de Ministros aprobou de novo a Lei de ensinanzas artísticas superiores. Esta lei propón un marco normativo básico para homologalas co sistema europeo de educación superior, buscando a súa equivalencia coas titulacións universitarias. O proceso de aprobación desta normativa fora interrompido previamente debido á disolución das cortes con motivo da convocatoria de eleccións xerais o verán pasado.
A Federación de Ensino de CCOO non rexeita de plano a Lei de ensinanzas artísticas superiores no seu segundo intento de trámite lexislativo. Non obstante, o sindicato entende que queda curta, porque non encamiña ao xeito algunhas reivindicacións históricas do sector. Así, o proxecto de lei deixa abertas incertezas relevantes e, o máis importante, non remata de abordar a integración de pleno dereito dos conservatorios e escolas superiores de ensinanzas artísticas (EEAA) nun marco equivalente ao universitario.
CCOO considera un avance positivo a creación dun corpo de profesorado específico, pero segue pendente definir o seu réxime de dedicación, a regulación dos corpos e os seus requisitos, cuestións fundamentais relacionadas coa docencia, a investigación, a mobilidade, os dereitos sindicais, etc.
O Goberno ten que apostar para que as EEAA superiores sexan públicas, coa gratuidade e a equidade como referentes. E, por suposto, de calidade, algo fundamental para non degradar a formación que se ofrece neste ámbito. CCOO esixe máximo rigor neste punto, para non minorar o prestixio das nosas institucións, do profesorado e do alumnado.
Para CCOO, unha das principais carencias do proxecto de lei é que non fortalece a autonomía dos centros, deixando o currículo na man do Goberno, que será o que marque os aspectos básicos coas achegas das comunidades autónomas. Esta é a mesma organización das ensinanzas obrigatorias e postobrigatorias non universitarias.
Neste sentido, non sorprende a presenza da inspección educativa como uns dos elementos que definen o marco legal (LOMLOE) en que, en realidade, quedaron adscritas as EEAA Superiores. Esta dependencia, totalmente inadecuada desde o noso punto de vista, redunda en non acabar de situar estas ensinanzas no espazo europeo de educación superior (EEES), creado dende a implantación do Plan Boloña, no que caben todas aquelas ensinanzas que, non sendo universitarias, teñen rango universitario.
A novidade respecto á creación dos Campus das Artes entre centros que decidan asociarse, é considerada por CCOO como un enganaollos insuficiente, cunha organización impropia dunha agrupación de centros superiores e en nada equiparable á universitaria. Dende CCOO defendemos a adscrición e integración de pleno dereito das EEAA superiores nun marco equivalente ao universitario e seguiremos traballando nesta liña.