Nunha carta dirixida ao titular do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, CCOO, UGT e CSIF, que representan a máis do 80 % do persoal público, advirten que, se non se retoma a negociación decontado, tomarán as medidas que coiden oportunas.
A Área Pública de CCOO, UGT Servizos Públicos e CSIF reúnense e acordan transmitirlle ao ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, a súa indignación pola parálise, así como pola grave e inédita situación en que nos encontramos por mor da falta absoluta de diálogo entre o ministerio e os sindicatos.
Nunha carta dirixida a López, o coordinador da Área Pública de CCOO, Lucho Palazzo, a secretaria xeral de UGT Servizos Públicos, Isabel Araque, e o presidente de CSIF, Miguel Borra, lémbranlle ao ministro que as tres organizacións representan o 80 % dos máis de tres millóns e medio de empregadas e empregados públicos.
Este feito «debería sobrar para ter un diálogo constante e unha mesa permanente onde poder debater e levar a cabo unha negociación que permita solucionar os problemas que vaian xurdindo na función pública», afirman, e sinalan que urxe, tamén, «recuperar os estándares de calidade dos servizos públicos que demanda a cidadanía».
Os problemas das traballadoras e traballadores do ámbito do público non deixan de agravarse pola inacción do ministerio para resolver asuntos moi preocupantes, tanto en materia de emprego como de conxelación salarial, recalcan CCOO, UGT e CSIF. Por iso é imprescindible, subliñan, retomar canto antes o diálogo permanente que permita recuperar a confianza, «baixo o principio de boa fe que vimos mantendo con anterioridade» no ámbito público. «Non ten faladoiro que, de non obtermos resposta, tomaremos as medidas que consideremos oportunas”, conclúen.
É a hora! #CumpreOPactado

