Na mañá do 24 de novembro produciuse a última reunión de Mesa Negociadora.
Despois dun ano e nove meses de intensas negociacións, conseguiuse pechar un texto de acordo para o asinamento do IV Convenio Colectivo Marco Estatal de Ocio Educativo e Animación Sociocultural.
CCOO liderou todas as propostas presentadas desde o banco sindical, conseguindo un texto articulado coas seguintes melloras para este novo convenio colectivo:
Vixencia
- Publicación no BOE ata o 31 de decembro de 2027.
Táboas salariais
- Desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de decembro de 2027.
- Para 2024 e 2025, actualización do SMI para todos aqueles postos de traballo que se encontran por debaixo deste.
- Para as persoas traballadoras que presten servizos en todos aqueles recursos, programas ou servizos de contratación pública cuxo inicio do expediente de contratación comezase con posterioridade á publicación do convenio, terán un incremento global por volta do 14%-18 % repartidos entre os anos de vixencia do convenio (monitor/a de ocio e tempo libre e animador sociocultural + 18 %)
- Desde a data de publicación do novo convenio, mentres os recursos, programas ou servizos de contratación pública estean en execución ou non estean suxeitos a contratación pública, a suba será dun 1,5 % anual.
- A partir do 1 de outubro de 2027, prodúcese a converxencia das diferentes táboas de aplicación nunha táboa única que recolle os salarios para todas as persoas traballadoras.
- Para o novo Grupo IV: persoal de atención directa en servizos de casas de colonias e campamentos que supoñan pernoctación das persoas usuarias do servizo, a progresión salarial é diferente debido á mellora no novo complemento de xornada especial que, en diante, será de 18 euros diarios ou ben terán unha compensación equivalente en días de descanso retribuído con alta no contrato de traballo.
Clasificación profesional
- Novos postos de traballo enmarcados no Grupo II:
- Titulado, -a de Grao / Técnico, -a de atención especializada en xacementos arqueolóxicos e centros de interpretación patrimonial e museístico asociados aos primeiros.
- Titulado, -a de grao en biblioteca / Técnico, -a en xestión / Técnico, -a de atención especializada dinamizador, -a de biblioteca.
- Técnico, -a especialista auxiliar de biblioteca.
- Novo grupo na clasificación profesional e novo anexo para recoller os postos de traballo das persoas traballadoras que exercen a súa actividade nos campamentos e casas de colonias, ao tempo que se regulan as funcións e condicións singulares desta actividade, tanto no referido ás xornadas especiais como ao procedemento de compensación polo exceso de xornada realizada. Este novo grupo profesional queda enmarcado no Grupo IV: persoal de atención directa en servizos de casas de colonias e campamentos que impliquen pernoctación das persoas usuarias. Así mesmo, redúcese á metade a xornada máxima regulada no anterior convenio para estas actividades, limitándoa a un máximo de 12 horas diarias.
- Novo anexo que recolle a regulación do rexistro de xornada.
Contratación
- Adaptación da contratación á lexislación vixente.
- Contrato fixo descontinuo: regúlase todo o proceso de chamamentos, tanto os medios formais de realización como os mecanismos de procedemento e a orde en que deben realizarse; débese comunicar á representación legal das persoas traballadoras as previsións dos chamamentos, así como das altas que se produciren. Así mesmo, o contrato non poderá suspenderse durante os períodos de vacacións das persoas traballadoras, nin nos períodos escolares de Semana Santa e Nadal, cando a actividade se desenvolva en centros escolares.
- Contrato en alternancia: a retribución non poderá ser inferior ao oitenta por cento o primeiro ano nin ao noventa por cento o segundo, respecto da fixada en convenio para o grupo profesional e nivel retributivo correspondente ás funcións desempeñadas, en proporción ao tempo de traballo efectivo. En ningún caso a retribución poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional en proporción ao tempo de traballo efectivo.
Xornada irregular
- A xornada irregular non será de aplicación no ámbito dos comedores escolares.
- A xornada irregular verase limitada nos casos de persoas traballadoras contratadas a tempo parcial que asemade estean contratados noutras empresas ou entidades cando hai incompatibilidade horaria.
- Fixarase, de común acordo, unha data anual para a devolución das horas, cun tempo máximo de tres meses para a súa devolución.
Descanso semanal
- Eliminación da palabra “preferentemente” na regulación do descanso semanal. Determínase que este descanso semanal será de 36 horas ininterrompidas.
Vacacións
- Cando a persoa traballadora preste servizos en diferentes actividades e/ou centros de traballo diferentes, dentro da mesma empresa, os períodos de vacacións terán que ser coincidentes nos distintos calendarios laborais que lles poidan afectar.
Permisos
- Adaptación á lexislación vixente, incorporando as novas melloras sociais.
- Nova incorporación dunha bolsa de 15 horas retribuídas anuais, proporcionais á xornada de traballo, para asistir a consultas médicas de especialista, tanto da propia persoa traballadora como de fillos/as menores de 14 anos, fillos/as con discapacidade, pais e familiares a cargo en situación de dependencia. Estas horas tamén se poderán utilizar para asistencia a reunións de seguimento académico para fillos/as menores de 16 anos. Así mesmo, poderán utilizalas para consultas de atención primaria quenes non dispoñan de persoal sanitario fóra do seu horario laboral. Esta bolsa de horas será proporcional á xornada contratada.
- Logo de esgotar esta bolsa de horas, a persoa traballadora poderá gozar de permisos non retribuídos para estes mesmos supostos
- Adaptación á lexislación vixente en materia de suspensión de contrato por nacemento de fillo/a, incorporando as novas melloras sociais.
En materia de protección contra a discriminación das persoas LGTBIQ+
- Introdución de medidas contra a discriminación nos centros de traballo, de conformidade co disposto no Real decreto 1026/2024, polo que se desenvolve o conxunto planificado das medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI na empresa.
- Incorporación dun novo anexo: Protocolo contra a discriminación e o acoso por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero, características sexuais e diversidade familiar. Ese anexo foi aprobado de maneira completa, en toda a extensión da proposta presentada por CCOO.
Finalmente, a reunión concluíu emprazándose as organizacións que van subscribir o acordo para o vindeiro 28 de novembro na sede de CCOO para, tras realizaren as consultas oportunas e a revisión final do texto, procederen ao asinamento.
