O sindicato advirte que se non se dá unha solución urxente á xubilación parcial, iniciarán un proceso de mobilización.
A Área Pública de CCOO reuniuse o 25 de febreiro cos grupos parlamentarios de PSOE, PP, ERC e Junts —o 11 de febreiro reuniuse con SUMAR— para solicitar apoios e poder dar solución á xubilación parcial do persoal laboral, funcionario e estatutario, a clasificación profesional de técnicos medios e superiores, así como á Lei de función pública do Estado.
En relación coa xubilación parcial, todos os grupos parlamentarios apoiaron a proposta de CCOO para recoller nun real decreto lei a singularidade do sector público, incluído Junts, se ben este grupo condiciónao a que o Goberno inclúa algún dos compromisos que ten adquiridos con eles.
Para o sindicato, esta postura común «non só axudará a recuperar a xubilación parcial do persoal laboral, actualmente paralizada, senón a implantar a xubilación parcial do persoal funcionario e estatutario».
Respecto á clasificación profesional, todos coinciden na necesidade de dar por culminada a adaptación ao marco de cualificación profesional, situando o problema no financiamento, algo que implica a todas as Administracións públicas, especialmente as comunidades autónomas.
CCOO informa de que seguirá traballando estas propostas co resto de grupos. E advirte tamén que, se non se dá unha solución urxente á xubilación parcial das empregadas e empregados públicos, iniciarán un proceso de mobilización.

