CCOO Ensino propoñemos que as Ensinanzas Artísticas Profesionais teñan as mesmas posibilidades ca a FP

O sindicato considera que se debe poñer fin á marxinación histórica destas ensinanzas.

CCOO Ensino entendemos que o novo real decreto que se está tramitando é unha oportunidade histórica para dignificar, por fin, as Ensinanzas Artísticas Profesionais de Artes Plásticas e Deseño (EAPAPeD). A normativa vixente —e especialmente a Lei orgánica 3/2022— marca claramente a necesidade de superar modelos fragmentados e de equiparar todas as ensinanzas profesionais ao sistema produtivo e cultural actual. Por iso defendemos que as EAPAPeD deben ter as mesmas garantías, posibilidades e estrutura que a Formación Profesional.

O propio real decreto recoñece que estas ensinanzas se organizan seguindo o modelo de FP, pero logo non incorporan o sistema de graos (A, B, C, D e E), que é a base da nova FP. Esta incoherencia deixa as nosas ensinanzas en desvantaxe respecto a FP, tanto para o alumnado como para os centros e os oficios artesáns.

Que propoñemos?

Ampliar o artigo 5 para que as EAPAPeD non queden limitadas exclusivamente ao Grao D (ciclos formativos). Defendemos que poidan ofrecer todo o abano de titulacións do sistema de FP:

  • microcredenciais,
  • acreditacións parciais,
  • formacións de curta duración,
  • cursos de especialización, etc.

Isto non é un capricho: é coherencia normativa e é clave para a supervivencia e a evolución destas ensinanzas.

Motivos que sustentan a nosa proposta

  1. Flexibilidade formativa real. Os graos menores (A, B e C) permitirían aos centros ofrecer formacións breves, certificables e adaptadas a técnicas específicas. Isto encaixa perfectamente co funcionamento do sector artesanal e artístico.
  2. Apoio aos oficios artesanais. Moitos oficios non teñen demanda suficiente para soster ciclos de 2000 horas. Porén, si poden manterse a través de módulos máis concretos ou cursos de especialización. É a forma de evitar que desaparezan.
  3. Actualización profesional do sector. Artesás, artesáns e artistas poderían acreditar competencias sen necesidade de cursaren un ciclo enteiro. Isto dinamiza o sector e faino accesible a profesionais xa en activo.
  4. Cohesión territorial. En zonas rurais ou con pouca poboación, é máis viable ofrecer graos pequenos ca ciclos completos. Isto garante presenza educativa e cultural en territorios onde, doutro xeito, sería inviable.
  5. Coherencia técnica. Non hai motivo ningún para que, por exemplo, a Forxa artística non poida certificarse como un Grao B, igual que ocorre con Soldadura na FP. Trátase de aplicar os mesmos criterios a todos.
  6. Evitar a fuga de alumnado. Se as EAPAPeD quedan fóra do sistema de graos, o alumnado que queira formacións breves irá para a FP. Isto debilitaría a nosa oferta, a nosa identidade e a nosa posición dentro do sistema produtivo e cultural.
  7. Acceso ao financiamento. Aliñarse coa FP permitiría acceder a fondos destinados a microacreditacións e formación continua. Sen isto, quedariamos sempre un paso atrás e con menos recursos.
  8. Colaboración con obradoiros artesanais. Os obradoiros poderían impartir graos menores, o que facilitaría a remuda xeracional e unha relación máis directa entre as escolas e o tecido produtivo real.
  9. Sinerxías entre FP e ensinanzas artísticas. A integración plena permitiría crear itinerarios de ida e volta entre FP e EAPAPeD. Isto xeraría unha formación máis rica, interdisciplinaria e adaptada ás novas industrias culturais e creativas.

Desde CCOO Ensino seguiremos loitando para que a marxinación histórica destas ensinanzas conclúa e se permita o seu lexítimo espazo, dentro das ensinanzas profesionais, en plena igualdade de condicións.