Acordo sindical nos tres sectores de atención ás persoas en Galicia

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT, USO, CUT, FSIE e SNEP, reuníronse o 10 de novembro de 2025 en aras de acadar unha unidade de acción sindical para dar continuidade ás mobilizacións comezadas nos tres sectores de atención ás persoas: discapacidade, menores e infantil 0-3, e para defender as seguintes reivindicacións do persoal traballador ante a Administración galega e as patronais dos tres sectores:
Discapacidade
- Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
- Constitución dunha Mesa tripartita (Administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun complemento salarial autonómico.
- Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.
Menores
- Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
- O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
- A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade e coidado tanto para o persoal como para os menores.
Infantil 0-3
- Solicitude á Consellería da integración das escolas infantís na Consellería de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de xestión indirecta.
- Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
- A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.
As organizacións sindicais acordamos que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o marco galego de relacións laborais nestes sectores a través do Consello galego de relacións laborais (CGRL), no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.
No inmediato, apostamos por reforzar no Consello galego de relacións laborais a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos nos tres sectores.
Por todo o exposto, acordamos solicitar xuntanzas coas patronais existentes nestes sectores e coa responsábel de Política Social, Fabiola García, dándolles unha marxe de dez días para responder ás nosas solicitudes e de non ser así, retomar as mobilizacións nunha nova xuntanza das organizacións sindicais.
