Presente e futuro: claves para a túa carreira docente

En CCOO Ensino abrimos a preinscrición no curso “Presente e futuro: claves para a túa carreira docente”, unha actividade formativa dirixida ao profesorado que quere coñecer mellor o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais que afectan á súa carreira profesional.

Queremos ofrecer unha visión clara e práctica de cuestións fundamentais para o exercicio da docencia: o posto de traballo, a mobilidade, os dereitos laborais, a saúde laboral, MUFACE, compatibilidade, promoción interna, función directiva, xubilación, formación permanente e competencia dixital docente.

A actividade está homologada pola Consellería.

Información básica do curso

  • Título: Presente e futuro: claves para a túa carreira docente
  • Lugar de celebración: plataforma de teleformación de CCOO Ensino, Moodle
  • Duración: 40 horas
  • Datas: do 14 de setembro ao 1 de novembro de 2026
  • Prazas: 150
  • Persoas titoras: Nerea Iglesias Blanco, Fátima González González, Jorge Sanclaudio Piñón, Enrique Alonso Rodríguez e Patricia Pereira Fernández
  • Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 80 € para persoas non afiliadas
  • Prazo de matrícula: ata completar prazas

Proceso de preinscrición e matrícula

A inscrición inicial realízase a través dun formulario de preinscrición, que podes atopar ao final do artigo.

O envío do formulario non garante automaticamente unha praza no curso. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición ata completar a capacidade dispoñible.

Nos primeiros días de setembro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.

No caso das persoas non afiliadas, a matrícula quedará formalizada unha vez realizado o pagamento correspondente. Para as persoas afiliadas a CCOO, o curso será de balde.

As comunicacións enviaranse desde o enderezo formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendamos engadir este enderezo aos contactos ou crear un filtro no correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam ou correo non desexado.

Ligazóns

Obxectivos

Con este curso queremos ofrecer unha visión clara e práctica de aspectos fundamentais da función docente e das condicións laborais do profesorado.

  • Proporcionar unha base sólida de coñecementos prácticos e normativos sobre o exercicio da función docente no ensino público
  • Facilitar a comprensión e uso dos recursos institucionais e legais dispoñibles para o profesorado funcionario de carreira
  • Favorecer unha aprendizaxe contextualizada e aplicable mediante a resolución de casos prácticos e a análise de situacións reais

Contidos

O curso estrutúrase en cinco módulos:

Módulo 0. Preparándote para aprender: benvida ao curso

Presentación das persoas participantes, visión xeral da formación e cuestionario inicial para establecer o punto de partida.

Módulo 1. O posto de traballo

Xornada laboral, elección de grupos e cursos, catálogo de postos de traballo, sistema de cupos, acordo de agrupamentos e acordo de medidas de mellora.

Módulo 2. Traballar preto da casa

Mobilidade docente, concurso xeral de traslados, concurso de adxudicación de destinos provisionais, comisións de servizo, permutas, supresións e desprazamentos.

Módulo 3. Condicións laborais: retribucións, permisos e saúde laboral

Retribucións, permisos, licenzas, reducións de xornada, excedencias, incapacidade temporal, accidentes en acto de servizo, enfermidades profesionais e itinerancias.

Módulo 4. Outros aspectos esenciais

MUFACE, compatibilidade, promoción interna, función directiva, xubilación, formación permanente e competencia dixital docente.