Esta folga será o punto de partida dunha serie de mobilizacións que confluirán en Madrid o vindeiro 23 de maio.
As Federacións estatais de Ensino e de Servizos á Cidadanía de CCOO presentamos en conferencia de prensa un plan de mobilizacións de ámbito estatal para o primeiro ciclo de Educación Infantil (0-3 anos), tanto nos centros de carácter privado como público.
O primeiro ciclo de Educación Infantil (0-3), unha das etapas educativas máis relevantes do sistema educativo e que atende un alumnado de 468 000 nenas e nenos, sofre un abandono histórico por parte das Administracións públicas educativas e por parte das patronais que foi derivando en malestar e no conflito que estalou nas últimas semanas.
Teresa Esperabé Prieto, secretaria xeral da Federación de Ensino estatal, e Lucho Palazzo Gallo, secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía estatal, expresaron na conferencia de prensa que neste momento é imprescindible estender e organizar a loita, e por iso CCOO convocamos unha folga o 7 de maio en todo o Estado e en todos os sectores do 0-3, sexa cal for o modelo de provisión e xestión dos centros.
Esta convocatoria inicia unha batería de mobilizacións que se concretarán e desenvolverán nos distintos territorios e confluirán nunha gran marcha en Madrid o vindeiro 23 de maio.

