O sindicato dirixiuse ao ministro Óscar López para solicitar unha resposta expresa sobre o cumprimento do acordo entre Goberno e sindicatos respecto á suba salarial e outras materias
A Área Pública de CCOO envioulle un escrito ao ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, no que solicita ao Goberno que articule unha norma legal que garanta a suba salarial pactada para os máis de tres millóns de empregadas e empregados públicos.
O Acordo marco para a mellora do emprego público e servizo á cidadanía asinado por CCOO, xunto a UGT e CSIF, establecía un incremento salarial fixo do 2,5 % para 2025; un incremento fixo do 1,5 % e un incremento variable do 0,5 % con carácter retroactivo desde xaneiro do 2026 (dependendo do resultado definitivo do IPC); un incremento fixo do 4,5 % para o ano 2027 e outro do 2 % para 2028.
Ao se tratar dun compromiso pactado e que foi referendado pola maioría dos grupos parlamentarios, o sindicato entende que, debido á situación extraordinaria tras o anuncio de eleccións xerais, cómpre que o Goberno aprobe unha norma que garanta a dita suba salarial.
Igualmente, CCOO insta o ministro a que axilice o desenvolvemento do resto de materias comprometidas no Acordo marco, tanto en materia salarial como as indemnizacións ou pluses de residencia ou por razón de servizos; a mellora de haberes reguladores para o persoal suxeito a clases pasivas; a actualización salarial do servizo exterior; e o resto de materias recollidas no Acordo en relación co emprego público, dixitalización, saúde laboral ou igualdade a través da Comisión de seguimento e dos grupos de traballo creados para o efecto.

