25N – Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Desde Comisións Obreiras denunciamos a persistencia das violencias contra as mulleres, que son a manifestación máis extrema e cruel da desigualdade entre mulleres e homes, unha creba intolerable nas nosas sociedades democráticas. E volvemos proclamar, como fixemos no último Congreso confederal: contra as violencias, todo.

Toda a nosa esixencia aos poderes públicos para lograr medidas eficaces na prevención, a educación, a asistencia e a reparación ás mulleres.

Todo o noso traballo sindical nas empresas para previr, combater e erradicar calquera manifestación destas violencias de xénero nos centros de traballo, pero tamén para detectar, acompañar e asesorar as mulleres que padecen estas violencias fóra das empresas.

Porque Xa Nos toca. #NingunhaMullerSoa

Tócanos porque son as nosas compañeiras de traballo.

Porque sabemos que as violencias de xénero atravesan a vida laboral das traballadoras, afectan á súa seguridade, á súa saúde e aos seus dereitos e, en consecuencia, tamén ao traballo sindical.

Tócanos polas mulleres maiores, a miúdo invisibilizadas, pero que en ocasións se teñen visto obrigadas a soportar durante anos situacións terribles, sen atopar os recursos necesarios para romper o círculo da violencia.

Tócanos polas mulleres novas, para que estas violencias non acernen os seus proxectos de vida.

Tócanos polas mulleres con discapacidade, polas migrantes, por todas as que viven situacións de vulnerabilidade e aínda o teñen máis difícil.

Tócanos porque asumimos a nosa responsabilidade como organización feminista.

#NingunhaMullerSoa

Porque somos máis dun millón de persoas afiliadas e xuntas podemos contribuír á erradicación de todas estas violencias.

Porque temos o poder da organización colectiva e a eficacia de ferramentas concretas, como a Guía sindical de recursos y derechos contra la violencia de género y las violencias sexuales que editamos este ano, con información actualizada sobre esta materia, ou o noso Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo, cuxa páxina web recibiu no último ano preto de 7000 visitas.

Os datos seguen reflectindo a magnitude das violencias e o seu carácter estrutural:

  • Ata o 5 de novembro, 36 mulleres foron asasinadas pola súa parella ou exparella e 17 menores quedaron orfas e orfos. As cifras totais son arrepiantes: 1331 mulleres asasinadas desde 2003 e 485 menores orfos desde 2013.
  • Outras 15 mulleres foron asasinadas en 2025 no marco doutros tipos de feminicidios que xa se recoñecen nas estatísticas (feminicidio familiar, feminicidio sexual, feminicidio social, feminicidio vicario).
  • En 2025, tres menores foron asasinados como consecuencia da violencia vicaria, 65 de desde 2013.

Outros indicadores estatísticos son igualmente preocupantes, como os referentes ás violencias sexuais: en España denunciáronse 14 violacións ao día, é dicir, unha cada hora e 40 minutos; e 43 agresións sexuais ao día (sen penetración), dúas cada hora, segundo o Balance de Criminalidade de Interior. Isto malia que, segundo a Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019, en España só se denuncia o 11 % da violencia sexual.

Só en 2024, 1794 vítimas de redes de trata e de explotación sexual ou laboral foron liberadas, o 98 % mulleres. Mentres que o ciberacoso sexual non cesa de crecer e afecta de xeito especial as e os menores, en oito de cada dez casos.

Canto aos casos de acoso sexual, sabemos que seguen estando ocultos e ocultados, especialmente no ámbito do traballo, e que non se reflicten nas estatísticas en toda a súa extensión.

En 2024 supuxeron o 3,5 % de todos os casos de delitos contra a liberdade sexual, con 763 casos. Non obstante, a última Enquisa Europea de Violencia de Xénero 2022 estima que do total de mulleres residentes en España que teñen entre 16 e 74 anos e que traballaron algunha vez na súa vida, o 28,4 % (4,5 millóns) sufriron acoso sexual no traballo nalgún momento da súa vida.

Malia os avances normativos dos últimos anos e a aprobación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que foi actualizado en 2025, que celebramos e en cuxa elaboración participamos, a realidade das violencias de xénero segue sendo abafante.

Ante isto, os discursos negacionistas da ultradereita socavan os esforzos en educación para a igualdade, poñen en perigo as políticas públicas contras as violencias e supoñen un risco de retroceso moi perigoso para a vida e a liberdade das mulleres.

CCOO facémonos cargo, facer fronte a estes discursos tamén Nos Toca.

Este #25N2025, as mulleres e homes de CCOO manifestamos que imos seguir actuando, con máis contundencia e determinación se cabe, na loita contra todas as formas de violencia, mercantilización, explotación sexual e reprodutiva, contra as súas causas e as súas manifestacións, pola erradicación do sistema prostitucional, reclamamos TOLERANCIA CERO ante todas as violencias de xénero e imos esixir a implicación de todos os ámbitos institucionais, empresariais e sociais para establecer os recursos e procedementos esenciais para detectar calquera situación de violencia e acompañar as vítimas.

CCOO sumámonos aos actos e manifestacións convocados neste día polo movemento feminista en cada un dos territorios e seguiremos loitando no día a día nas empresas desde a sensibilización, a formación e a acción sindical.

Manifesto 25N