18/23 horas lectivas: un avance que reforza o Acordo galego e marca o camiño para completar as melloras pendentes

CCOO Ensino valora como un avance relevante o anuncio feito hoxe polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de levar a lei un máximo de 23 horas lectivas en Primaria e 18 horas lectivas en Secundaria, Bacharelato e resto de ensinanzas, así como a baixada de ratios e a redución da burocracia, con inicio de aplicación xa no curso 2026-27 e negociación coas organizacións sindicais e coas comunidades autónomas. Trátase dun movemento en liña coas recomendacións do Consello Escolar do Estado e coa demanda histórica do profesorado.

Fronte á inacción, queixa constante e busca permanente de conflito doutras organizacións sindicais, convén lembrar que este anuncio chega grazas á campaña de recollida de máis de 102.000 sinaturas impulsada por CCOO en todo o estado para esixir medidas de mellora no sistema educativo e nas condicións de traballo das e dos seus profesionais.

A nosa actuación propiciou a creación de catro grupos de traballo co Ministerio para avanzar neses ámbitos e, o próximo día 23 de setembro, tocará analizar con detalle a letra pequena destas medidas no documento que nos presentará o Goberno.

En Galicia xa hai avances: aproveitemos este impulso

En Galicia, grazas á negociación neste co goberno galego a través da Consellería de Educación, o Acordo sobre medidas de mellora, asinado por CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, fai que xa teñamos avanzado en varios cambios que hoxe se ven reforzados:

  • 23 horas lectivas para o profesorado de Infantil e Primaria, xa en vigor desde o curso 2024-25 e sen renunciar a recuperar as 21 horas lectivas que tivemos no pasado.
  • Redución progresiva de ratios (20 en Infantil e Primaria; 25 en ESO; 30 en Bacharelato) e non supresión de unidades durante a implantación.
  • Cómputo dobre e triplo para efectos de ratio do alumnado con discapacidade, dependencia ou trastorno grave de conduta, medida clave de inclusión educativa e atención á diversidade.
  • Negociación e posta en marcha dun Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, cun enfoque moi ambicioso, con distintas etapas a desenvolver e que supón un primeiro paso no bo camiño.

Con estes pasos dados, é o momento de seguir avanzando e mellorar o sistema educativo galego e as condicións de traballo do seu persoal.

O que falta: completar a baixada de ratios e horario lectivo en todas as etapas e asegurar medios

O propio Acordo sobre medidas de mellora remite a unha negociación específica da carga lectiva coa baixada a 18 horas lectivas nas etapas restantes, polo que demandamos da Consellería de Educación a concreción desta medida o antes posible.

O anuncio estatal é unha boa oportunidade para acelerar estes traballos na comisión de seguimento do Acordo e non agardar a que chegue imposto desde Madrid polo Goberno de España.

É preciso seguir avanzando!

Desde CCOO Ensino alegrámonos por todas aquelas medidas que veñan a mellorar o sistema educativo e as condicións de traballo do seu persoal, pero non é suficiente para unha verdadeira “lexislatura do profesorado”. Entre as nosas demandas para un Estatuto Docente destacan, entre outras, a integración de todos os corpos docentes no subgrupo A1, a suba de nivel ou a mellora e homologación á alza das condicións retributivas e laborais do profesorado.

Estamos ante o punto de partida dun proceso no que se demostrou que a participación na Mesa Sectorial Docente pode dar os seus froitos e que a desidia, o escepticismo ou a vía mobilizadora sen negociación non son o camiño a seguir.

Este é só o inicio, seguiremos traballando, negociando e presionando para se concreten todas as nosas demandas.