Hai doce anos, a Consellería incrementou o horario lectivo do profesorado do corpo de mestras e mestres de 21 a 25 horas e o dos corpos de secundaria de 18 a 20 horas. Tamén hai trece anos, a Consellería deixou sen aplicación o Acordo de agrupamentos de xullo de 2009, que establecía ratios entre 10 e 14 alumnas e alumnos nas aulas que escolarizaban alumnado de diferentes niveis, ciclos ou etapas. Por certo, este acordo foi asinado por todas as organizacións sindicais agás a CIG, que ademais dedicouse a criticalo con vehemencia.
Nestes trece anos negociamos unicamente acordos retributivos; en Galicia, o acordo de homologación de 2018 que supuxo un incremento de 90 euros mensuais (adiviñades quen non o asinou?) e dous acordos co Goberno do Estado que supuxeron que, dende 2018 ata hoxe, non perderamos poder adquisitivo e que tampouco asinou esa organización sindical que nos critica.
Pero imos explicar a negociación do acordo que nos ocupa e que vén precedida pola presión sindical e o anuncio de mobilizacións por parte de todos os sindicatos no inicio do curso, se non se abría un proceso de negociación.
Luns 2 de outubro: a Consellería presenta en Mesa Sectorial unha proposta absolutamente insuficiente. Había dúas formas de enfrontase a ela: cunha contraproposta, que foi o que fixemos tres organizacións sindicais, ou definir a proposta como un insulto e negarse a negociar, que foi o que fixo CIG. As tres organizacións sindicais que decidimos negociar advertímoslle á Administración que, se non incluían o tema da redución do horario lectivo do profesorado, non se chegaría a acordo.
Mércores 4 de outubro: a Consellería presenta outro documento con avances importantes, pero igualmente insuficientes. Repítese o escenario do día anterior: tres organizacións facemos contraproposta e unha négase a negociar, dicindo que enviará unha contraproposta que nunca chegou a presentar na Mesa.
Venres 6 de outubro: nova proposta da Consellería considerada insuficiente polas tres organizacións que estabamos a negociar na Mesa Sectorial pero que, durante a negociación, foi acercándose ás propostas sindicais. A Consellería comprométese a enviar o texto final o luns, 9 de outubro.
O profesorado pode contrastar o texto final e o primeiro para coñecer os avances que se lograron na negociación.
Esperamos trece anos para negociar cuestións non exclusivamente retributivas, que incluían a redución de ratios, pois consideramos que é o tema que máis preocupa ao profesorado. CCOO non ía desperdiciar esta oportunidade de negociación escudándose en motivos políticos para non chegar a acordos porque conveña “ao calendario electoral que lle interesa ao PP”. CCOO ten como prioridade defender os intereses do profesorado e do sistema educativo público por encima dos intereses partidistas do PP e doutras organizacións sindicais e políticas. A CCOO ningún partido político lle di cando pode ou non pode negociar.
Unha vez explicado o proceso de negociación, imos explicar o que supón o acordo; pero insistimos en que o profesorado, ademais de ler a interpretación que fagamos cada organización, debe ler o propio texto do acordo. É a única forma de poder discutir de forma racional se é certo o que dicimos uns ou o que din outros.
Debe quedar claro que CCOO Ensino se enfrontou a unha negociación coa Consellería de Educación cun dobre obxectivo:
-
mellorar as ratios nas aulas de Galicia de forma xeralizada, e
-
incorporar na negociación a recuperación do horario lectivo 18/21 horas nos corpos de secundaria e mestres, respectivamente.
O resto das cuestións, que tamén consideramos de suma importancia, non eran os elementos centrais neste proceso.
1 – ‘Ratios’
A Consellería presentou unha proposta en que as ratios de Educación Infantil e Educación Primaria baixaban en dous pasos: o primeiro ano a 23 e o segundo a 20, comezando por baixar a ratio en EI de 3 anos no curso 2024/25 a 23 e sucesivamente no curso seguinte a 20, e incorporando cada ano o curso seguinte. Para abordar as supresións durante todo o período de aplicación, teríanse en conta as ratios finais de 20 alumnos.
Logramos incorporar no proceso de negociación unha serie de medidas que permiten ir avanzando na redución de ratios dende o vindeiro curso:
-
Que a redución en EI se iniciase cunha ratio de 20.
-
Que as ratios de ESO e Bacharelato queden fixadas en 25 e 30, respectivamente, e que o calendario de implantación non fose cando remate a aplicación en sexto de primaria, senón que se negocie cando estea implantada en EI. O noso obxectivo é que se inicie a redución de ratios de forma simultánea na primaria e na secundaria. Iniciar o mesmo ano no ensino obrigatorio.
-
Blindamos as ratios nas aulas que no curso 2024/25 teñan entre 20 e 25 alumnos sen que poida incrementarse.
-
Que dende o curso 2024/25 non se realizarán supresións de unidades en Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, se coa ratio final de cada etapa non correspondese. Quere isto dicir que se nese momento, dúas aulas da ESO suman 26 ou 27 alumnos, computará como dúas unidades aínda que coa actual ratio de 30 puidese levarse a cabo unha supresión e concentrarse todo o alumnado nunha soa unidade.
-
Que dende o curso 2024/25, o alumnado con discapacidade recoñecida igual ou superior a 65 %, ou cun grao de dependencia II ou III compute como tres.
-
Que desde o curso 2024/25, o alumnado con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %, cun grao de dependencia I ou con trastorno grave de conduta compute como dous.
-
Que desde o curso 2024/25, o alumnado repetidor compute para todos os efectos no cálculo da ratio.
-
Que nas aulas en que se escolarice alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas, a ratio dende o curso 2024/25 sexa a establecida no Acordo de agrupamentos asinado en xullo de 2009: entre 10 e 14, segundo a tipoloxía.
Todas estas incorporacións permiten que dende o vindeiro curso xa poidamos iniciar a redución de ratios en toda Galicia, nuns casos para todos os efectos e noutros mediante estas medidas adicionais.
Temos que escoitar e ler que “a aplicación das ratios está pensada para acompasarse coa caída da matrícula”. O argumento cae polo seu propio peso. O profesorado sabe moi ben que o descenso demográfico lévase producindo dende hai anos e chega ao sistema educativo menos alumnado. A Consellería, sen acordo sindical, mantivo o número de alumnado e non aproveitou para baixar as ratios, suprimindo unidades (250 nos tres últimos cursos) e destruíndo máis de 350 postos docentes estruturais só en Infantil e Primaria no mesmo tempo.
2 – Redución do horario lectivo
Este foi o elemento máis problemático de toda a negociación. Durante todo o proceso advertimos á Administración que non sería posible ningún acordo sen abordar a redución do horario lectivo do profesorado galego e a recuperación das 18/21 horas.
Finalmente, a Administración presentou unha proposta de redución a 24 horas lectivas no corpo de mestres sen facer referencia aos outros corpos. Non nos servía a ninguén. Todos sabiamos que non se ían recuperar de forma inmediata na súa totalidade, porque tampouco o están a facer así no resto das comunidades autónomas.
Para desatascar a negociación, propuxemos a recuperación da metade das horas lectivas no corpo de mestres (de 25 a 23), situándonos así a dúas horas do obxectivo final de redución en todos os corpos. Convén recordar que no corpo de mestres incrementaran catro horas e no resto dos corpos, dúas.
Conséguese o compromiso da Administración de negociar esa volta ás 18 e 21 horas lectivas, en todas as etapas educativas, cando se acometa a redución de xornada laboral semanal de 37,5 horas a 35 horas para todo o persoal da Xunta de Galicia. Convén lembrar que a eliminación dos límites orzamentarios que impedían esta baixada xa está recollida no “Acordo marco para unha Administración do século XXI” que asinaron CCOO e UGT, a finais de 2022, co Goberno de España.
Por tanto, está a mentir quen afirma que o acordo pecha toda posibilidade de recuperar as 21 horas lectivas no corpo de mestres. Insistimos en que hai que ler o acordo, que establece literalmente: “difírese a negociación dunha nova regulación do horario lectivo da xornada de traballo do persoal funcionario e persoal laboral docentes ao momento no que se aborde unha xornada de traballo de 35 horas semanais para todo o persoal da Xunta de Galicia”
3 – Retribucións:
-
Incremento dos sexenios
Da primeira proposta dun incremento do 15 % nos sexenios a tres anos, conseguimos un incremento final do 20 %, que se materializará en tres meses co primeiro 10 % e en 15 meses co 10 % restante. Este incremento final do 20 % sitúa os docentes galegos neste apartado no quinto lugar con respecto ao resto das comunidades autónomas do Estado. Os sexenios cóbraos todo o profesorado nun ou noutro momento da súa carreira profesional e tomando como base a súa formación permanente, polo que é innegable que afecta a todas e todos.
Propostas como a feita pola CIG sobre unha repartición lineal destas cantidades para todo o profesorado non só constitúen un acto deliberado de populismo, senón que ademais veñen complementados con datos falsos segundo os nosos cálculos. É máis ca esixible que fagan unha desagregación do número de docentes agrupados por número de sexenios que perciben e, desa forma, poder calcular a cantidade total desta partida orzamentaria para repartir entre os máis de 34 000 docentes públicos de Galicia. Desde logo, cos datos dos orzamentos de Galicia para o 2023, as cantidades nin se aproximan ao vendido pola CIG.
-
Incremento polo desempeño de órganos unipersoais de goberno
Para CCOO existe unha débeda cos cargos directivos. Se ben a cantidade recollida no acordo non satisface as nosas expectativas, non é menos certo que os 60 euros sitúan o profesorado galego que desenvolve cargos directivos na metade da táboa con respecto a outras comunidades do Estado.
É moi boa noticia que os responsables de centros de menos de 3 unidades se incorporen no acordo coa mesma cantidade ca o resto dos cargos directivos, pero para estas persoas a suba é de case un 80 %.
CCOO non renuncia a seguir avanzando en melloras salariais para este colectivo que asume unha gran responsabilidade a maiores da que xa teñen como docentes, e consideramos que habería que incrementar con máis cantidade aínda outros cargos distintos ás direccións pola gran diferenza que existe entre uns e outros.
-
Incremento do complemento de acción titorial e outras funcións docentes
As organizacións sindicais que en verdade negociamos na mesa sectorial esiximos un incremento para todo o profesorado na mesma proporción que a dos sexenios. Non iamos consentir que houbese un colectivo (profesorado con menos de seis anos de servizo) que non se vise reflectido neste acordo. Finalmente, conseguimos que, igual que os sexenios, esta función tamén fose incrementada nun 20 % no mesmo período temporal (15 meses).
O incrible é que a organización sindical que non asinou e criticou duramente o incremento pactado no 2018 de 90 euros para todo o profesorado, cinco anos máis tarde aceptaría cambiar o incremento pactado neste acordo por unha suba lineal por debaixo deses 90 euros. Se alguén non o cre, que tire de hemeroteca e vexa como definía a suba dos 90 euros.
4 – Medidas complementarias:
-
Racionalización da burocracia
Ante as constantes demandas por parte do colectivo docente pola sobrecarga burocrática, entre outras medidas complementarias, establécese a creación neste curso dun grupo de traballo para elaborar un plan de simplificación das tarefas burocráticas que se aplicará xa no curso 2024/25.
O asinamento deste acordo non supón en ningún caso a renuncia á recuperación do horario lectivo das 18 e 21 horas lectivas, nin a seguir avanzando noutras melloras de carácter retributivo e laboral.
De feito, xa está tramitada a solicitude ante Función Pública para iniciar a negociación da redución da xornada laboral a 35 horas semanais para todos as empregadas e empregados públicos. Esta redución ten que supoñer non só a redución do horario complementario, senón tamén a redución do horario lectivo de todo o profesorado galego.
Fronte a un sindicalismo que xoga a todo ou nada, existe outro tipo de sindicalismo que responsablemente aposta por avanzar en dereitos. Para mostra, un botón: trece anos sen ningún acordo que incorporase melloras laborais que non fosen exclusivamente retributivas. Se xogásemos a todo ou nada, estariamos outros trece anos laiándonos.
Desde CCOO poñémonos xa á vosa disposición para aclararvos calquera dúbida que teñades nas asembleas informativas que iniciamos de inmediato en todos os centros educativos.