As partes emprazáronse o vindeiro mércores ás 18:00 horas para continuaren coa negociación
A Área Pública de CCOO reuniuse este luns durante máis de tres horas con representantes do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública en Madrid e quere poñer en valor a disposición do Goberno a seguir negociando as condicións dun novo acordo plurianual para as empregadas e empregados públicos, pero rexeita as condicións actuais que presenta o Executivo.
A nova proposta está nas mesmas marxes que se puxeron encol da mesa na reunión do pasado xoves, 20 de novembro, pero garantindo un RDL neste mesmo mes para aboar en decembro unha suba salarial do 2,5 % do 2025 con carácter retroactivo.
Ademais, estase en disposición de que toda a suba salarial vaia a fixo, sen parte variable, o que suporía que o incremento proposto do 11 % poida chegar finalmente ao 11,45 % nos catro anos co arrastre.
O principal escollo atópase na porcentaxe de suba salarial que o Executivo ofrece para 2025 (con efectos retroactivos desde xaneiro) e para 2026, que sería dun 4 %, algo que coidamos insuficiente.
Non obstante, CCOO continuará na negociación por responsabilidade e porque confía en que hai marxe para alcanzar un punto de encontro, aínda que non se desbota ningún escenario se persiste o inmobilismo por parte do Goberno, como retomar as mobilizacións e convocar unha folga en todo o ámbito público.
Para poder chegar a un acordo, ademais, é imprescindible que o Goberno se comprometa ao cumprimento dos capítulos pendentes de execución do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, como desbloquear e recuperar a xubilación parcial de persoal laboral, funcionario e estatutario, a plena implantación da xornada de 35 horas e a clasificación profesional de persoal técnico superior e de grao medio, entre outros asuntos.
