CCOO traballa pola defensa do modelo público de universidade e polos dereitos do seu persoal

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades reactiva as mesas de negociación:

  • Do Estatuto do PDI.
  • Da Comisión de traballo para establecer o incremento do gasto público para acadar o obxectivo do 1% do PIB destinado ao financiamento público das universidades públicas.

Tal e como informamos, o pasado mes de xullo CCOO dirixiuse por escrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) solicitando unha reunión para definir un marco de traballo conxunto e permanente co Ministerio. Para tal fin, propuxéronse, sen excluír outras posibles materias, varias cuestións que para CCOO resultan imprescindibles:

  • Retomar a negociación do Estatuto do Persoal Docente e Investigador, que se iniciou hai máis de quince anos e que, a día de hoxe, está paralizada. A última reunión da mesa de negociación produciuse o 24 de xullo de 2024 e, tras un ano de paralización deste proceso, consideramos imprescindible abordar de maneira decidida e urxente a concreción do proxecto de lei que defina de maneira axustada o marco dos dereitos e condicións de traballo deste colectivo. Ante esta demanda, o pasado 28 de xullo as organizacións sindicais presentes nesta mesa de negociación recibimos unha comunicación da Secretaría Xeral de Universidades propoñendo a convocatoria da mesa para o vindeiro 23 de setembro. Neste momento estamos pendentes de recibir a convocatoria formal desta reunión.
  • Concretar un acordo para o financiamento das universidades públicas. O artigo 55.2 da LOSU establece a obriga de destinar como mínimo o 1 % do Produto Interior Bruto ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado, permitindo así a equiparación progresiva ao investimento medio dos Estados membros da Unión Europea. O 20 de novembro de 2024 constituíuse a comisión de traballo con este fin, pero, desgrazadamente, tras unha convocatoria ese mesmo ano, non volveu reunirse. No actual contexto de infrafinanciamento crónico e deterioración progresiva do conxunto do sistema universitario público, a concreción do mandato contido na Lei resulta perentoria, polo que consideramos de vital importancia que esta mesa retome o seu traballo e estableza os termos dese financiamento. Tras a solicitude de reunión, o pasado 1 de agosto recibimos unha comunicación da Secretaría Xeral de Universidades informando da previsión de celebración, o 29 de setembro de 2025, da terceira reunión da Comisión de traballo para establecer o incremento do gasto público para acadar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento público das universidades públicas.

Xunto a esta demanda de reunión das mesas de negociación e traballo, tamén trasladamos ao MICIU a necesidade de abordar:

  • A modificación do Real Decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario que, pasados os anos, quedou totalmente obsoleto e acumula diversas sentenzas xudiciais que declararon a ilegalidade dalgúns dos seus apartados.
  • A concreción do texto do Proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real Decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios. Nas alegacións de CCOO a este proxecto normativo, sinalamos a necesidade de incrementar a esixencia dos requisitos inicialmente contemplados. Nun contexto xeral de crecemento irracional e inxustificado de iniciativas de autorización e recoñecemento de universidades e centros privados universitarios, que antepoñen de forma evidente o interese económico á prestación do servizo público de educación superior, resulta imprescindible definir claramente que é unha universidade. Descoñecemos o estado actual do proxecto, que se atopa na súa fase final de redacción. Tememos que poida sufrir unha rebaixa dos requisitos contemplados no texto que en abril se nos trasladou, o que resultaría inaceptable.

En todo caso, nos próximos días manteremos co MICIU a reunión solicitada e esperamos poder avanzar naquelas cuestións que afectan de maneira directa ao futuro inmediato das universidades públicas e da súa comunidade universitaria, así como aos dereitos do persoal ao seu servizo.

A universidade pública de calidade é un ben de toda a sociedade e constitúe unha das principais formas de contribución ao progreso social. A universidade pública é un dereito e non un privilexio, e non podemos deixar que a destrúan quen queren converter o dereito de todas e todos no negocio dunha minoría.