O Goberno e os partidos deben comprometerse a buscar solucións decontado para que ningunha familia sexa expulsada do seu fogar sen alternativa habitacional digna e para garantir as subministracións básicas da vivenda
O xoves, 26 de febreiro, o Pleno do Congreso debateu a validación de catro reais decretos lei:
- Real decreto lei 1/2026, de 27 de xaneiro, de axudas ás vítimas dos accidentes ferroviarios de Adamuz (Córdoba) e Gélida (Barcelona), que foi validado.
- Real decreto lei 3/2026, de 3 de febreiro, para a revalorización das pensións públicas e outras medidas urxentes en materia de seguridade social, que foi validado.
- Real decreto lei 2/2026, de 3 de febreiro, polo que se adoptan medidas urxentes para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social, en materia tributaria e relativas aos recursos dos sistemas de financiamento territorial, que foi derrogado.
- Real decreto lei 4/2026, de 10 de febreiro, polo que se garante a accesibilidade equitativa a bens e servizos en situacións de emerxencia, que foi derrogado.
Desde CCOO esiximos que, nun exercicio de responsabilidade no respecto e a protección dos dereitos humanos, o Goberno e os partidos políticos se comprometan de maneira inmediata a buscar solucións estruturais que garantan que ningunha familia sexa expulsada do seu fogar sen unha alternativa habitacional digna, adecuada e estable, así como a garantir as subministracións básicas da vivenda. Así mesmo, esiximos a garantía orzamentaria dos servizos públicos básicos proporcionados polas CCAA e os concellos.
Rexeitamento á prórroga da moratoria antidesafiuzamentos
O RDL 2/2026, o do «escudo social», foi rexeitado polos 177 votos en contra do Partido Popular, VOX e Junts. Nel incluíase a prórroga da moratoria de desafiuzamentos para familias vulnerables, a extensión dos descontos do bono social eléctrico e a garantía de subministracións básicas (auga, luz e gas), amais de medidas fiscais e de financiamento territorial.
Entre os argumentos esgrimidos insistiuse no falso suposto de incremento exponencial da ocupación de vivenda habitual. Non obstante, os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) mostran unha realidade distinta: os delitos por usurpación ou invasión de morada pasaron de 17 500 en 2017 a 16 000 en 2024, dos cales 1600 corresponden a vivendas habituais. Así mesmo, as condenas reducíronse de 6700 a 3300 nese mesmo período. Non se observa, por tanto, o incremento sinalado, especialmente se se compara co total do parque de vivendas en España (26,8 millóns, das cales 19,3 millóns son habituais).
A non aprobación do RDL 2/2026 permitirá reactivar ata 70 000 desafiuzamentos que quedaran suspendidos entre abril de 2020 e decembro de 2025. A isto súmanse os aproximadamente 27 500 lanzamentos que se producen cada ano. Estes datos evidencian, ademais, que as Administracións públicas non estaban cumprindo ao xeito coa súa obriga de realoxar familias en situación de vulnerabilidade: só se estaba facendo no 5 % dos casos. Tampouco se aplicou con eficacia o mecanismo de compensación a propietarios por rendas non percibidas: de 6400 solicitudes presentadas (a maioría pequenos propietarios), só 2850 foron recoñecidas, con miles de expedientes aínda en tramitación. Esta situación reflicte un claro deixamento, especialmente por parte das comunidades autónomas, responsables da xestión e execución destas medidas.
A non validación deste RD lei é unha pésima noticia que vai afectar a miles de persoas ás que non se lles está a dar alternativa. A irresponsabilidade que supón non alcanzar un acordo nesta materia é enorme.
Fin do bono social eléctrico e risco de pobreza enerxética
Tampouco se prorrogou o bono social eléctrico, con descontos do 42,5 % para consumidores vulnerables e do 57,5 % para vulnerables extremos, nin a prohibición do corte de subministracións básicas a estes fogares. Aínda que desde CCOO vimos denunciando a súa escasa eficacia —só arredor do 25 % dos fogares que potencialmente poderían acceder a esta axuda se están beneficiando dela—, a súa non aprobación suporá un duro golpe para os fogares máis vulnerables que si podían acceder a el, que no poderán asumir os custos enerxéticos das súas vivendas, con graves consecuencias para as súas familias, como a imposibilidade de manter temperaturas saudables na casa.
Medidas en materia de financiamento local e autonómico
O Real decreto lei 2/2026 incluía tamén medidas sobre financiamento local e autonómico co obxecto de garantir a estabilidade financeira dos concellos e as CCAA nun contexto de prórroga orzamentaria. Para iso, actualizábanse as entregas a conta. Para CCOO, a non actualización xerará tensións contables relevantes sobre a tesourería das Administracións locais e autonómicas, dificultando a garantía de servizos públicos fundamentais (sanidade, educación, dependencia ou servizos sociais) e o pagamento a provedores, con consecuencias para a cidadanía e as empresas.
Paralización de incentivos fiscais «verdes» e outros
Quedan tamén sen efecto os incentivos fiscais no IRPF para a rehabilitación enerxética de vivendas, a compra de vehículos eléctricos e puntos de recarga, así como os incentivos no imposto de sociedades dirixidos a empresas. Trátase de medidas orientadas á transición ecolóxica que agora quedan en suspenso.
Ademais das medidas destinadas a evitar despedimentos en empresas que reciben axudas públicas, tamén se incluían exencións fiscais para as axudas concedidas con motivo da DANA e os incendios do pasado verán. A súa non aprobación non só frea o impulso á rehabilitación enerxética e a mobilidade sostible, senón que debilita instrumentos fiscais que buscaban protexer fogares, traballadores e empresas en contextos de especial dificultade económica e climática.
Non se garante a accesibilidade equitativa a bens e servizos en situacións de emerxencia
Por último, o Real decreto lei 4/2026 tamén foi rexeitado polos votos do Partido Popular, VOX e Junts. O obxecto do RD lei era garantir a accesibilidade equitativa a bens e servizos en situacións de emerxencia. É dicir, evitar incrementos especulativos derivados de alteracións excepcionais de oferta e demanda, protexendo os consumidores e, en especial, aqueles en situacións de vulnerabilidade, como ocorreu cos transportes públicos despois dos accidentes ferroviarios. A imposibilidade de usar o tren supuxo incrementos exponenciais do prezo dos voos ou outros medios de transportes. Ao non se validar, continuará permitindo que os prezos de servizos ou bens poidan incrementarse sen límite ningún en situacións conxunturais de emerxencias ou catástrofes, prexudicando a maioría da cidadanía.
En conclusión, unha xornada parlamentaria de sabor máis ca agridoce, onde se despexaron as dúbidas en materia de Seguridade Social e axudas ás vítimas do accidente ferroviario, pero se abandona á súa sorte a miles de persoas vulnerables e a millóns de consumidores en situación de maior fraxilidade ante situacións de emerxencia de prezos.

