O poder adquisitivo docente: unha análise dos acordos de CCOO Ensino

CCOO Ensino asinou nos últimos anos unha serie de acordos salariais que, mediante unha estratexia de negociación en mesas en distintos niveis, permitiron que o persoal docente obtivera unha ganancia real de poder adquisitivo desde 2018. Desde ese ano, CCOO Ensino impulsou e asinou os seguintes avances:

  • Acordo estatal 2018-2020: suba do 6,4 %
  • Acordo galego de homologación 2018-2021: 90 € máis ao mes para todo o profesorado
  • Acordo estatal 2022-2024: suba do 9,8 %
  • Acordo de medidas de mellora 2023: suba do 21 % en complementos de sexenio e titoría
  • Acordo estatal 2025-2028: suba do 11,4 %

Na gráfica seguinte vense as subas porcentuais para cada corpo, segundo o número de sexenios para o período de 2018-2025. Ao comparar estes incrementos co IPC acumulado en Galicia e no Estado, obsérvase que o balance para o profesorado sitúase nunha ganancia de entre o 0,8 % e o 4,1 % en termos de poder adquisitivo. Estas cifras só recollen as retribucións recibidas por todo o profesorado, polo que non inclúen os efectos dos acordos sobre outros complementos específicos (como os destinados a equipos directivos).

Subas salariais dos acordos asinados por CCOO para o período 2018-2025.

O marco estatal e o galego

Un erro frecuente á hora de analizar as retribucións é ter en conta unicamente os pactos de ámbito estatal, ignorando que os ingresos do profesorado galego veñen determinados pola suma de dous niveis de negociación. Mentres algunhas análises doutras organizacións sindicais omiten os avances autonómicos, a seguinte gráfica demostra que, ao incorporar as melloras logradas en Galicia para o persoal docente, as subas superaron o IPC ano a ano, exceptuando o período inflacionista de 2021 e 2022.

Variacións retributivas vs IPC no período 2017-2025

2017-2021: recuperación de dereitos e homologación

En 2016, CCOO Ensino asinou o primeiro acordo despois dos recortes, o que supuxo a recuperación nas pagas extra dos complementos específicos, titorías e sexenios que foran suprimidos en 2013 polo goberno de Feijóo. Desta forma conseguimos reverter parte dos recortes de 2010, logrando que a parte autonómica das pagas extraordinarias pasara a percibirse ao 100%. Esta mellora non está computada no primeiro gráfico desta análise; de facelo, a diferenza positiva co IPC aumentaría entre un 4 % e un 5,5 %, sendo maior para o persoal con retribucións máis baixas.

Os seguintes anos, en 2017 e 2018, rubricáronse outros dous acordos:

  • ámbito estatal: un aumento total do 6,4 % en tres anos para toda a función pública.
  • ámbito galego: a actualización do Acordo de homologación retributiva, co obxectivo de manter as retribucións de Galicia no sexto lugar estatal. Na práctica, supuxo un incremento gradual ata acadar os 90 € extra mensuais en 2021.

Este último acordo é o que explica a dispersión das subas de 2018 a 2021: ao ser unha contía fixa, o impacto porcentual foi maior para o persoal cos salarios máis baixos. En 2021, malia escasa suba estatal, desta vez non negociada, e o episodio de inflación derivado da crise da COVID, o período pechouse cunha ganancia neta de poder adquisitivo.

2022-2025: o impulso do Acordo de medidas de mellora

En 2021 acadouse un novo pacto estatal (2022-2024) cun aumento do 9,8%. Paralelamente, en Galicia logramos o Acordo de medidas de mellora, que incluíu un incremento anual do 10% nos complementos de titoría e sexenios para 2024 e 2025, amais de subas graduais para cargos directivos e unipersoais.

O pacto máis recente, asinado en 2025, garante subas de ata o 11,4 % para toda a función pública de España ata 2028. No caso de 2025, o aumento foi do 2,5 % e xa se pagou de forma retroactiva en xaneiro de 2026.

En termos de poder adquisitivo, a partir de 2023 as ganancias foron de novo constantes. Aínda que en 2024 e 2025 o IPC estatal se situou no 2,8 % e o 2,9 %, superior ás subas do 2,5 % pactadas co Estado, ao sumar os beneficios do Acordo de medidas de mellora, as subas totais para o profesorado galego oscilaron entre o 2,6 % e o 4,3 % anual, dependendo do corpo e o número de sexenios. A suba media estivo arredor do 3,5 %, na orde de subas de convenios no sector privado asinados no conxunto do Estado, que foi do 3,54 %, e superior á das pensións de xubilación contributivas. Polo tanto, a gran maioría do persoal docente, especialmente quen recibe sexenios, gañou capacidade de compra desde 2023.

O valor da negociación e os acordos

Cuestionar o asinamento de acordos é lexítimo pero cómpre observar o que ocorre cando non existen marcos de entendemento entre as Administracións e os sindicatos.

Variacións retributivas vs IPC no período 2009-2025

Na gráfica anterior destácase en vermello unha etapa de total ausencia de acordos entre as organizacións sindicais e as Administracións, á que podemos sumar a falta de acordo estatal en 2021. Foi un episodio de recortes e estancamento retributivo que, sumado á inflación, provocou unha grave perda de poder adquisitivo que CCOO denunciamos desde o primeiro momento. Pola contra, os períodos de mellora que seguiron a partir de 2017 coinciden coa recuperación da vía negociadora na que CCOO Ensino participou activamente.

Mentres outras OOSS decidiron manterse á marxe destes procesos, instaladas na confrontación sen avances, os froitos deste traballo negociador xa fan parte da nómina de cada unha das traballadoras e traballadores do ensino público.

Á vista desta información, cabe reflexionar sobre que modelo de sindicalismo resulta máis útil para o profesorado.