CCOO Ensino estivemos presentes no Encontro de Educadoras e Educadores, celebrado no Palacio de Congresos de Santiago, para trasladarlle directamente ao conselleiro de Educación as reivindicacións das traballadoras e traballadores do ensino concertado.

No acto participamos todas as organizacións sindicais con representatividade no ensino concertado en Galicia, nunha acción conxunta para facer visibles as demandas do sector.
Durante o encontro, entregámoslle ao conselleiro un escrito coas principais reivindicacións e repartimos información entre as persoas asistentes para dar a coñecer a situación que vive o persoal do ensino concertado en Galicia.
No acto tamén estaba presente o director xeral de Centros e Recursos Humanos, a quen trasladamos igualmente a necesidade de abrir vías reais de negociación e de avanzar en medidas concretas que melloren as condicións laborais do persoal.
A resposta recibida por parte da Consellería foi que “as cousas haberá que facelas con prazos”. Desde CCOO Ensino consideramos que os prazos teñen que ser concretos, negociados e acompañados de compromisos reais. O persoal do ensino concertado leva tempo agardando respostas e non pode seguir acumulando adiamentos.
As traballadoras e traballadores do ensino concertado precisan melloras laborais, recoñecemento profesional e avances efectivos en dereitos. Por iso, seguiremos levando estas demandas a todos os espazos posibles, dentro e fóra das mesas de negociación.
Se a Consellería continúa ignorando as reivindicacións do persoal do ensino concertado, seguiremos impulsando a mobilización e a presión sindical necesarias para conseguir respostas. Os dereitos non poden quedar pendentes indefinidamente dun calendario sen compromisos.
Seguiremos esixindo respostas, calendario de negociación e compromisos reais para o persoal do ensino concertado.

