MAIS DE 730 PERSOAS DO PAS LABORAL E FUNCIONARIO DA USC RECIBIRÁN 400 EUROS NO SEU PLAN DE PENSIÓNS ESTE MES DE DECEMBRO

A xerencia da USC confirmou esta semana que no mes de decembro realizará as achegas ao Plan de pensións do PTXAS laboral e funcionario. Segundo se indica no informe remitido pola xerencia, as aportacións correspondentes a ese ano 2025 acadarán un importe de 400,76 € para cada un dos partícipes, que se ingresarán o próximo mes de decembro.

A achega destas cantidades prodúcese en aplicación do Acordo acadado o pasado mes de maio por CC.OO, sobre as axudas de matrícula e as demais medidas de acción social para ao persoal da USC, que permitiu atender tanto a gratuidade nas matrículas como asegurar as achegas ao Plan de pensións e manter o seguro de vida.

Por este motivo, este ano 2025 non será necesario acudir ao xulgado na procura de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigue a USC a facer efectivas as achegas do plan de pensións. 

Hai que recordar que nos últimos catro anos, as demandas promovidas por CC.OO xa supuxeron outro total individual de 1.505,48 € para cada un dos partícipes, ao que se sumarán agora estas novas aportacións de 400,76 € que se ingresarán en decembro no plan de pensións.

O custe total para a USC destas novas aportacións supón case 300.000 € no ámbito do PTXAS (144.875 € para laborais e 148.281,20 € para funcionarios). Os beneficiarios son un total de 731 persoas, das cales 370 son funcionarios/as e 361 laborais.

Amósase así, unha vez máis, a capacidade da acción sindical que vimos desenvolvendo dende CC.OO para mellorar e defender as condicións de traballo dos distintos colectivos do persoal da USC.